O lume, problema no rural, cuestión social

Boiro ( A Coruña ). Incendio de un almacén de la empresa J.J. Chicolino, dedicada a la fabricación de cuerdas, cuerdas para mejillón y redes,
O lume, problema no rural, cuestión social

A día da publicación deste artigo, sabemos que o 30% da superficie ardida no Estado corresponde a Galiza. Un ano máis, cando chegan as altas temperaturas chegan tamén os incendios forestais, para converterse, un ano máis, na praga mais importante e perigosa no noso país.

Eu lémbrome, de cativo, que cando había un incendio as campás da igrexa alertábannos e toda a parroquia participaba na súa extinción, dun xeito máis que notábel tanto que na maioría dos casos non existía outra intervención máis que a dos veciños, e polo xeral a superficie queimada era pequena por varias razóns, porque o número de brazos para loitar contra as lapas era elevado, porque o monte estaba máis limpo (aproveitábase), os camiños públicos valían de cortalumes xa que estaban limpos e axudaban a deter o incendio. Hoxe en día a poboación do rural está formada maiormente por xubilados, polo que non hai brazos, o monte xa non se limpa como antes, é máis, avanza dado que o abandono das terras agrarias é unha constante (máis combustíbel para o lume), e os camiños están cheos de silvas (abandonados) o cal non só non axuda a deter o lume, senón que impide o acceso para poder facerlle fronte, é así como os incendios se propagan descontroladamente até converterse nos protagonistas das noticias.

Ao lume no se lle fai fronte unicamente con medidas de extinción, que sí son necesarias dado que, nos guste ou non os incendios forestais son unha realidade cada verán. O máis importante para atallar este grave problema son as medidas de carácter preventivo, é preciso por en marcha medidas que axuden a minimizar o problema (cando se produce) de xeito que a extinción dos incendios sexa máis doada. Compre tamén indicar que a eficacia das medidas de prevención dáse a medio e longo prazo polo que para levalas a cabo e preciso aplicar políticas globais, con visión de futuro e sobre todo crer na capacidade do noso agro e do noso monte para crear riqueza o tempo que mantemos equilibrio ecolóxico e paisaxístico.

As políticas de actuación son fundamentais, e como xa dixen precisan dun tempo para seren efectivas, "desgraciadamente" dependen de que ideoloxía é quen as pon en práctica. O actual goberno do PP carece de políticas para o rural galego, pero non tivo ningún reparo en "aparcar" as medidas postas en marcha polo nacionalismo cando gobernou, tales como:

1.- A limpeza perimetral dos núcleos de poboación, destinadas a proteción da poboación e das propias construcións fronte o lume, foi eliminada en nome da crise polo (des)goberno do PP e así atopámonos cun grave problema, cando o lume avanza cara as casas, poñendo en perigo aos veciños/as, as construcións, e tamén ás propias brigadas que padecen a angustiosa situación de ter nas súas mans a responsabilidade de salvar o fogar e incluso as vidas dos veciños/as. Estamos en crise, SÍ, pero se arde unha casa, o valor económico é maior do que pode valer a limpeza perimetral da aldea, polo que a medida aforrativa anti-crise deixa de ser tal.

2.- As Unidades de Xestión Forestal (UXFOR), creadas para cultivar e aproveitar o monte. Pois sabemos do minifundio existente no noso país onde un propietario/a ten varias parceliñas de monte ciscadas (non vai nin a elas). As UXFOR eran un un proxecto de xestión colectiva para o aproveitamento e uso destes terreos (limpeza, camiños, puntos de auga, ordenación de cultivos, etc.). Pero coa chegada do (des)goberno do PP foron suprimidas, mais ben crearon "outro tipo de xestión" para o noso monte, pero sen apoio económico co cal o proxecto nace morto.

3.- O Banco de Terras (Bantegal), importante para manter a base territorial das explotacións, pero que referíndonos o que neste artigo se trata (o lume) resulta imprescindíbel para parar o avance do lume cara as zonas de cultivo e núcleos de poboación, outra iniciativa que acabou no caixón, non interesa ás políticas do PP.

Penso que dende o nacionalismo, frente a iste problema é preciso dar o debate político e social, plantexando as nosas propostas, argumentándoas con firmeza, dado que os problemas hai que buscar-lles solución, non vale dicir (como fai o goberno da Xunta) que hai que reducir gastos pola crise, ou ante a morte de dúas persoas na extinción dun incendio cargar de palabrería barata como fai o Sr. Conselleiro do ramo (Juárez) que a culpa é de non se sabe quen.

Fáltanme por ver ao Sr. Presidente da Xunta (Feixóo) co seu pantalón branco e camisa azul, coller a mangueira da auga (como fixo no verao de 2005) para parar os lumes, aínda que, persoalmente prefiro que non colla a mangueira e poña a andar primeiro ao seu conselleiro, e logo medidas globais e con visión de futuro para que campe polos noso rural a riqueza e armonía da paisaxe no canto do lume e do abandono.