O inimigo sigue téndoo claro, e nós?

O inimigo sigue téndoo claro, e nós?

Até hai pouco estaba claro que eran as nacións sen estado na súa loita pola soberanía quen poñían en cuestión a arquitectura deseñada na chamada transición democrática, pois a esquerda española tíñase comprometido totalmente co pacto que no seu momento impediu a ruptura co franquismo e non se tiña producido a aparición dunha nova esquerda española política, sindical ou social con presenza e capacidade de influencia real.

Lembremos ademais que o momento máis crítico polo que segundo a historia oficial pasou o actual réxime foi o golpe de estado do 23 de febreiro de 1981, e este non se produciu polo perigo á instauración dunha república vermella en España senón co obxectivo de defender “la unidad de España” fronte ao separatismo, golpe de estado que rematou co famoso “pacto do capó” aínda non suficientemente explicado e cun cambio radical no deseño das chamadas autonomías, pasando da idea inicial de diferenciar as consideradas históricas co recoñecemento dunhas competencias maiores a crear o chamado estado das autonomías que pasa a tratar a nacións, a rexións e incluso a provincias dun xeito semellante, implantando así o chamado “café para todos”.

Nos últimos anos debido aos efectos da crise económica quen temos a convición de que sigue a ser a cuestión nacional o talón de Aquiles do sistema e que seguimos a ser as organizacións soberanistas as que socavamos os cimentos do mesmo, temos sido rodeados por múltiples voces dicíndonos que non é así, voces que recuperan o argumentario de sempre da esquerda españolista, “o importante son as cuestións sociais”, “coas bandeiras non se come”, “o nacionalismo divide e debemos unirnos fronte á dereita”..., un argumentario que ten producido un nivel importante de confusión nas nosas propias filas. Confusión que ten levado a algúns sectores a explorar outras vías xa hai tempo experimentadas con resultado negativo, non sei se levados pola impaciencia de ver que nunha situación crítica como a actual non damos avanzado, por non ser quen de interpretar un campo de xogo no que participan novos actores e no que actores tradicionais mudaron de táctica de xogo para tentar meternos gol máis facilmente, ou por unha involución ideolóxica, que todo pode ser.

As eleccións catalás do pasado domingo penso que volven deixar as cousas no seu sitio, estou contento polo feito de que o pobo catalán apoiara maioritariamente ás opcións declaradamente independentistas pois sendo consciente de que é cada pobo o que debe dirixir o seu proceso de liberación e de que non se poden facer traslados miméticos de experiencias tamén teño claro que un avance de outro pobo, neste caso do pobo catalán, é positivo para nós.

Calquera que proceda a analizar o comportamento dos distintos poderes do estado español, das distintas organizacións políticas de centro de decisión en Madrid sexan as españolistas declaradas ou sexan as chamadas emerxentes, do sindicalismo, do empresariado, etc..., tod@s fixeron unha pinza tentando de impedir por todos os medios que o pobo catalán decidira, unha pinza na que non tiveron problema en internacionalizar o conflito chamando á Unión Europea e ao sheriff do imperio a intervir en defensa do unionismo.

O verdadeiro inimigo da España da Constitución do 1978 segue a ser a loita de liberación nacional, e non o digo eu como xeito de masturbación intelectual, dino tod@s el@s pois nos case corenta anos do actual réxime político non se dera unha alianza e unha mobilización tan grande para tentar dobregar a quen se enfronta ao poder establecido coa arma pacífica do VOTO.

E para quen loitamos pola liberación nacional de Galiza demostrouse tamén que non vai haber atallos posíbeis voando con alas emprestadas como no seu día dixo Bautista Álvarez. Quen pensaban que viña de aparecer nesa forza emerxente chamada Podemos un aliado que nos favorecera andar o camiño creo que tiveron ao longo da campaña electoral e nas valoracións postelectorais suficientes elementos para decatarse de que nada de nada, é a historia de sempre pero poñéndolle o apelido 2.0 para parecer unha historia moderna.

Nun par de meses celebraranse eleccións ás Cortes do estado e moi probabelmente haberá mudanzas no mapa político, hai quen anuncian que froito desas eleccións chegará por fin a ruptura, oxalá e repítoo con maiúsculas OXALÁ, pero non vai ser desta e el@s sábeno perfectamente pero unha de dúas, ou xogan co desexo da xente para simplemente ter uns cantos deputad@s máis ou son uns irresponsábeis aos que lles dá igual crear falsas esperanzas ao pobo.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.