O inimigo Ruso unha vez máis

O inimigo Ruso unha vez máis

Un ser que proceda do espazo exterior e entre en contacto por primeira vez co planeta terra, ficaría abraiado ao comprobar que nestes días estanse conmemorando os trinta anos da desaparición Unión Soviética, estado que se nos presenta como tiránico, e que tiña por obxectivo converter o planeta nun inmenso cárcere; pero ao tempo advírtese ao mundo de que o maior perigo para a seguridade mundial e para a liberdade, é a existencia dun estado capitalista edificado sobre as ruínas da maligna Unión Soviética, un estado capitalista chamado Rusia.

Verdadeiramente están tan loucos estes terrícolas?

Non sei que dicir, pero a impresión maioritaria entre a poboación occidental é que esa Rusia liberada hai trinta anos da tiranía, e en concreto o seu presidente Vladimir Putin, supoñen o maior perigo para a estabilidade do planeta, debido a unha agresiva política para cos seus estados veciños, e especialmente para coa súa veciña Ucraína. Impresión asentada con firmeza na cidadanía polo eficiente labor das factorías creadoras de realidade virtual, unha realidade virtual que fabrican partindo das directrices emanadas da superpotencia que leva tres décadas querendo impoñer unhas normas de funcionamento das relacións internacionais que só a ela benefician.

Unha desas factorías creadoras de realidade virtual, o xornal español El País, o pasado 25 de decembro publicaba un editorial titulado “As ameazas de Putin”; un texto claramente belicoso e máis propio da época da guerra fría que do momento actual. Nese editorial, entre outros cualificativos nada amábeis, considerábase a Vladimir Putin un sanguinario, comparando ademais a súa “agresiva” política coa de Hitler nos anos 30 do século pasado, e lembrábase ademais que o ditador nazi desencadeou a segunda guerra mundial por non telo parado a tempo. Nese editorial acusaban ao presidente ruso de dirixir unha potencia revisionista que “...desatende os acordos multilaterais vinculantes, ao igual que China...”

Curiosamente o día antes da publicación dese editorial, Mijail Gorvachov tachaba a occidente e especialmente aos EUA de arrogantes, por considerarse vencedores da guerra fría e querer construír un novo imperio coa ampliación da OTAN ao leste. Unha ampliación que, como ten manifestado repetidamente o antigo líder da URSS, é contraria ás promesas que lle fixeron os EUA cando as conversas para a reunificación de Alemaña; conversas nas que ademais se comprometían a que as tropas da OTAN non se despregarían máis alá de Alemaña. Desgraciadamente esas palabras de Gorvachov, a quen El País ten cualificado en múltiples ocasións como heroe e peza chave no proceso que levou á desaparición da URSS, non mereceron ser publicadas por esta factoría creadora de realidade virtual; de telo feito perdería credibilidade a liña argumental central, que se resume en que Vladimir Putin é un maligno.

Non son admirador de Vladimir Putin, e moito menos do sistema capitalista; pero se queremos analizar correctamente a actual situación de tensión, non podemos obviar que á Rusia posterior a 1991 tíñanlle asignado o papel de ser unha simple fornecedora de materias primas e un inmenso mercado para que as empresas estranxeiras fixeran os seus negocios. Ese papel foi ademais asumido docilmente polas novas elites, integradas en moitos casos por persoas procedentes de sectores corruptos da burocracia soviética que deron o salto a converterse en grandes empresarios e xestores dos intereses das transnacionais que saquearon o país. Putin, desde a súa chegada ao Kremlin veuse que busca algo distinto, e sendo un defensor do sistema capitalista non acepta que Rusia funcione como un monicreque, e busca ter voz propia no marco internacional.

Se algo demostran os movementos que realiza no taboleiro da política internacional, é que Rusia vén actuando polo xeral en resposta a unhas agresións dos EUA, que son secundadas e aplaudidas sempre polos seus aliados da OTAN e da Unión Europea. Só precisamos observar nun mapa o proceso de ampliación da OTAN nos últimos vinte e cinco anos, para comprobar como foi integrando á maioría de países que formaron parte no seu momento do Pacto de Varsovia, creándose na práctica un novo muro, que desta vez non é o muro de Berlín, senón o conformado por todos os membros da OTAN que rodean Rusia. A esa expansión claramente agresiva podemos sumar as chamadas revolucións de cores, xurdidas todas elas de xeito supostamente espontáneo entre os anos 2000 e 2009 en diversas repúblicas ex-soviéticas, e que buscaban derrubar gobernos que non eran dóciles ou operativos para os intereses occidentais.

Nos últimos tempos as escusas céntranse en dous elementos, o apoio ao que occidente chama “último ditador de Europa” e a política de Putin para coa súa veciña Ucraína, pero como dixen son só as escusas dos últimos tempos. A verdadeira razón desa campaña contra Rusia e de demonización de Putin está en que os EUA segue a considerar que o planeta é da súa propiedade, e por tanto debe funcionar en base ao deseño que eles fan.

A tensión ten aumentado desde o verán, con acusacións por parte da OTAN e dos países membros da UE de que Rusia está realizando importantes movementos de tropas con intención agresiva, acusacións acompañadas do anuncio de medidas sancionadoras e envío de máis armamento e apoio militar a Ucraína. A estas acusacións o goberno ruso ten respondido que calquera movemento de tropas caso de producirse é dentro das súas propias fronteiras, algo que non acontece cos miles de soldados da OTAN estacionados en Europa do leste e que non pertencen aos exércitos deses países. Pero a cousa non quedou nun cruce de acusacións como outras veces, sorpresivamente o 15 de decembro o goberno ruso entregou ao dos EUA dous proxectos de acordo para tentar regular as situacións de tensión que se poidan producir entre ambos estados, documentos que fixo públicos dous días despois.

Como manifestou Putin na súa intervención no último Foro de Davos, Rusia non está disposta a admitir ser acantoada mentres os Estados Unidos seguen adiante co seu obxectivo de impoñer un mundo unipolar. As actuacións rusas poden gustar máis ou menos, pero no ámbito internacional parten do principio de que debe haber unhas regras mínimas que garantan un equilibrio, por iso defende o que se coñece como multilateralismo, e a existencia de distintos actores nese ámbito que deben dialogar asumindo as lóxicas diferencias ideolóxicas.