O imprescindíbel da militancia

O imprescindíbel da militancia

A verdade non podo deixar de escribir algo despois de ler esta nova. E teño que confesar a indignación que sentín ao vela
.

Mentres lía esperaba (espero) que fose unha esaxeración ou invento de La Voz de Galicia , tan acostumada a fantasear co BNG e as conspiracións internas. A veces penso que este xornal debería pedirlle a Diego Ameixeiras que lle fixera a crónica política ,xa que, el tamén creou o seu sub mundo bloqueiro, iso si, polo menos el recoñece que é ficción.

Pois ben, esta nova provoca en min (e estou segura que en moita xente) unha sensación rara que me gustaría partillar esperando que ninguén me tache de controladora nin sectaria por amosar o meu desacordo co que están a facer determinados alcaldes do Bloque (respectando en todo o momento o seu criterio e opinión xa que é indubidábel (independentemente do meu desacordo con esta cuestión concreta ) que eles son compañeiros que loitan polo nacionalismo nun momento crítico).

Fai xa anos que moitos de nós, decidimos apostar pola organización política sabendo de antemán que non estábamos destinados a cambiar o sistema no que interactuamos , pero si convencidos de que o traballo, tanto en senso estrito como no senso ideolóxico, ía a contribuír a abrir unha fenda no sistema. Pequena si, pero fenda ao fin e ao cabo. Así traballamos os militantes, orgullosos, sabendo que o obxectivo final é recuperar o traballo daqueles incansábeis que deron mesmo a vida por cambiar o xeito de facer política e conseguiron que moita xente percibira a realidade dende outra perspectiva.

Nós, os militantes, asistimos ás convocatorias sabendo de antemán que a nosa presenza individual pasará inadvertida pero que colectivamente faremos que o nacionalismo se visibilice na rúa, nas vilas , nas cidades... en toda Galiza.

Ao ter claro o obxectivo e a nosa funcionalidade como militantes non nos frustramos coas primeiras derrotas porque estamos convecidos de que os tempos serán chegados. E sen medo, defendemos que a nosa organización non é igual a todas.

No tempo que levo militando activamente participando nos órganos de representación do BNG , como as asembleas e consellos comarcais e locais , comisións , grupos de traballo ... descubrín que a xente que máis admiro dentro de esta organización é xente que ao mellor non ten un cargo institucional nin sae constantemente nos medios, senón que leva anos razoando e traballando coa militancia. Activándoa para seguir contribuíndo a esa fenda que abrimos pouco a pouco.

Tamén teño traballado con cargos institucionais con concelleiros e con algún alcalde( sobre todo con algunha concelleira multi atarefada) que traballan por esta organización de xeito colectivo , formando equipo, e moitas veces deixando de lado logros individuais polo ben do proxecto común (ningún de eses cargos está no artigo da Voz , e voume atrever a dicir que algunha antes de asinar ese manifesto faría 400 largos sen saber nadar...).

Preocúpame enormemente o manifesto dende dous puntos de vista. O primeiro deles, a forma. Porque estou segura que non era a súa intención mais pode, que a militancia nos sintamos ofendidos por non entender porque as canles de representación habituais non son suficiente para os alcaldes. Ao fin e ao cabo, non son máis que un cargo escollido por todos nós para seguir a liña política do bloque deseñada polas asembleas locais estean ou non de acordo.

Se hai problemáticas específicas por suposto deben ser escoitadas pola organización pero de abaixo arriba e dende logo semella inadmisíbel que algúns militantes nos enteremos pola prensa. Tamén os concelleiros da oposición terán manifesto? E o grupo parlamentar? E os candidatos sen representación?

O outro punto de vista que me preocupa é o contido: os riscos asociados da renovación.Levo xa tempo escoitando con cautela iso de "abrirse á sociedade" Pero o que me gustaría saber é: como ou en que consiste esa apertura? Non vaia a ser que mentres abrimos ás portas, outros, que levan moito tempo confiando en nós aproveiten para saír fuxindo.

Con isto quero dicir, que para formular o discurso da apertura é necesario recoñecer a situación inicial. O nacionalismo galego non ten unha ampla base social por diferentes causas históricas, económicas , sociais ...etc previas ao BNG. Partindo desta situación temos que pensar como podemos ampliar a base do nacionalismo non o número de votos. Porque precisamos de moitos nacionalistas que transformen a realidade. Os apoios intencionados en función do tema ( fusión de caixas si , pero no da lingua) poden favorecernos como organización nun momento concreto pero non van a facer de Galiza un país liberado. Por suposto , lembro que aínda que o BNG sexa un partido político non é como os demais , polo que eu dende logo prefiro un avance lento pero orientado a un ascenso rápido que desapareza en canto a protesta do bloque non coincida coas demandas concretas dalgún grupo. Unha cousa e facer pedagoxía e outra e converternos nun "catch all party".

En todo caso recollendo as declaracións da Voz (insisto en que non teño por norma acreditar neste medio) repito textualmente o que dicía un dos alcaldes: "Moitas veces o BNG non pode ir tan lonxe no en seu discurso porque a xente non o entende" "cremos nunha organización que ás veces non entende ao país no que está" "non temos vocación de ser marxinais, nin moito menos; cremos que a sociedade necesita un instrumento forte e potente como é o BNG, pero entendemos que hai outra xeito de chegar á xente».

Eu como unha militante máis respondo que si que hai máis xeitos de chegar á xente. A través dunha organización forte cun discurso claro pensado para as clases traballadoras, que faga da nosa cultura e lingua principal argumento e na que todos poidamos ter a mesma voz. A misión do bloque non é gobernar a misión do bloque é transformar , o goberno é unha vía máis pero non a única.