O imperialismo en Europa

O imperialismo en Europa

Nun artigo delirante publicado a segunda feira 30 de Abril en El País ("Nacionalismos contra la Unión"), o ex chefe do Goberno español e sedicente gurú da socialdemocracia internacional, Felipe González, pouco menos que atribúe a crise do capitalismo unionistaeuropeu ao que el chama "nacionalismos". O nacionalismo sería un virus e unha patoloxía que na historia de Europa tería dexenerado en conflitos bélicos no Século XX e bla, bla, bla (é verdadeiramente cansativo verificar como os reaccionarios, con rétorica mil veces repetida, non perden comba para atacar o nacionalismo, coa mesma paixón coa que tamén se batían, e aínda baten, contra Marx).

É unha característica do irracionalismo a subversión da linguaxe. As vítimas deveñen verdugos. O desbaldimento de recursos públicos vía endebedamento masivo chámase austeridade. As operacións de saqueo de países inermes do Terceiro Mundo baptízanse como Liberdade Duradeira. Os recortes salvaxes do gasto social desígnannas como reformas. Mais por moito que se xogue cos vocablos a realidade obxectiva está aí. Os confrontos armados en Europa no Século XX non foron secuela da loita dos pobos pola súa emancipación, senón que foron o subproduto de choques inter-imperialistas e da deformación fascista que o capitalismo europeu adoptou en determinados espazos do continente (e nomeadamente en Alemaña) como reacción dialéctica face o avanzo do socialismo.

Non hai tal sabotaxe nacionalista contra a Unión, embora só sexa porque infelizmente o nacionalismo é un fenómeno político que aínda carece da suficiente masa crítica en Europa. O nacionalismo dáse cando hai unha nación por liberar. Non hai nin pode haber nacionalismo en Alemaña, Italia ou España. Hai chovinismo. Hai imperialismo.

A NACIÓN GALEGA EXISTE

Unha palabra non pode designar un fenómeno e o seu contrario. Se hai nacionalismo galego (e haino porque a nación galega existe en tanto que nación oprimida), non pode haber nacionalismo español. O que hai é nacionalismo galego face o españolismo, como forma que o imperialismo adopta no Estado. O principal problema na UE (que non en Europa, aquela identíficase por metonimia con esta e esta vai moi alén daquela) non está situado nin nas nacións sen Estado nin tan sequera nas estruturas estatais. A reacción defensiva dalgúns dos Estados (non desde logo o español) fronte a UE, contra a que advirte Felipe González, non é unha reacción nacionalista, é unha reacción fronte á evidencia de que o aparato central da UE (a Comisión, o BCE) non está para servir os intereses xerais, senón os intereses exclusivamente dunha parte, os de Berlín. O problema, portanto, estaría no dominio imperial que Alemaña exerce sobre a UE, transmutada nunha sorte de novo Reich, o espazo vital polo que suspiraba Adolf Hitler. Non por acaso o Estado de Baviera vén de tomar a decisión de permitir a reedición do Mein Kampf. Os fins de Hitler e de Merkel son os mesmos: a expansión do grande capital alemán. Só mudaron os medios. Merkel trunfa sen pánzers alí onde fracasou Hitler.

Contra ese imperialismo hexemónico en Europa apenas levanta a voz Felipe González. A crise do capitalismo unionistaeuropeu non ten a ver coa existencia de movimentos nacionalistas europeus, mais si ten coma orixe a prevalencia dun poder imperialista hexemónico sobre outros poderes (Berlín sobre París-Roma-Madrid). Ese imperialismo é a representación no plano político e económico dos intereses materiais da grande oligarquía financeira e industrial alemá que domina Europa. Ese conglomerado de poder é o que ataca sen piedade os dereitos sociais e os dereitos de nacións como Galiza. Hoxe a loita por un futuro mellor é indisociábel da acción política anti-imperialista. Niso consiste aquí e agora ser nacionalista galego: defender a soberanía da nación propia fronte toda estrutura imperial.