O impacto de Cantares Gallegos na súa aparición

A materialización, a explicación histórico-social, da obra rosaliana é un proceso aínda en curso que se fixo notorio nas últimas dúas décadas do século XX. Pode ser casual, mais o empeño coincide co inicio do avance social e institucional do nacionalismo galego. Non en balde, por máis que evidencia tamén a pouca estima que as institucións universitarias teñen pola propia cultura do país, a primeira tese de doutoramento presentada nunha Universidade Galega sobre Rosalía foi en 1988, obra dun nacionalista confeso, após anos de investigación para dar resposta a preguntas nunca antes formuladas. Naturalmente foi difícil e lento o camiño para desvendar a verdadeira imaxe da persoa e a real tendencia da obra rosalianas, proceso aínda non rematado porque inevitabelmente, como pasa con todo grande artista, nunca estará concluso. Houbo precursores moi importantes e cualificados antes da década devandita e algúns deles, como Carvalho Calero, puideron constatar e participar na eclosión de estudos que, conscientemente, ían encamiñados a esnaquizar a visión oficial dominante e consolidada ad maiorem gloriam dos estereotipos que España promove e tolera sobre Galiza e os galegos.
Efectivamente a base de tópicos e de estereotipos incuestionábeis, co recurso todo o máis a unha lectura tanxencial da súa obra, e sempre agachando o rostro real da persoa nunha escura deformación e censura, construíron un mito que deixou fóra todo o que era inconveniente para uns poderes encargados de manter o statu quo ideolóxico, relixioso, moral, cultural, económico e político que conforma España e a forma de incardinarse e someterse Galiza a el. Deste xeito, a obra de Rosalía, concretamente a escrita en galego, mais tamén a escrita en español, nunca fora analizada na súa cosmovisión, a que tendencia filosófica e ideolóxica pertencía, con que matices e peculiaridades, para coñecer con rigor cal era a súa intencionalidade. Por suposto, desatendérase a súa recepción polo público de entón e moito menos se investigara sobre como e por que chegou a ser unha figura simbólica de Galiza, e como tal, produto dunha certa mitificación.
Este ano celébranse os 150 da aparición de Cantares Gallegos. Hai indicios de que algúns críticos e historiadores literarios, tratándose dunha efeméride que a oficialidade está disposta a aproveitar en certa maneira, se mostran especialmente proclives a considerar que a publicación do libro en 1863 tivo un impacto social de tal envergadura, foi un suceso tal que conquistou a fama da que a autora goza e o coñecemento popular da súa poesía. A realidade foi máis matizada e problemática e o proceso para a osmose co pobo máis alongado no tempo. A verdade é que, como a propia Rosalía afirmaba en 1880, Cantares despertaran “aprecio e cariño nalgúns entusiastas” (o subliñado é noso). Naquel entón, segue ela opinando, “era cousa nova e pasaba polo mesmo todo atrevemento”. Foron estes entusiastas os que o aceptaron contentos. Por eles pagaba a pena continuar coa chamada á guerra. A segunda edición en vida da autora, certamente o único libro seu en acadala, fanado un intento en 1867, esperou até 1872, momento en que o recoñecemento popular apareceu por vez primeira, mais na emigración: a designación de socia honoraria da Sociedade de Beneficencia dos Naturais de Galicia na Habana.
Quen foron entón os entusiastas receptores ao comezo? Algúns sectores da pequena burguesía vilega intelectual e ilustrada, a mesma que lle serviu de rede social para conseguir vender o libro (non máis duns centos exemplares, sobre 500) procurándolle subscritores. Velaí algúns nomes: López Seoane, Paz Novoa, Manuel Rúa Figueroa, Ramón Segade, Camilo Álvarez Castro, José María Montes, Baltasar Yáñez del Castillo, Juan Compañel, Indalecio Armesto, Eduardo Chao... A este sector social alfabetizado e especialmente premido polo proceso de españolización estaba destinado o libro, en principio.
Como queira que as recepcións críticas de Cantares nun certo sector da prensa progresista madrileña (El Contemporáneo, La Iberia, El Museo Universal...) foron notábeis en extensión e valoración positiva, pódese botar man deste feito para a gratificación triunfalista. Parece rechamante que un libro en galego puider ocupar semellante atención crítica na Corte, o que viría a demostrar de forma irrefutábel o seu éxito social. Certamente nunca se volveu producir o fenómeno con tal amplitude. Porén, debemos saber que foi Murguía e a súa capacidade de influencia nestes medios nos que traballara ou traballaba, quen logrou semellante milagre. Alén disto, era un momento onde a unidade progresista e demócrata contra o trono de Isabel II non facía noxos á diversidade lingüística e cultural, pois tamén podía xogar contra a monarquía, símbolo da reacción, bipartita, confesional católica e centralista. En certo modo, tamén resulta un síntoma desa inveterada proclividade dos galegos e galegas a procurar eco e recoñecemento en Madrid, como forma de pretender incidir, neste caso, mellor noutros galegos espallados polo conxunto do Estado, o único mercado con potencial para os libros. A recepción crítica nestes xornais madrileños, sendo no global positiva, non deixou de sinalar algunhas arestas molestas para a españolidade en construción: o feito de estar escrito en galego (Evaristo Escalera) e o seu anticastelanismo (Ruiz Aguilera). A ningún se lles escapou a intencionalidade patriótica do libro.
Efectivamente, o impacto inicial relativo, reducido a unha minoría culta, de Cantares non significa que a súa potencialidade simbólica non comezase a desenvolverse desde xa por parte de quen estaba disposto a ver e gustar do que encerraba, propuña e defendía: o dereito de Galiza a ser ela mesma, a entrar na senda do progreso e da modernidade sen renunciar á súa lingua e cultura. Nunha palabra, a seguirmos sendo de condición nacional galega, fronte ao proceso de globalización que, de forma directa, representaba o deseño do Estado centralista en execución, no que o pobo galego era discriminado, vítima de galegofobia e cumpría unha función económica de colonia, incluída a expulsión de inxentes masas de poboación como emigrantes. O valor simbólico do libro, e do nome de Rosalía, e a difusión popular dalgúns dos seus poemas foise construíndo paseniñamente, contra vento e marea, como pinga de auga que vai furando unha rocha. Hai que dicir que a emigración cumpriu un papel substancial neste logro. A este labor tense referido Murguía a altura de 1917, con palabras menos realistas que as de Rosalía no referido ao impacto social inicial do libro: “El entusiasmo que causó la aparición del libro fue grande en las cuatro provincias galicianas, y por extensión entre nuestros paisanos residentes en Cuba y Buenos Aires, quienes hallaron en aquellas páginas, la viva imagen de las cosas, sentimientos y paisajes de la patria ausente. Esto hizo que un lazo estrecho que nada pudo romper, uniese desde entonces su nombre y su obra al amor a los desterrados en quienes el recuerdo de Galicia y la memoria de Rosalía, estableció en su corazón una alianza que ya es imposible que se rompa ni se extinga”. Engadamos nós que, sendo esta compenetración inevitábel, foi contrarrestada por unha tendencia desde os poderes estatais españois a librala de compromisos patrióticos, nacionalistas, aos que o libro, en xeral, e algúns poemas en particular, incitan. Se a identificación era inevitábel, había que reconducila, desviala a unha versión puramente sentimental, lacrimóxena e saudosa, expresión das características inofensivas dos galegos. Mais disto non podemos culpar nin a Rosalía nin o seu libro. Por certo, os seu contemporáneos que leron enteiro Cantares Gallegos non dubidaron en inserilo no movemento reivindicativo das nacionalidades oprimidas na Europa do XIX, en particular Irlanda ou Escocia, nuns casos, ou Bohemia e Polonia, noutros. Sen dúbida Rosalía coñecía moi ben e simpatizaba coa causa irlandesa e polaca, causas nacionais e democráticas, que servían de facho ao incipiente movemento cultural e ideolóxico nacionalista galego.
Por este vieiro chegamos a outro mar proceloso. Era Rosalía nacionalista? Sen dúbida algunha. Radicalmente nacionalista e de temperamento tan independente como independentista. O feito de que esta fase do nacionalismo galego se manifestase nun proxecto cultural non quere dicir que non se sustentase nunha ideoloxía e mesmo nunha práctica, nunha acción social, por máis que non atinxise o nivel da política organizada. Velaquí outra confusión que, ao meu modo de ver, padece a interpretación da historia de Galiza, por certo, non lineal nin progresiva nesta cuestión, como noutras. Baixo o epígrafe provincialismo agóchanse posicións moi diferentes, entre elas o nacionalismo ideolóxico. Que se formase parte ou se estiveses adherido ao partido progresista ou ao demócrata non significa máis que usar dun instrumento orgánico estatal porque non había capacidade social nin predisposición a contar con un propio naquela fase do proceso. Non quere dicir que non houber diferenzas abismais entre os que militaban na mesma formación, e xustamente pola súa forma de encarar os problemas de Galiza e concibir a nosa existencia. López de la Vega, o médico e amigo de Rosalía, dicía, con certa gracia, que, como independentes non podíamos ser, nos adicabamos a iso do provincialismo, que el identificaba co traballo cultural e literario. En todo caso, é difícil, e moito máis tendo en conta unha censura tan férrea como a de entón, non ver Cantares como unha especie de evanxeo nacional. Nel está expresado coa maior contundencia o dereito a sermos nós mesmos na nosa diferenza, a necesidade de termos conciencia nacional, patriótica, o pobo e os seus problemas (propiedade da terra, emigración, quintas, analfabetismo, malos tratos e burlas, ruína dos pazos e falta de clase dirixente propia...) como centro de preocupación e a sensación de que a españolidade, o Estado centralista, só procura a nosa asimilación e a nosa aniquilación : “Galicia, non debes chamarte nunca española”. A reacción rosaliana está provocada por unha oposición radical a que Galiza sexa encaixada no tren dos pobos que non teñen dereito ao futuro, dos destinados a desaparecer, segundo esa visión e deseño eurocéntrico do imperialismo para xustificar todo tipo de opresións e dominios en todos os continentes, a comezar na Europa. Por iso, aproveitando a simboloxía cristiá, recorre, como os nacionalistas polacos, a imaxe do Cristo mártir. Mais, poderosa especificidade revolucionaria rosaliana, única en toda Europa, múdao nunha Virxe mártir para simbolizar Galiza e os seus sufrimentos. Non en balde somos a única nación que ten como símbolo unha muller. Un caso tan excepcional como merecido.