O Goberno galego e o transporte colectivo: Realidade ou apariencia?
No debate político e mediático, cando se abordan as medidas para vertebrar o noso territorio e para superar as fendas que separan a franxa atlántica do resto da nosa nación, adoitase reducir a solución á dotación de grandes infraestruturas de comunicación: autoestradas, autovías, vías de alta capacidade e camiños de ferro de alta velocidade. Resultan en moitas ocasións ser as esquecidas nos “grandes debates” as liñas de ferrocarril de proximidade, que son as que verdadeiramente permiten a mobilidade da cidadanía na súa vida cotiá e o dinamismo económico das nosas comarcas, mais este esquecemento vólvese en ausencia cando do transporte público por estrada se trata, a pesar de ser esta unha das carencias que a cidadanía de gran parte do noso territorio nacional manifesta como prioritarias.
En Galiza carecemos dun verdadeiro servizo de transporte colectivo por estrada que de resposta ás necesidades de mobilidade das persoas. Na actualidade este está conformado por un entramado, a cada día máis concentrado e monopolista, de empresas que contan coa concesión administrativa para explotar determinadas liñas pero que en realidade non cumpren co seu cometido de prestaren un servizo acorde ás necesidades da cidadanía nin en canto ao deseño das súas liñas nin ás súas frecuencias e horarios.
Este feito constitúe unha dificultade obxectiva para aquelas persoas que viven e traballan, ou que pretenden facelo en moitas aldeas e comarcas da nosa nación converténdoas en absolutamente dependentes do vehículo propio para o desenvolvemento da súa vida: acudir ao traballo, á escola, ás institucións, aos servizos sanitarios ou mesmo para o seu lecer. Constitúe pois un obstáculo serio para manter poboación activa nas nosas aldeas.
Son numerosos os concellos galegos que á vista desta carencia se ven na obriga de adoptar medidas para garantir a mobilidade dos seus veciños, optando salvo algunha honrosa excepción como a do concello de Allariz que foi quen de construír unha alternativa propia, por subvencionar ás empresas que son titulares das concesións no seu territorio para realizaren rutas para achegar usuarios aos centros de saúde, aos institutos, ás actividades municipais. Dito máis claramente, as empresas de transporte ven engrosadas as súas contas de resultados con centos de miles de euros de recursos públicos por realizaren uns servizos que terían que prestar por teren unha concesión que están incumprindo impunemente.
Tamén a administración galega financia a través do transporte escolar ás empresas, sendo ademais o sistema educativo refén absoluto dos seus intereses. Quen determina os horarios escolares, a existencia ou non de xornada intensiva, de actividades escolares, a distancia e horarios dos desprazamentos do alumnado, son as empresas de transporte que fixan horarios e rutas en función dos seus intereses e da optimización máxima da súa rendibilidade.
Nos últimos anos estamos asistindo a tímidos intentos de establecer urbes da nosa nación e nas súas áreas de influencia os chamados servizos de transporte metropolitano para resolver a mobilidade da cidadanía destas áreas a través dun transporte colectivo. Porén, o marco normativo e a falla de firmeza da Xunta de Galiza á hora de contrapoñer os intereses colectivos aos das empresas de transporte poden facer que a súa utilidade real fique en papel mollado.
Dos datos que se van coñecendo nalgunha áreas, como no caso de Ourense, é posíbel que o único resultado final sexa o establecemento dun billete único e subsidiado, que evitaría ter que pagar varias veces por realizar transbordos, pero sen que haxa ningunha mellora nas actuais rutas, liñas ou frecuencias, o cal non supón que este transporte sexa nin útil nin atractivo para os potenciais usuarios. Unha vez máis, as empresas concesionarias sen realizar ningún esforzo, nin cumprir coas obrigas da concesión, serían beneficiarias directas dos subsidios públicos.
Non se aprecia en todas estas negociacións ningún aceno por parte do Goberno galego para pórlle couto ao mandato das empresas nin por exercer ningún tipo de presión sobre estas para que cumpran co seu cometido.
É máis o único aceno coñecido, até o momento, foi o de prorrogarlles por lei, por unha lei aprobada de xeito unilateral polo Partido Popular, polo trámite de lectura única no que o Parlamento e polo tanto a cidadanía galega non ten nin dereito de emenda, e baixo o pretexto de adaptar a nosa lexislación á chamada “directiva de servizos” da Unión europea, as concesión durante dez anos máis sen que se establecese ningunha contraprestación para as empresas e sen avaliar o grao de cumprimento das súas obrigas.
Estes feitos desde logo sementan moitas dúbidas sobre as verdadeiras intencións do Partido Popular en relación co transporte público xa que evidencia que a súa vontade non é a de instaurar un novo marco de relación coas empresas e máis ben parece que todos os aparentes esforzo por culminar a constitución das áreas metropolitanas de transporte semellan ser un auténtico lavado de cara. En aparencia un gran cambio, baixo grandes proclamas e grandilocuentes denominacións para non mudar a realidade.
Nesta situación a única forma para que as áreas metropolitanas máis alá da propaganda oficial, que tan habilmente manexa o Goberno do Sr. Núñez Feixóo, sexan o primeiro chanzo para dotar a Galiza dun verdadeiro servizo de transporte colectivo por estrada é a implicación activa dos e das nacionalistas, que realmente cremos na necesidade de rachar coas fendas existentes na nosa nación, para erguer unha alternativa coa complicidade da sociedade que prema á Xunta a deixar de mirar tanto os intereses das empresas, que rache coas súas prácticas monopolistas para construír un novo modelo baseado no interese público e social.