O goberno ao rescate das concesionarias das autopistas españolas
A palabra rescate converteuse nestes últimos tempos nun dos vocábulos de máis uso e abuso e polo visto, nunha vítima máis desta crise. Mágoa que os membros dos gobernos do Estado e da Xunta esquezan á mantenta que "rescate" tamén significa a facultade da Administración para extinguir unha concesión, asumindo a xestión directa do servizo que constituía o seu obxecto. Para PSOE e PP, o significado de rescate redúcese a poñer cartos públicos para salvaren os grandes capitais privados.
Máis unha vez imos ver como un goberno do Estado acude a ese famoso rescate dos grandes grupos económicos e financeiros, que idearon e construíron, e xestionan autopistas españolas deseñadas exclusivamente desde a especulación, e que seica son deficitarias. E faino cos cartos de todas e todos nós. Cos cartos públicos imos pagar outra vez as perdas destas empresas e cubrir cos nosos impostos as contas de resultados dos grandes capitais privados. Ben distinto tratamento do que reciben as nosas pequenas e medianas empresas. Nin o goberno do Estado nin o da Xunta, ninguén vai ao seu rescate, ninguén sae na súa axuda.
O PSOE chegou a un acordo con CIU e PP para salvaren ás concesionarias que teñen un maior déficit e unha peaxe máis cara. Son, que curioso, algunhas das que saen de Madrid, as súas radiais e outras do sur e do Levante. Estas autopistas custaron tres veces máis do previsto, como consecuencia da aplicación da Lei do Solo aprobada polo PP no ano 1998, e vixente naquela época. Grazas a esta lei os terreos que se expropiaron para construír estas infraestruturas pagáronse a prezo de chan urbanizábel e non de rústico. Polo visto, no último momento o PP botouse atrás nese acordo e agora van ter que levar este asunto ao Senado vía emendas aos orzamentos do Estado. Unha cuestión, por certo, que xa acordaron noutras ocasións.
Cómpre salientar, aínda que non resulte sorprendente, que é o PSOE, co magnífico Pepe Blanco, ministro de Fomento á cabeza, o que quere salvar da creba os seus amigos grandes empresarios. E por riba vai permitir e promover a suba do prezo da súas peaxes.
Analicemos un pouco máis o asunto. Aducen agora as adxudicatarias que estas vías teñen unha circulación moitísimo máis baixa da prevista. Afirman que por elas circulan un 80% menos dos vehículos previstos no proxecto de adxudicación! Como é posíbel que o desfase sexa tan elevado? A análise das circunstancias nas que se trazaron e desenvolveron inducen a pensar que o que se fixo foi crear unha burbulla máis, que agora tamén rebentou. Estas autopistas, das máis caras do Estado, pretenden aplicar novas subas de tarifas, e non parece que nesa situación o seu nivel de uso vaia aumentar. En consecuencia, -nesa dinámica perversa de demostrar máis perdas para reclamar máis axudas públicas-, cun uso cada vez menor, ese "déficit" das concesionarias será cada vez maior.
Por certo, que este modelo maliciosamente denominado público-privado, é o que quere "importar" o ministro de Fomento para as grandes infraestruturas galegas de competencia estatal. Poñámonos a tremer porque evidentemente, aquí pode pasar o mesmo. En canto as empresas consideren que as súas ganancias non se axustan ao "pactado", quererán que as compensen, -que as compensemos-, pola diferenza, con cartos públicos. E aí estarán PP e PSOE para chegar a un acordo favorábel sempre ás empresas que máis beneficios obteñen.
Porque tamén podemos extrapolar esta situación ás infraestruturas e á sanidade galega. O PP está introducindo na construción (e case seguro na futura xestión) dos centros sanitarios (centros de saúde, hospitais,...) a fórmula da participación privada, fórmula fracasada xa noutros países e que obrigou a diferentes estados a facerlle fronte ás perdas das empresas.
Por riba de mercantilizar a nosa saúde, de pretender obter beneficio coa atención sanitaria, despois pretenderán que paguemos con cartos públicos eses teóricos desfases que seguramente xa contemplan na planificación das súas contas de resultados.
E non será mellor investir xa agora os cartos públicos na construción e xestión das infraestruturas e da sanidade e non agardar a ter que pagarlle ás grandes corporacións empresarias e financeiras unhas perdas que parece que sempre teñen? Non é lóxico que nos preguntemos porque se teñen sempre esas perdas, como é que lles interesa tanto este sistema?
Esta situación lémbrame a das multinacionais eléctricas, quen malia teren beneficios astronómicos sempre acoden a ese famoso déficit para reclamar cartos públicos. Parece que se estende a moda.
Pero os pensionistas, os parados, os produtores de leite e de carne, a clase obreira, os autónomos, a pequena empresa tamén teñen déficit a fin de mes. Neste caso, as alternativas que lles ofrecen PSOE e PP non son máis cobertura e investimento público, senón máis recortes sociais e de servizos públicos.
A verdade é que a dereita do PP e a falsa esquerda do PSOE sempre se poñen de acordo para salvaren aos grandes, aos que máis teñen e menos perden. As súas políticas, as dun partido e as do outro, na Xunta e no Estado, son ben parecidas. Que o gran capital privado obteña os máximos beneficios e que o faga con cartos públicos.
Temos que seguir apostando polos servizos públicos. E tamén desde o ámbito municipal hai que pensar nas opcións das que dispoñemos para non caer nas redes das grandes empresas prestadoras de servizos que acaban por consumir todos os recursos dispoñíbeis.
É ben difícil subtraerse a esa dinámica maquiavélica que converte o privado na panacea de todos os problemas da nosa sociedade. Pero cómpre que non caiamos na trampa de pensar que a solución á crise pode vir xustamente da man de quen a creou. A propia supervivencia do modelo neoliberal reside precisamente na súa retroalimentación e vivimos tempos nos que é o propio estado que lle enche a neveira.