O futuro dos medios públicos galegos
A creación da CRTVG hai máis de 25 anos foi unha boa decisión. Lembro o impacto que tivo nunha nena de aldea coma min, oír e ver a nosa lingua na pantalla da televisión. Nun ambiente no que pervivían (perviven) vellos prexuízos contra o galego, era unha porta á normalidade. Reforzou a miña autoestima e o orgullo de sentirme galega. Recordo como agardabamos a hora do Xabarín Club e cantabamos mentres rillabamos a merenda. Só lamento non terme feito socia. Mais claro, eu xa era adolescente e as hormonas dicían que aquilo era para cativos!
Despois, durante moitos anos, recoñezo que deixei de vela. Aqueles telexornais monográficos das benzóns do Goberno Galego resultaban pouco críbeis. A pluralidade entendíase como dar conta das axendas e valoracións dos diferentes conselleiros do Goberno Fraga. A oposición case non aparecía. Cando pasaban cousas relevantes, pero comprometidas para a Xunta, non se vían na TVG. A crise das vacas tolas ou o Prestige foron o máximo. Sentíame abandonada pola miña tele e radio. Sei ben que non son os traballadores e traballadoras os culpábeis, son vítimas dun modelo pervertido que lles impedía realizar a súa labor. Reincorporeime como espectadora nos últimos anos con programas como Alalá, Onda curta, Botarse ao monte, Criaturas, Historias de Galicia... Teño querenza pola radio e televisión galegas e creo que o futuro será un pouco peor senón existiren.
Mais este non é un amor cego. Son moitos os defectos. A historia da CRTVG (esa que non coñecía cando vía o Xabarín) está sementada de represión a traballadores e traballadoras, de censura, de utilización partidista, de privilexios a determinados grupos de comunicación, de precariedade laboral, de artistas vetados... Non é agradábel dicilo, pero é así.
Mais as cousas poden mudar. Esa era a aspiración do BNG cando se constituíu no Parlamento de Galiza un relatorio para reformar a lei reguladora dos medios públicos galegos. Relatorio frustrado por non vermos posibilidades reais nin vontade de acometer a rexeneración democrática que precisan os medios públicos galegos. A lei pactada entre PP e PSOE ten unha boa nova, a designación polo Parlamento do Director Xeral. Porén, trae tamén malos augurios: abre vías para a privatización da CRTVG, incrementa o control político do Goberno, reduce a un rol ornamental ao Consello de Administración, introduce subterfuxios legais para que a televisión e radio deixen de ser exclusivamente o galego e non establece garantías para que os traballadores e traballadoras non sufran presións e censura.
A nova lei abre un escenario incerto para os medios públicos galegos. O PP xa desvelou a súa folla de ruta: privatizar as televisións locais e autonómicas. Que o consigan ou non dependerá da vontade e forza de todas e todos os que defendemos medios públicos, independentes, que nos falen do noso e que o fagan na nosa lingua, o galego.