O fútbol é para homes


Outra frase que forma parte do "Dicionario de tonterías e tautoloxías futbolísticas", xunto con "fútbol é futbol", ou "pasou o que pasou", frase da que gostamos moito en Galiza e que me parece cando menos desafortunada; sentenzas que valen para todo e xustifican calquera cousa. A frase é de José Mourinho na rolda de prensa após o partido de volta da Supercopa entre o Barcelona e o Real Madrid, minutos logo do seu xa histórico dedazo no ollo polas costas ao segundo adestrador do Barça. Desculpas por esta contextualización, pois só unha situación de incomunicación informativa pode facer que alguén a estas alturas descoñeza a frase, o contexto e a actuación pola que se dixo, o "fútbol é así", gústenos ou non ten unha terríbel capacidade mediática e está en boca de todos e de case todas. A frase de Mourinho xa a dixera días antes a galega Verónica Boquete, elixida MVP (Most Valuable Player) na liga estadounidense, a mellor competición mundial de fútbol feminino, e que equivale a ser declarada mellor futbolista do mundo desta tempada. Verónica Boquete declaraba nunha entrevista ao xornal Público que "España segue a ser un país machista, e nos EEUU a igualdade e ter as mesmas oportunidades non só é teoría senón que tamén é práctica". Primeiro tivo que marchar de Galiza a Zaragoza, logo a Barcelona e finalmente aos EEUU para poder progresar e ser profesional, simplemente vivir do seu traballo e ter un recoñecemento. Poderiamos ampliar a frase dicindo "Vivir do deporte é para homes": a ciclista oleirense Eva Castro, campioa de España por quinta vez de Fourcrós e gañadora do Descenso O Marisquiño de Vigo, o evento de deportes extremos máis importante do estado, non poderá acudir ao Mundial en Suíza a principios de setembro por falta de presuposto; ou a viguesa Alejandra Simón, que está a triunfar no volei de praia logo de formarse no Teis e ter que buscar os patrocinios fóra ao carecer de apoio en Galiza, nin público nin privado. Este verán os equipos de elite vigueses -de mulleres e de homes- sufriron o indecíbel para conseguir os mínimos cartos que lles permitan xogar nas categorías que deportivamente lles corresponden, estando a piques nalgúns casos de desaparecer, como o equipo de baloncesto feminino do Celta. Xa podemos imaxinar que os proxectos deportivos e as condicións nas que van xogar non van ser precisamente cómodas.

E tantas outras mulleres e homes que non puideron e non poden triunfar por falta de apoio económico e deportivo, uns cartos esmolentos se os comparamos cos do fútbol profesional. Fundamentalmente vivir do deporte é "para algúns homes do fútbol", e así incluímos aos Mourinhos, representantes de xogadores e demais aves de rapina ao redor dun deporte que maltratan uns poucos e converten en espectáculo e salsa rosa (a Mourinho xa o chaman a Belén Esteban do fútbol...). Así temos que escoitar a Mourinho dicir que sinte as cores do Madrid coma ninguén, que é o verdadeiro madridista, que lle dá varias voltas a moitos pseudomadridistas que non aman e defenden o club coma el. Soamente lle custa ao club 12 millóns de euros o seu madridismo! E se presenta como a persoa máis pura, franca e limpa da humanidade, incapaz de ser hipócrita e antideportivo. E quere ser vítima e que nos dea pena. E arrastra con el a millóns de persoas, facendo enmudecer até ao presidente do Real Madrid, que a día de hoxe demostra estar atrapado nas redes do mourinhismo.

,"El Real Madrid es mi religión, Mou mi profeta", rezaba un cartaz aos poucos días no partido do Trofeo Santiago Bernabeu, no que foi aclamado, mentres el facía como que non lle importaba. Entregados ao líder, como un novo Mesías do madridismo, ou máis ben do mourinhismo, pois o seu pensamento básico é quererse a si mesmo, todo xira ao seu redor, é un expoñente do individualismo e da falta de xenerosidade: el, a súa familia, os seus asesores, os seus xogadores protexidos, o seu equipo,... pero o centro é el. E que hai do resto? Toda a cúpula madridista está disposta a bailar ao seu son? É tan influinte? É a inversión económica tan poderosa e irreversíbel para ter que aguantar? Estase de acordo coa liña agresiva, vil e de malos modos do mourinhismo? E os xogadores? Están todos abducidos, sen personalidade propia? Opinan que esa é a maneira de facer as cousas, de conseguir gañarlle ao Barcelona e volver a ser o mellor equipo do mundo? Outra faixa dunha peña madridista dicía: "Mou, tu dedo nos señala el camino..." da estupidez absoluta. Custoulles 250 euros segundo o xornal ABC; algunhas pancartas suxeitábannas nenos. A grada aplaudiu cada acción de Marcelo, "agradecéndolle" a súa antideportiva entrada a Fábregas no partido da Supercopa.

Mourinho representa valores preilustrados: non se pode defender o de un a toda costa, hai que respectar un mínimo de obxectividade e de xustiza, non vale todo para gañar. Non se pode mentir nin provocar a gresca e a agresión intencionada continuamente. Porque esta parece a estratexia Mou: non somos quen de gañar no campo, busquemos culpábeis alleos ou cando menos desviar a atención. E ainda supoñendo que esta é a táctica Mou... é acertada? Algúns madridistas pensan que é un infiltrado do Barça para acabar co prestixio mundial do club, para destrozar os valores e os xeitos dun clube de longa tradición e "saber estar".

Mourinho e todas as estrelas mediáticas teñen un deber social que non teñen dereito a eludir. Debería estar incluido neses contratos multimillonarios que asinan, pois a algúns non lles sae de seu. Falamos de valores, do deporte, da importancia de que os nosos nenos e nenas o practiquen. Pero logo permitimos que os ídolos practiquen e fomenten a violencia, se comporten do xeito menos nobre e digno que poidamos imaxinar e fagan declaracións bochornosas e claramente falsas á vista dos feitos, de xeito que se perde a obxectividade no que acontece e somos quen de defender que o sol é cadrado porque o di Mourinho, e as nosas cores son o máis importante.

Son modelo para millóns de nenos e nenas que os seguen desde que teñen uso de razón. Os nenos e nenas coleccionan os cromos de futbolistas, escoitan e len as súas declaracións, ven os seus xestos, aprenden e imitan os seus xeitos. E de algúns como Mourinho aprenden descalificacións continuas aos contrincantes e aos árbitros, o engano e a chulería. Son modelo de comportamento social, teñen unha responsabilidade alén de gañar partidos e títulos.

Ser home versión Mourinho. A igualdade versión Mourinho. O "todo vale para gañar" que se quere impoñer tamén no deporte. Porque ao final, foi o dedo ao ollo ou o ollo ao dedo? O deporte é outra cousa. O deporte non se merece a Mourinho.