O festival internacional de xardíns; un proxecto de futuro para Allariz

O festival internacional de xardíns; un proxecto de futuro para Allariz

Esta iniciativa singular en Galiza e no estado español pretende ofrecer a todos os veciños a posibilidade de gozar dun novo espazo recuperado para uso público na marxe dereita do río Arnoia. Coa súa realización damos un paso moi importante na plasmación do Corredor Temático do Río Arnoia que fai do noso río un elemento de identidade, de ocio, de goce da natureza e tamén de dinamización económica.

Estamos a falar dun proxecto que é moito máis que un fermoso parque.

A realización anual do Festival Internacional de Xardíns de Allariz contribuirá sen dúbida, de xeito moi relevante a reforzar a capacidade de atracción de Allariz e a revalorizar a beleza dos espazos que Allariz ofrece para goce de veciños e visitantes.

Arte e natureza daranse a man cada ano no Festival de Xardíns para facer un espazo único propicio a contemplación, a imaxinación, a harmonía.

Aspiramos con esta iniciativa a integrar na rede europea de festivais de xardíns a facer de Allariz un lugar de referencia na xardinería, no paisaxismo e na creación artística.

As experiencias que se desenvolven no Festival Internacional de Xardíns de Ponte de Lima, na rexión do Val do Lima, en Portugal, o Festival de Gärten, na rexión de Kamptal, en Austria e o Festival de Chaumont, na región de Chaumont sur Loire, en Francia, servirannos de exemplo e estímulo para conquerir os efectos positivos que os Festivais de Xardíns da rede europea provocan nos seus territorios e especificamente con Ponte de Lima traballaremos coordenadamente na potenciación dos festivais respectivos.

Confiamos que esta nova proposta teña tamén un efecto multiplicador na dinamización económica do noso Concello tanto pola xeración de emprego directo como pola actividade comercial xerada polos miles de visitantes cada ano.

Os oito xardíns efémeros que este ano compoñen a 1ª edición do festival foron deseñados polo gabinete de arquitectura paisaxista dirixido por Francisco Caldeira Cabral e Elsa Severino. A beleza dos deseños vai acompañada de propostas orixinais que provocarán a reflexión, a sorpresa e a admiración, facendo difícil a escolla mediante votación do xardín máis valorado.

Para o vindeiro ano xa está en marcha o concurso que terá como tema : " A moda no xardín " e no que os arquitectos paisaxistas, gabinetes de arquitectura, universidades, escolas profesionais, artistas plásticos, empresas de xardinería, deseñadores etc, poderán presentar as súas propias propostas ata o 15 de novembro de 2010.

Allariz será así un magnífico escaparate para a creatividade, para as diversas concesións da xardinería, para todos os que aman a xardinería, a paisaxe e o medio ambiente.

A Reserva da Biosfera da Área de Allariz contará cun espazo para a sensibilización no respecto á paisaxe e a preservación do medio ambiente.

A realización anual do Festival Internacional de Xardíns vainos permitir tamén elaborar unha programación cultural e artística en paralelo a súa celebración e divulgar entre veciños e visitantes o magnífico patrimonio ambiental do noso Concello.

Allariz dá un paso máis na asociación do seu nome aos valores do patrimonio medioambiental e avanza na concreción do obxectivo da Reserva da Biosfera : facer realidade a conservación de espazos privilexiados para o home e a natureza.

"Um jardim sempre é um intento inútil
de por-lhe á beleza disciplina.
Ouh domesticados jardins públicos
onde se vam murchando
as cegas ordenanças dos concelhos¡
Ouh velhos jardíns dos paços
abandonados, nos que medra
umha fonda tristura melancólica
dum jeito fatal e sem remédio
entre formosos labirintos inquietantes
símbolos do sol e mais da vida¡
Mágicos jardins dos meus ensonhos
que florecem, subtis e senlheiros,
na soidade humana do meu peito¡
Só no escusado segredo do meu peito¡"

Este fermoso poema de Manuel María " A luz ressuscitada" , reflexa tamén a nosa aspiración por conquerir plasmar neste proxecto os xardíns dos nosos ensoños.-