O fariseísmo de Feijóo

O fariseísmo de Feijóo

Neste período de democracia aparente que levamos vivindo estase manifestado unha desafección sen parangón cara as institucións e a política en xeral, profundando na separación que existe entre estas e o conxunto da cidadanía, habida conta de que pensa que non están dando respostas aos seus problemas. Aínda que tamén debe a cidadanía facer unha reflexión do seu comportamento eleitoral e non vir a pedir explicacións cando foron quen votaron ao partido gobernante, non é menos certo que unha cuestión son os compromisos eleitorais de Feijóo e outra a súa actuación no Goberno galego.

Sirvan un par de exemplos para ilustrar o anteriormente manifestado. Sen esquecerse do seu “Contrato con Galiza”, de que arranxaría o paro en corenta e cinco días ou os seus ánimos para que a xente denunciara nos xulgados o incumprimento da lei de dependencia mentes recorta o sistema sanitario e educativo, Feijoo comprometeuse coa cidade meirande da Galiza en por en marcha a área metropolitana e construír un novo hospital en Vigo para toda a zona sur de Pontevedra. Pasados case que tres anos e medio ollamos como, instrumentalizando a administración e o Goberno galego para aproveitamento partidario pretende facérmonos crer que non so xa cumpriu senón que os problemas son culpa dos demais. Co novo hospital de Vigo dixo que sería un revulsivo para combater o desemprego, criando 2.400 postos de traballo, que sería público e resolvería a deficiente atención sanitaria que ten toda a área sanitaria; da posta en marcha da área metropolitana de Vigo permitiría ter dar máis e mellores servizos á cidadanía, logrando aforros na prestación dos mesmos e axudaría a simplificar a administración.

Nada máis lonxe da realidade, a construción do novo hospital esta paralizada e non existe financiamento para seguir e so chegaron a traballar, no seu momento de maior intensidade, 550 persoas sendo a maioría de fora da Galiza, continua agravándose a deficiente atención sanitaria e empeorando as listas de agarda e no referente a posta en marcha da área metropolitana, nace finiquitada polo propio Partido Popular; sen competencias, sen financiamento, mantendo a Deputación intacta e, inclusive, non sendo apoiada por alcaldes do seu propio partido, como o de Cangas ou o cuestionamento da súa continuidade cando xa dan por fracaso o proxecto. Tres anos de goberno estéril para o conxunto da Galiza e, como non, para o conxunto da cidadanía que mira como se xoga coas súas necesidades máis a resposta é aínda maiores sacrificios e menos dereitos.

Estes exemplos deberan servir para tomar conciencia o conxunto da sociedade en xeral pero, sobre todo, para aquelas persoas que militamos no nacionalismo de que non é adaptándonos e aceptando o discurso do sistema como mellor estaremos preparados para contribuír a solucionar os problemas da Galiza e mellorar a calidade de vida das súas persoas senón . O nacionalismo galego ven, dende a súa formulación, demostrando mediante un discurso propio a súa capacidade tanto para analizar como para poñer en marcha aquelas medidas necesarias para cambiar a situación pola que atravesa o noso País.

,Demostrouse en múltiples concellos e, como non, cando tivemos oportunidade de estar no Goberno galego. Cabe preguntarse que sería da Galiza se o BNG seguira gobernando?; onde están todas aquelas persoas que criticaban o xeito de actuar do BNG no Goberno?, que convocaban manifestacións e promovían plataformas contra as actuacións da parte nacionalista do Goberno anterior?; estaría nos mesmos termos a lei de dependencia?; agocharíamos a cabeza ante a liberdade de horarios comerciais?; estaría o sector naval nas mesmas circunstancias?; habería máis vivenda de promoción pública?; estaría o paro nas mesmas cifras si se desenvolvera o concurso eólico promovido polo BNG?; estaría o medio rural na beira da súa extinción si se seguiran desenvolvendo as políticas postas en marcha polo anterior goberno?, e así un longo etc.. que cada quen de nos debería contestar para situármonos na realidade exacta; o nacionalismo pode cometer erros pero ten demostrado o seu compromiso e a súa disposición e competencia para entregarse e resolver os problemas das persoas e que a solución pasa por máis nacionalismo e máis compromiso cos seus principios fronte a outros discursos que nos levan arrastrando polo precipicio da desaparición como pobo.

Sumarse ao discurso que detenta o poder só leva a desaparición da nosa identidade como pobo e como clases traballadoras e, a pesares do trato desigual que recibe o nacionalismo, a súa capacidade de reacción ten servido para que Galiza aínda manteña unha formulación política propia, baseada na autoorganización e disposta a dar a batalla necesaria para desenmascarar aos que poñen ao noso Pais ao servizo dos intereses alleos; unha formulación política que confía e cre nos galegos e galegas, que non esta ao servizo dos poderes económicos e financeiros dominantes e que pode devolverlle a confianza en si mesmos.

Estamos ás portas dunhas novas eleicións galegas e é necesario poñer en valor todo o que ten feito e contribuído o nacionalismo galego para que aqueles que teñen a Galiza de saldo non volvan a campar ás súas anchas e a leven a unha situación de non retorno; estas eleicións son unha oportunidade para demostrarlles que non teñen cabida esas políticas de recortes e ao servizo dos poderosos; é hora do pobo galego e das súas xentes e, xa que logo, de desterrar as políticas autoritarias e da prepotencia, da teórica “austeridade e axuste orzamentario” para a inmensa maioría da sociedade mentres seguen a inxectar cartos na banca e a amnistiar a fraude e a evasión fiscal e ao servizo dos poderosos. É unha oportunidade que non a debemos deixar pasar e co esforzo de todos e todas o lograremos. So de nos depende.