O expolio dos Franco ao patrimonio galego
A palabra impunidade é a que primeiro aparece nas nosas cabezas cando vemos como o fascismo co apoio das grandes fortunas e lobbys actúa. O sucedido esta mesma semana no Consello de Seguridade da ONU é un clarísimo exemplo. Israel pode seguir asasinando.
As transicións á democracia formal, de moitos países, tras anos de ditadura, tamén son un exemplo de impunidade.
Fronte á transición pechada en falso do Estado español, varios países de Latinoamérica están a modificar a súa lexislación para poder xulgar os crimes cometidos polos réximes ditatoriais. Todo un exemplo que permitirá facer xustiza ou, cando menos, quebrar a impunidade dos verdugos e facerlles un recoñecemento ás miles de vítimas do fascismo.
No Estado español, a aprobación dunha Lei de memoria histórica, 30 anos despois da morte de Franco, só procura botar maquillaxe nas cicatrices das vítimas.
Un demoledor exemplo témolo en Galiza co Pazo de Meirás e o expolio de centros de pezas de arte, patrimoino deste país, que seguramente nunca volveremos recuperar.
O Pazo de Meirás élle entregado a Franco en marzo de 1938 pola "Junta Provincial Pro-Pazo del Caudillo", encargada de recadar os 2 millóns de pesetas da época, para agasallar o Caudillo en plena Guerra civil, unha residencia para as súas vacacións. Emitíronse bonos de "contribución voluntaria" e efectuáronse descontos nas nóminas do funcionariado do Concello da Coruña e da Deputación. Ademais, obrigaron a todos os concellos da provincia a achegaren unha porcentaxe (1,2 millóns de pesetas) pola recadación do imposto da contribución.
Un informe reservado realizado polo exército o 2 de novembro de 1939, que se conserva no arquivo de Alcalá de Henares, asegura que "la cifra gastada en el pazo es de tal magnitud que si se supiese causaría asombro". Neste informe, tamén se recoñece o fracaso da "subscrición popular" e critícase como se xestionou a adquisión e a custosa reforma. Consideran excesiva a cantidade aboada polo Pazo -415.000 pesetas- e mesmo a elección de Meirás como propiedade para lle "doar" ao ditador, xa que esta elección obedecía ao feito de que o Pazo tiña unha hipoteca co Banco Pastor e Pedro Barrié de la Maza era un dos principais promotores da "doazón". Anos máis tarde, recollería do Caudillo o título de Conde de Fuerza Eléctrica del Noroeste Sociedad Anónima (FENOSA).
A principios dos anos 30, Meirás fora escenario dunha forte confrontación entre os labregos e o cacique da vila pola subida inxusta das rendas da terra que traballaban. Anos máis tarde, a moitos destes labregos seríanlles expropiadas as terras que posuían en propiedade, para seren engadidas aos terreos do Pazo de Meirás. Foron levados -a punta de pistola e transportados en camións militares- diante do notario de Betanzos uns e á sede do Banco Pastor na Coruña outros para asinaren o contrato de "contra-venda".
A represión sería tremenda contra os protagonistas desta revolta agraria. O presidente do Sindicato de Profesións Varias de Meirás, Antonio Carballeira, xunto co presidente do Ateneo de Sada e secretario local do Partido Galeguista, Xoán Antón Suárez Picallo, foron asasinados nun monte preto de Meirás. Outros, fuxidos ou soterrados en vida, como Emilio Corral, que viviu 16 anos agochado debaixo do descanso da escaleira da súa casa, a escasos metros do Pazo de Meirás.
Durante os 37 veráns que o ditador estivo no Pazo, centos de persoas pasaban os veráns na cadea da Coruña, coa única razón de "manter a orde" durante as estadías do ditador. Así mesmo, as innumerábeis visitas que realizaba a diferentes puntos do noso país permitíanlle á familia Franco seguir expoliando o patrimonio galego, baixo o eufemismo de "agasallo ao Caudillo"
Despois da morte de Franco, a incerteza ante o futuro leva a familia Franco a organizar un coidadoso plan para sacar fóra do Estado o gran patrimonio artístico acumulado no Pazo. Nos días previos ao 19 de febreiro de 1978, data en que o Pazo de Meirás arde, quedará no recordo dos veciños e veciñas da aldea a entrada e saída continua de camións. O que sacaron do Pazo naqueles días é aínda hoxe unha incógnita. Existe unha teoría, que se conserva na memoria oral, xa que as testemuñas directas xa non viven, que aseguran que os obxectos de valor foron sacados do Pazo e substituídos por falsificacións.
Neses días, o Pazo de Meirás tivo a imprevista visita da viúva do ditador, que lles insistiría, a varias persoas de "recoñecido prestixio social da época", na visita ás Torres de Meirás para posuír así testemuñas que certificasen que todo estaba no seu lugar. Unhas destas persoas sería Blanca Quiroga -neta de Emilia Pardo Bazán-, última propietaria do Pazo, que desde había tempo estaba excluída dos círculos de Carmen Franco por ingresar no OPUS DEI.
Moitas destas pezas, subtraídas supostamente do Pazo de Meirás, sobre todo rolos en que se introduciran os lenzos, foron transportadas en camións do exército até o porto de Muxía para seren trasladadas a Franza nun barco de recreo da familia Fernández Latorre, concretamente de María Victoria Fernández-España Fernández Latorre e o seu esposo o xornalista Felipe Fernández-Armesto, coñecido co sobrenome de Augusto Assía.
Serían algúns pescadores os que transportarían a remo os vultos desde os camións até o buque atracado neste porto. A falta de testemuñas vivas até o momento, obríganos a tomarmos como hipótese esta posibilidade, xa que é a memoria oral o único que conservamos do ocurrido unha noite de xaneiro de 1978.
O que si podemos asegurar a día de hoxe é que o incendio foi provocado e mesmo atribuído a un ataque "de radicais separatistas" polos máis adeptos ao réxime, ante as dúbidas que levantaban as explicacións oficiais. Así, Antonio Fernández Tapia -coñecido empresario coruñés, intimo da familia- declara que dubida da opinión oficial. Un dos gardas civís que custodiaban o Pazo declarou que el mesmo cortara a subministración eléctrica e que, cando quixera chamar os bombeiros da Coruña, foille imposíbel porque a liña telefónica fora cortada.
A pesar de todo isto, o xuíz encargado do caso certificou que o incendio fora debido a un curtocircuíto, que se declarou en diferentes lugares do Pazo ao mesmo tempo.
A día de hoxe, a familia Franco non só mantén a propiedade do Pazo, que debería ser público, senón que se segue a rir do pobo galego, co apoio do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, como digno herdeiro do réxime anterior.
A familia Franco recorreu contra canta resolución administrativa se dictou a favor da declaración de BIC así como da apertura ao público do Pazo. O PP emprega os mesmos argumentos e razóns que os Franco para manter pechada á cidadanía unha propiedade que desde hai moitos anos debería ser patrimonio público, cuestión que xa en outubro de 1977 reclamara a AN-PG.
O réxime actual segue a manter que o Pazo de Meirás foi unha doazón popular entusiasta ao Caudillo, e as obras de arte expoliadas agasallos de Estado á familia do ditador. Un dos primeiros decretos que asina Juan Carlos I como Xefe do Estado é o nomeamento da viúva de Franco como Señora de Meirás con Grandeza de España.
Diante das resolucións xudicias que obrigan á apertura do Pazo, en cumprimento da lei que regula os Bens de Interese Cultural de Galiza, o conselleiro del Desván de los Monjes e o señor Feijoo prometeron fai un ano que o Pazo abriría ao público. A día de hoxe, só está previsto que se abra para saraos casposos que protagonizan os programas do corazón.
É unha vergoña que 70 anos despois se siga a falar de que o Pazo de Meirás foi un agasallo do pobo galego ao ditador Franco por subscrición popular. Este é un ben que ten que volver ao pobo galego, que foi quen o pagou. Tamén debemos seguir a reclamar, como xa fixeron moitos concellos galegos, a devolución dos bens que a familia Franco expoliou ao longo de todo o país.