O Estatuto do 36

Na recuperación da nosa memoria histórica a aprobación en Referendo do I Estatuto de Galiza ten unha importancia fundamental aínda que, entregado o 15 de xullo do 36 por unha comisión en representación do Comité Central de Autonomía de Galiza ao Presidente das Cortes, Diego Martínez Barrio, os acontecementos desencadeados pola rebelión militar do 18 de xullo, e o seu triunfo na Galiza, deron ao traste con todo o proceso. Non chegou pois a entrar en vigor pero a súa aprobación foi argumento definitivo para catalogar a Galiza como nacionalidade histórica no proceso constitucional de 1978 e así procurarse as competencias como tal fixadas no artigo 151.
Na Asemblea da Coruña de 1931 foron presentados tres proxectos polo Secretariado de Galiza en Madrid polo Instituto de Estudos Galegos e polo Seminario de Estudos Galegos, ademais de dous relatorios, ORGA-FRG e Labor Galeguista de Pontevedra, que tiñan o carácter de texto constitucional. A proposta da ORGA e máis a Federación Republicana Galega, defendida polo relator Lois Peña Novo xunto con Antón Villar Ponte, resultou aprobada, aínda que pronto xurdiron as primeiras tensións entre os autonomistas e os partidarios dun rexionalismo moderado.
Estas tensións remataron no rexeitamento por parte da ORGA do texto, encargándose nese mesmo ano de 1931 a redacción dun novo. O 12 de xullo Villar Ponte, Suárez Picallo, Peña Novo, Emilio González, Otero Pedrayo e Castelao presentan na Coruña unha nova redacción que rebaixaba notablemente o nivel de autogoberno e que non tivo mellor sorte.
Prodúcese en decembro do 31 un feito fundamental: a creación do Partido Galeguista que tomará o temón do proceso que leva o 3 de xullo de 1932 a celebrar a Asemblea de Municipios en Santiago de Compostela coa participación da ORGA, do PSOE, de partidos conservadores e, sobre todo, do Partido Galeguista. Apróbase crear unha Comisión que leve a cabo a redacción dun novo borrador de Estatuto.
,
Esta Comisión foi presidida por Salvador Cabeza de León e formaban parte dela Lugrís Freire, Iglesias Corral, Rodrigo Sanz, Avelino López Otero, Santiago Montero, Enrique Rajoy, Jacobo Arias del Villar, Eladio Rodríguez e Alexandre Bóveda. Redactado o proxecto este foi aprobado o 19 de decembro do 32 en Asemblea celebrada en Santiago e presidida por Bibiano Fernández Osorio-Tafall, alcalde de Pontevedra.
Iniciase despois un período convulso de moitas tensións que foron freando o proceso unha e outra vez, tanto que non se avanzou até a vitoria da Fronte Popular en febreiro do 36, Fronte no que se integrou o Partido Galeguista precisamente coa condición de desbloquear o proceso e aprobar o Estatuto de inmediato. Non foi doada esta integración xa que lle custou ao PG unha crise interna moi forte co abandono incluso dun sector encabezado por Vicente Risco que se integrou na chamada Dereita Galeguista que posteriormente si colaborou no Referendo.
A Nosa Terra publica o 20 de marzo do 36 o texto íntegro do Estatuto e con posterioridade prodúcense os acordos favorables de distintos concellos comezando polo da Coruña que pide a inmediata convocatoria do Referendo e incluso achega unha cantidade económica para o proceso instando aos demais municipios a facer o mesmo. Responden Santiago, Pontevedra, A Estrada, Lalín, Vigo e moitos máis, incluída a Deputación de Pontevedra. É o Comité Central da Autonomía o que fixa, o 31 de maio, a data definitiva do 28 de xuño para o Plebiscito.
Foi unha campaña espectacular, innovadora e rompedora coa irrupción de artistas gráficos como Castelao, López Bouza, Luís Seoane, Maside, Díaz Baliño e mesmo Isaac Díaz Pardo que tiña 15 anos daquela. Faltaba a convocatoria oficial do Referendo e non foi sen as numerosas presións nese sentido de Anxel Casal, alcalde de Santiago, que esta se produzo nos boletíns oficiais das catro provincias os días 15 e 16.
Dos 1.343.135 electores, foron emitidos 1.000.963 votos (74,56 %), có resultado de 993.351 positivos, 6.161 negativos e 1.451 en branco. Tras o indiscutíbel resultado unha Comisión entrega o texto ao Presidente das Cortes o 15 de xullo. Esta Comisión estaba formada por unha representación abundante de parlamentarios e políticos galegos entre os que estaban, Tafall, Rajoy, Castelao, Elpidio Villaverde, Fernández de la Vega, Ramón Beade, Alfredo Somoza, Celestino Poza, Guiante Pampín e os alcaldes das catro capitais de provincia máis os de Santiago, Vigo, Ferrol e Viveiro, ademais dos presidentes das deputacións en funcións.
O 17 a Comisión entrevistouse con Azaña, Presidente da República, sendo Castelao o encargado de presentarlle o texto. Xa sabemos o que pasou o 18 e as súas nefastas consecuencias. De feito o tren que devolveu a Galiza aos comisionados foi o último tren que uniu Madrid coa nosa terra en anos, xa que dominando os insurxentes en Valladolid cortaron as comunicacións ferroviarias. En tráxica pirueta do destino, este último tren conduciu a moitos dos integrantes da Comisión á morte en mans dos sublevados