O Estado en rebaixas

Desde hai tempo estamos asistindo á culminación das políticas neoliberais que impoñen a redución do gasto público por imperativo da estabilidade orzamentaria, do límite do déficit e da prioridade do pagamento dos xuros e do capital da débeda pública. Non se pode gastar máis do que se recada e, ademais, hai que reducir a tributación. Para conseguir estes obxectivos, repiten decote os oráculos, é preciso recortar en sanidade, educación, servizos sociais, pensións...

E agora, estes mesmos adaís proclaman demagoxicamente nos seus programas electorais a supresión de impostos para contentar os inxenuos electores. Ciudadanos en outubro presentou no Congreso unha proposición de lei para suprimir o imposto de sucesións. O Partido Popular, que non optara por eliminar este tributo malia poder telo feito durante as lexislaturas en que gobernou con maioría absoluta, o mes pasado presentou tamén no Senado outra proposición de lei para derrogalo porque é inxusto, recae esencialmente sobre as clases medias e xera agravios entre os españois. O primeira medida que acordou a conxunción trilateral nada máis concertar o goberno de Andalucía foi suprimir este imposto para os herdeiros directos que perciban menos de un millón de euros e para reducilo nun 99 por cento para aqueloutros superen esta cifra. Nesta campaña de supresión do imposto de Sucesións e doazóns participa tamén a prensa propagando noticias e reportaxes, aparentemente neutrais, movida polo interese de influír na opinión pública en beneficio da acumulación de riqueza por parte da mesma minoría consolidada económica e socialmente.

A herdanza constitúe para as persoas o punto de partida das desigualdades sociais e, fronte a esta situación, o imposto de sucesións e doazóns, convértese nun medio, non no único nin moito menos, para a redistribución da riqueza a que debe tender un Estado que se proclame social. Este foi un dos primeiros impostos creados pola Revolución francesa coa finalidade de impedir a acumulación de bens por parte da nobreza que a viña acaparando até ese momento. No Estado español, o antecedente deste imposto é o Decreto LXIII das Cortes de Cádiz, de 3 de maio de 1811, que estabelece que todos los testamentos que se otorguen en los dominios de la Monarquía española contengan una cláusula de manda forzosa de doce reales de vellón en las provincias de la península é islas adyacentes, y tres pesos en las de América y Asia, satisfaciéndose del mismo modo esta manda en las sucesiones intestadas. O propio Stuart Mill, o teórico do liberalismo, a mediados do século XIX escribiu na súa obra Principios de Economía Política: non vexo nada censurábel en fixar un límite ao que unha persoa pode adquirir pola benevolencia dos demais sen realizar ningún esforzo para obtelo e en esixir que se desexa maiores bens de fortuna traballe para conseguilos...

Alegan os defensores da supresión deste imposto que con el se está operando un duplo gravame por canto, afirman, se trata de rendas ou de patrimonio que xa foi sometido a tributación por parte dos causantes ou dos doantes. Mais, isto non é así porque o que se somete a tributación é o incremento patrimonial que experimenta cada herdeiro pola porción de herdanza que recibe unha vez descontadas as débedas e gastos que ha de pagar. Neste sentido, este imposto opera de xeito similar e menos gravoso que os incrementos patrimoniais regulados no IRPF onde se contempla xa non só a tributación polas ganancias de tipo gratuíto, como os premios en concursos, senón tamén polas ganancias obtidas nas adquisicións onerosas, como sucede coa venda dun ben inmóbel. ¿Por que non se reclama a supresión do imposto municipal sobre o incremento do valor dos terreos de natureza urbana que se liquida tamén con motivo da transmisión mortis causa de inmóbeis como sucede co imposto de sucesións? Aínda máis, ¿por que o Partido Popular que goberna, e gobernou, en numerosos concellos segue esixindo este imposto gravoso que, ao ser de carácter potestativo, non require nin a modificación nin a derrogación da lei que o regula?