O Estado de Dereito


As palabras e as frases, igual que as plantas, vanse murchando cando non se regan ou se empregan sen moita precisión. De seren expresión inequívoca de ideas, de conceptos, pasan a converterse en tópicos primeiro, e dexeneran posteriormente no que no idioma de Berceo chaman muletillas e no de Martín Códax retrousos. En ambos casos consiste na repetición viciosa e abusiva de vocábulos, debido á carencia de recursos léxicos. Non é a miña intención -Deus me valla- meterme a teorizar sobre unha materia para min allea. Apelo ás normas que regulan a corrección da verba para descalificar palabras que de tan trilladas perderon o valor político que lle queren imprimir quen as empregan como retrouso. Sucede isto nos debates, cando se suple co tópico a carencia de argumentos. Non me vou referir á Folla de ruta, agora de moda, que cumpre a mesma función ca folla de parra que servíu para cubrir as partes pudibundas dos nosos devanceiros, os que nos deixaron en herdo o pecado orixinal.

Desde o Goberno até o máis humilde dos seus lacaios vénse combatendo o nacionalismo invocando o Estado de dereito. Podían razoar utilizando outra perspectiva ideolóxica. Pero non. Reducen os recursos dialécticos a este argumento tan manido. Vexamos entón en que consiste o tal Estado. Ten orixe nunha obra de Immanuel Kant. Con posterioridade foron moitos os xuristas que trataron sobre o tema. Un dos estudos máis recentes está no libro titulado Dereito e razón, obra do italiano L. Ferrujoli. Non hai discrepancias formais nin de fondo entre os diversos autores. As distintas teorías caben na definición que Fundéu fai do Estado de dereito: "Aquel que se rexe por un sistema de leis e institucións ordenado arredor dunha constitución, a cal é o fundamento xurídico das autoridades e funcionarios que se someten ás normas desta". Todo o seu valor emana, polo tanto, da razón escrita.

Temos, pois, as dúas características esenciais que conforman o Estado de dereito. A constitución que actúa de matriz, e as leis que a desenvolven. Sen perder de vista estes elementos imos ver, como mostra, algúns atropelos cometidos e amparados pola lei. A lexitimidade non está na norma , senón que esta debe estar sometida á xustiza. Non vou tomar como exemplo o Reino Unido, aínda que teña quizais laceiras que ocultar. Sendo estritos, sería impropio aplicarlle a definición que dá Fundéu, por carecer de constitución escrita. Tampouco me deterei en criticar a lexislación dos Estados Unidos, que permitiu a escravitude, o linchamento e a discriminación racial. Pensarase que a teño tomada con eles, por poñelos de antagonistas nalgúns dos meus artigos. E non é certo. É un país que me cae simpático polo deporte dos rodeos e pola pulcritude coa que pousan os pés enriba da mesa dos aperitivos. Alí foi onde Aznar se iniciou nos bos modais, os únicos dos que se pode gabar.

Sen necesidade de cruzar o Atlántico, para ver o que dan de si os Estados de dereito podemos baixar á República Surafricana. Abonda con salvar a nado o estreito de Xibraltar, atravesar algúns ríos e algunhas selvas para chegarmos ao país dos Boers. Conta ademais coas pegadas, aínda frescas, que alí deixaron ingleses e holandeses, que educaron a poboación nativa nos principios da democracia. Algunha vez tiñamos que falar dela, un tanto esquecida desde que deixou de ser a sede de campionatos deportivos. Se as miñas informacións son fidedignas, tivo varias constitucións ao largo da súa curta historia. Na de 1934, votada en referendo (precisión que a dota de lexitimidade), ensambla a lexislación referente ao apartheid. Ordenadas estas leis en torno a unha constitución, conta a República cos elementos necesarios para considerarse un Estado de dereito. A pesar diso, nin facendo esforzos nin aplicando fórceps xurídicos pode considerarse lexítimo ese Estado na súa época racista. ímolo ver con algúns exemplos que nos poden valer para ilustrarnos.

,Entre as leis que regulan a discriminación racial, máis de trinta, vou escoller as que me parecen ilustrativas. A nº 55 de 1949, que prohibe os matrimonios mixtos. A nº 41 de 1950, que divide as áreas residenciais, prohibindo aos negros habitar nos lugares reservados para os brancos. Omito a numeración e vou cinguirme exclusivamente ao seu contido. A coñecida como Lei dos Traballadores Bantú, que ordenaba que no sector da construción os negros só podían traballar nas obras dos edificios reservados para eles. A Lei de Pase, que non permitía máis de tres días de estadía na cidade aos negros desprazados desde zonas rurais. A separación racial nos lugares públicos, con letreiros indicativos de "só para brancos" ou "só para negros", fixados pola lei nº 47 de 1953. A que prohibía aos negros acceder ás universidades reservadas para a poboación branca. A que seguir. Estas son as aberracións coas que os códigos asoballan os dereitos naturais.

Os decálogos humanos, humanamente poden modificarse, argumento que utilizan os que se amparan neles para perpetuar o seu dominio. Intentouno Nelson Mándela. ¿Cómo? Desafiando as normas. Combaténdoas desde fóra delas. Pero as normas falaron, xa un pouco afónicas polos golpes recibidos do Congreso Nacional Africano, a través dos tribunais de xustiza, os eséxetas imparciais da lei, que o condenaron a cadea perpetua. Isto sucedeu en 1964. Trinta anos máis tarde Mandela sería Presidente da República, e varios negros ocuparían por primeira vez carteiras ministeriais. Aprendamos da historia. Dos penados por sentenzas dos tribunais españois quizais poida saír o día de mañá o presidente dalgunha república independente. Non sería raro que fose a picaña de Cataluña a que primeiro picase no edificio dun Estado cimentado nos alicerces da forza, por moito que o seu imperio actúe a través dos códigos. ¡Ánimo Mas! Non teñas medo de comparecer ante os escribas, pois algún día veralos de xeonllos diante do Palau de San Jaume.

Cando aínda a televisión non invadira o fogar, a única maneira de matar as tardes dos festivos de inverno era acudindo a un cine. As salas existentes non tiñan aforo suficiente para satisfacer a demanda. Había que coller as entradas con antelación, se non se quería pasar o tempo na casa xogando ao parchís coa familia. Un domingo pola mañá, no cine Rialto de Madrid, formouse unha cola que desde o vestíbulo se prolongaba pola rúa. Un descarado acercouse ao despacho adiantándose aos que agardaban vez. Recriminado por un dos que estaban na fila, contestou que ademais de presa tiña unha placa. Daquela, un distintivo de policía era unha póliza de seguros na España franquista. Non se engurrou o interpelante. Levantou o brazo, puxo o dedo índice na lapela do gabán do provocador, e espetoulle en ton educado pero tallante: "Pois esa placa pode métela no cu". Non souben quen era o señor que parou a arrogancia daquel intruso. Foi ovacionado por todos os presentes, e o valentón ausentouse sen agardar cola nin coller entrada. Seguro que pasou a tarde xogando á oca.

Tomando o exemplo do señor do cine, en linguaxe máis pulida voulle dar un consello aos máximos dirixentes do actual Goberno. A Mariano Raxoi, que se non fose pola barba podía pasar pola figura que a iconografía relixiosa representa debaixo dos pés de San Bartolomeu. Á señora Soraya, que coa súa cariña de mel podía servir de talla perfecta para figurar como anxo nalgún retablo barroco. O Estado de dereito do que vostedes falan poden usalo de supositorio. Seica ten virtudes terapéuticas para curar as mitolatrías, tendo a precaución de non defecar antes de que produza efecto.

,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.