O dogma da inmaculada constitución

Fototeca Nines
O dogma da inmaculada constitución

O galiñeiro español está alborotado. Por levante empezou a soprar con forza o vento independentista. Aínda que maino e civilizado en aparencia, semella máis perigoso ca o aquilón do norte, o que fai pouco puña sobre a mesa de negociación os cadáveres dos vencedores e dos vencidos. Triste historia a dun país que en lugar de cabezas puxo á fronte dos seus destinos aos cabezudos que antes desfilaban de comparsas nas festas do patrón. Cunha diferenza. Aqueles facían rir e estes só serven para asustar rapaces. Tais cabezudos -mellor dito cabezolos- víronse agora obrigados a modificar o seu discurso. Xa non lles vale descalificar os ideais por iren envoltos en violencia. Ese era o tópico anterior. Agora, cando as únicas armas brandidas son as bandeiras da paz e da nación, tamén hai que combatelos por estar fóra da lei. A lei, esa matrona ninfómana que leva na man esquerda a balanza do tendeiro e na dereita a espada da violencia e da vinganza. A de Moisés baixouna o profeta desde o monte Sinaí. A da constitución é o legado testamentario que a Ditadura deixou.

Opinan os pensadores clásicos que o sistema utilizaba antes as armas para dominar as masas. Sen renunciar a elas, abóndalles agora aparvalas cos modernos medios de comunicación. Naceu unha nova modalidade de xornalismo e unha nova profesión: a de tertuliano. Unha ocupación que inza sobre todo entre os profesionais da crónica, dada a súa formación polifacética. Igual retransmiten un funeral de Estado -o de Adolfo Suárez- coa mesma solemnidade ca un partido de fútbol dos que fan historia. Pero hai tamén docentes universitarios que sentan cátedra na súa disciplina e na que lles é allea. Médicos que ditan sentenzas coma se fosen togados, economistas que pescudan o virus da crise nos corpos dos que morren de fame, coma se fosen cirurxiáns. A min o que máis me gorenta é o gremio dos EX. Exdeputados, exsenadores, pensando quizais suplir con rendas atrasadas a escaseza actual de recursos dialécticos. Van de pantalla en pantalla, de plató en plató, sen que aos espectadores lles valla da nada zapear para librarse deles. Coma se estivesen na escena reparten os papeis, pero todos cumpren a función que lles encomendou o esponsor. Ao lado do mellor dotado para a dialéctica agresiva está o que ten como encomenda berrar e tapar a intervención do sparring, escollido entre os de máis aguante para recibilas e con menos capacidade para devolvelas.

Cando a tertulia botou fume foi co gallo da celebración da Diada independentista de Cataluña. Nunca, que lembren as crónicas, houbo en Europa unha mobilización popular de tanta concorrencia. A manda españolista que agardaba turno na tertulia botouse a ladrar antes de que o caporal soltase as rendas. Coma se levasen lume as entrañas, máis que falar parecía cuspir palabras. Vou escoller algúns elementos do vómito dialéctico que me amargou a noite do 13 de setembro. O nacionalismo catalán -e tamén os outros- é produto da manipulación. Supoñamos que si. Supoñamos que o cristianismo fose unha manipulación dos apóstolos, porque as crenzas que difundía eran alleas ao panteón romano. Supoñamos que a historia manipula chamándolle Cruel a don Pedro, vencido polo Enrique de Trastámara. Que a historia apelidase Católica a unha raíña usurpadora, roñosa, e que lle roubou o trono á súa sobriña e lle chamou cornudo a seu irmán. Manipular é ocultar o papel que o estamento militar xogou na redacción da constitución que se ofrece como dogma democrático. ¿E non terán algo de manipulación as campañas electorais, que son o paradigma das democracias burguesas? Di o refrán antigo que o bo pano véndese na arca. Se se precisa pregoalo, seguro que está falsificado. Sinxelamente, pensaba eu que na Universidade formaban homes e non carneiros.

Outra arroutada. A lei non permite a consulta popular, coma se por enriba dela non estivese a xustiza. Estes idólatras do dogma supoño que lanzarían pedras contra a parella adúltera de Mali, contra a nena somalí de trece anos, contra as mulleres do Irán, sabendo que o islam castiga coa lapidación o adulterio. ¿Ou é que a lei árabe non ten o mesmo valor que a deles? Máis aínda, este cruel castigo está contemplado no Antigo Testamento, e tamén no Novo, fonte na que bebe a doutrina profesada pola civilización europea. Os mesmos argumentos válidos para Mariano ou Salvador tamén poden servir para Mohamed ou Mustafá. Non é o home o que está feito para a lei, senón a lei a que debe estar ao servizo do home. Máxima que eu gardo dos meus tempos de parlamentario. A pena de morte non deixa de ser aberrante, cruel, un rito macabro, por máis que sexa legal en varios Estados que aquí se consideran referentes democráticos. Que o criterio de legalidade sexa aducido como lexítimo na argumentación de profesores de dereito amosa a degradación na que se atopa a cátedra na actualidade. E non por falta de formación ou intelixencia, senón por carecer de argumentos nos que ocultar un ideario imperialista. Sen que a cita implique coincidencia ideolóxica co autor da idea, concordo con Rodrigo Mora cando define como ditadura constitucional a que restrinxe as liberdades políticas co poder da norma.

Sería un erro deducir de todo isto que os que cuestionamos a norma estamos polo anarquismo, mesmo que a sociedade que nos tocou nos incline a experimentar con el. Que a lei non se fai para crear problemas senón para resolvelos é a verdadeira interpretación. Nun artigo anterior tiven que retrucar a quen acusaba o nacionalismo de exclusivista, cando o verdadeiro impositor e impostor é o Estado dominante, que exclúe linguas e culturas e pon a riqueza dos pobos ao servizo das oligarquías. A erudición dos cultos tertulianos, dotados dun vocabulario non accesíbel aos que utilizamos un léxico de andar por casa, meteume a min nun problema de interpretación. "O nacionalismo é un mantra", escoiteille a un dos profesores que trasladaron a cátedra das aulas á tertulia. O calificativo, vindo de quen viña, cousa boa non debía ser. Fun ao dicionario da RAE, pois os nosos non falan de porcalladas. Segundo os académicos españois é unha frase sagrada que os hinduístas recitan para invocar a Deus. ¡Quen o diría! Ou sexa, a mesma ladaíña que os tertulianos repiten cando invocan os artigos da constitución. A desgraza dos nacionalistas é que nunca dispuxemos dun "mantra" propio e sempre tivemos que rezar polo catecismo do Padre Astete, que non conta con versión galega. ¿En que lingua recitaron o credo os nosos avós?

Non cometamos a inxuria de acusar de rixidez ao Goberno. Ao de agora e aos de antes. Se hai que revisar a constitución fagámolo, na forma que nela está prevista. ¡Que xenerosos! Consigamos unha maza nova e san coa semente da que estaba podre. Non sei se foi o prestixioso xurista Shefield -os entendidos que me corrixan se estou errado- quen nos ilustrou sobre as argucias que conteñen as fórmulas de revisión. Tomou como modelo de incongruencia xurídica a constitución dos USA, aprobada por dous terzos dos estados e que esixe tres cuartos para a súa revisión. Todos os constitucionalistas tratan de blindar o propio texto. Por iso tamén os novos rara vez naceron a partir dos vellos. A V República francesa non utilizou a fórmula prevista pola IV, por suposto máis flexíbel ca española. De Gaulle apelou directamente ao poder constituínte. Ao referendo popular, esa modalidade de participación democrática que tantos receos esperta en Cataluña. E non falemos xa do galimatías previsto no artigo 168 para aspectos que tocan o título preliminar. Porque o que está en cuestión no conflito catalán é a titularidade da soberanía, reservada no artigo 1º-2 ao pobo español. Curiosamente, é a única que lle aplica o xentilicio ao suxeito da mesma. Unha maneira indirecta de recoñecer a plurinacionalidade do Estado. Submisos si, pero parvos non. Unha reforma que os seus inspiradores meteron nun labirinto. Un ir e vir permanente para que o pobo renuncie á revisión por non ter que sufrir o cansazo da tramitación. Unha constitución que naceu enferma é difícil que poida parir fillos sans. Renunciemos á reforma e condenémola a morte. É produto dun adulterio das Cortes lexislativas do 77 e os principios do Movemento. Non é banal a usurpación de funcións. A cámara lexislativa concreta a forma de goberno. A constituínte a forma de Estado.

E xa que os tertulianos se apoian no "mantra" da constitución para combater o nacionalismo, vou aproveitar para sacar algunhas lapas da carta fundamental, lagañosa e que se nos quere vender como modélica. Os comentaristas din que a española está inspirada na de Bonn. Non vou renunciar á tentación que me inspira a paronimia para pensar que se trata dun bombardeo mental para darlle prestixio a un texto que carece del. Non cabe dúbida que dela tomou os aspectos máis acordes coa mentalidade franquista. A moción de censura construtiva, por exemplo. Pero xa quixese eu que a copia fose exacta, e que calcase literalmente o artigo 15 do texto xermánico. Vouno reproducir aquí para que sirva de ilustración da esquerda española, a que lexitimou co voto e coa propaganda unha Carta que constitucionaliza descaradamente a economía capitalista. Di a teutona: "A terra e o solo, os recursos naturais e os medios de produción poderán, con fins de socialización (Zum Zuezke der Vegesellschaftung), ser transferidos a propiedade pública (in Semeineigetum) ou outra forma de economía colectiva, mediante unha lei que regula a modalidade e contía da indemnización". Os subliñados son meus. ¿Verdade que detrás da redacción parece estar a pluma de Carlos Marx? ¿Onde quedou "a terra para quen a traballa", que provocou a ira dos alzados en armas no 36? ¿Durmía a sesta Jordi Solé Tura, portavoz do PCE na ponencia redactora? Non. Quen durmía era o carrillismo, que para non morrer de secura ideolóxica veu beber nas rías galegas as augas contaminadas dunha fracción sedicente do nacionalismo. Nunca falta un tolo para un descosido.

Das constitucións que eu lin ningunha delas impide a deriva cara modelos socialistas. O artigo 38 da española senta como principio a economía de mercado, inmune a calquera alteración que se poida producir a través do 138. Así o interpretan os máis conspicuos constitucionalistas. ¿Verdade que detrás do artigo 38 parece estar a pluma de Emilio Botín?

Tamén resultan altamente sospeitosas as precaucións que toman as medidas excepcionais previstas para a restrición do exercicio das liberdades públicas. Sóltase o rabaño, pero alértanse os cans para que impidan que bote fóra do aprisco. Se non o advertín con anterioridade confésoo agora. Son un profano na materia. Por simple curiosidade intelectual e por esixirmo a miña vocación política consultei diferentes leis fundamentais. En ningunha atopei as reservas que contén a española e que se concretan nos estados de alarma, de excepción e de sitio. Non vou seguir falando da Constitución, que non é o tema central do meu traballo. O dicionario reserva o vocábulo "bibliófilo" para designar os amantes dos libros, pero coido que sería máis apropiado aplicarllo aos seguidores da Biblia. Esa Biblia profana, con cérberos máis ríxidos ca os que teñen as Sagradas Escrituras.

Cando este escrito vexa a luz seguro que xa pasou a data de votación do referendo catalán. Non coido que se celebre, pois parece improbábel que a Generalitat poña os cidadáns debaixo dos cascos da cabalaría española. En diferentes platós o condutor do programa fíxolle a mesma observación aos contertulios. Se as urnas saen á rúa, ¿de que maneira ou quen as vai retirar? Todos divagaron pero ninguén se mollou, porque a resposta é clara. A lei terá que sacar a espada. ¿Onde está, pois, o valor do decálogo que se proclama como supremo? ¿Cal é o alicerce que sustenta a sagrada unidade? ¿A tradición, a historia, a vontade popular? Está nos poderes que o Cardeal Cisneros gardaba na vitrina. É unha pena que as urnas calen por medo a seren silenciadas polas armas. Perdemos unha ocasión de acabar cos hipócritas rituais de repulsa da violencia, sexa en Euskadi, Galiza ou Cataluña. Condénanse os petardos e lexitímanse os tanques. O impoñente uve da vitoria que a Diada escribiu nas rúas de Barcelona terá que lelo de vagariño a historia española se quere emendar o rumbo dos fracasos pasados. Que non se preocupe. A perda de Cuba e Filipinas compensouna un século máis tarde a "Roja", que lle conseguíu un lugar de privilexio no olimpo deportivo. Dicíame un pensionista de seiscentos euros: menos mal que nos queda a selección.

A casualidade emparellou no tempo o plebiscito de Escocia co de Cataluña. Temíase que o resultado positivo do primeiro dese azos ao segundo. España e os seus corifeos metéronse na trincheira. Son casos diferentes, argumentaban. Uns vístense polos pés e outros pola cabeza. Uns bailan ao son da gaita e outros ao da cobla. No Reino Unido non existe constitución. ¡Pobriños, como poden vivir sen ela! O corolario resulta evidente. A constitución non serve para garantir dereitos senón para impedir o exercicio dos mesmos. Por iso os escoceses poden votar e os cataláns non. En miúdo lío se meteron os partidos que agora chaman constitucionalistas. Eu suxiro como lema para celebración do próximo Día da Patria, da próxima Aberrieguna, da próxima Diada, o seguinte: "Morte á Constitución". Pero non acaban aquí as xenialidades dos buscadores de diferenzas. As disparidades fan delas semellanzas cando lles vén a conto, mesmo que a homologación roce o absurdo, confundindo o touciño coas améndoas, aínda que ambas sexan cousas de comer. Recoñecer o dereito de autodeterminación de Cataluña sería tanto como permitirllo ao Empordá para emanciparse do Principado. Brillante idea. Con este sofisma queren entrambilicarnos nun dilema inexistente, que consiste en equiparar a realidade cunha entelequia. Se os sparrings estivesen para algo máis que para dar xogo tiñan fácil o argumento para noquear os púxiles, situando o combate no cuadrilátero que estes procuran evitar. Non se lle pode aplicar a un Estado plurinacional os criterios que son válidos para outro uniforme. A cuestión nacional é a que eu botei en falta nos debates de plató, permitíndolle desta maneira aos cantamañás pasar por eruditos. Pero aceptemos o reto e convirtamos a entelequia en realidade. Supoñamos que no futuro a nosa Limia queira independizarse dunha Galiza soberana, hipótese nada probábel. ¿Quen somos nós para impedir que os limiaos, por votación maioritaria, se convirtan noutro Luxemburgo se así o desexan? Xa ve, señor JlB, que tropeza vostede na trampa que lle puxo ao adversario. O "ele" intercaleino para que non haxa confusión entre un inhabilitado prevaricador e lambecús e un whisky de recoñecido prestixio.

,
Se non conseguiron engaiolarnos cos anteriores reclamos, os tertulianos teñen preparados outros. O que sería capaz de reter o fillo pródigo cando liscou fóra da casa. O do voto para todos. Os de dentro e os de fóra. Tanto para amos coma criados. Vou renunciar a filosofías para retrucar. Os profesionais do debate, ofuscados polo código penal, son reacios a siloxismos. Vou explicarme coa pedagoxía que a escola utiliza cos non iniciados. Viña sendo norma na sociedade rural galega un costume que aínda perdura. Os recén casados rara vez dispuñan de casa propia. O matrimonio integrábase no fogar dun dos consortes. Xeralmente o da muller. Así, os estudos demográficos dos que dispomos até épocas recentes contabilizan por casas, por lumes e non por habitantes. Calculan cinco persoas por cada veciño. Nunha mesma familia convivían ás veces pais, avós, fillos casados e solteiros. Un día o matrimonio, cos aforros conseguidos no xornal, porque na artesa non había pan para tanta xente, acorda emanciparse. ¿Considerades lóxico que a decisión tivese que ser referendada imperativamente por toda a familia e os consellos fosen mandato imperativo? ¿Considérase lóxico que a emancipación de Angola houbese que consultala coas urnas portuguesas? E se o paralelismo o trasladamos ao campo da empresa, de maior similitude, a pretensión españolista sería máis aberrante, esixíndolle ao obreiro que se quere marchar a consulta aos compañeiros e o visto bo do patrón. Cando se razoa desta maneira estase pondo por enriba do valor dos votos o poder das armas.

O imperialismo só se convence despois de ser vencido. ¿Qué agarda España? ¿Qué en Cataluña se reorganice o corpo de somaténs? Non vos riades, que no Vietnam os coitelos feitos con canas de bambú conseguiron derrotar o mellor exército do mundo. Non pode falar de paz nin pedir condenas de violencia ningún país que adica unha parte importante dos seus orzamentos a manter e adestrar exércitos. Perigo de invasión externa non existe, xa que a riqueza que había aquí dilapidárona os gobernantes. Descartado o perigo que vén do exterior, a única función que lle queda aos militares é a de salvar a integridade que o artigo 8 da CE lles confía. Ogallá me equivoque, pero teño a impresión de que o Goberno pretende abrir en Cataluña unha porta para que entre a ETA que acaba de saír de Euskadi. Só falta inflarlle un pouco máis de represión ás demandas populares para que rebente o globo que o Estado vén inchando.

Repasemos os últimos acontecementos. O parlamento catalán, representación democrática do pobo, aprobou unha reforma do Estatuto de autonomía. O texto pasa polo filtro do Congreso, que o depura e peitea para presentalo aseado ante a mentalidade española, tallada pola trencha da meseta castelá, que contempla o mundo en perspectiva plana. Volve a Cataluña para sometelo a referendo dun electorado magoado polos recortes que lle meterán en Madrid. Sae aprobado. ¿Queredes máis? A ovella, amansada xa nas cortes madrileñas, tiña que pasar polo Tribunal Constitucional para que lle fixese un tosquiado en condicións. Así lla devolveron aos cataláns. Tan peladiña, que nin os mesmos pais a recoñecían. Ou sexa, que o Estatuto en vigor non é o que o pobo votou, senón o que saíu dos tribunais. ¿Quen empurrou o nacionalismo cara a independencia? ¿A manipulación ou os poderes do Estado, os de Cisneros, entre eles o TC? Maxistratura esta axuizada cando declaraba ilegais as candidaturas aberzales e prevaricadora cando legalizou Bildu. Estes calificativos contraditorios proceden da valoración que fixeron no seu momento os mesmos tertulianos. A primeira gran manifestación de repulsa tivo lugar no mes de xuño de 1.910, cando España estaba alucinada polo delirio balompédico. A TVG, a V, a TVE, a 13, non podían daquela promover debates políticos para non turbar a lúa de mel deportiva. A culpa de que a tertulia se ensañase agora con Cataluña tívoa a derrota do Brasil, seguramente por mor dalgúns separatistas que vestían a camisola vermella. Xa tempos atrás lle cargaron a un porteiro vasco, de coñecidas ideas aberzales, a culpa doutra derrota.

Pero volvamos á lei, que é a deusa invocada en todas as tertulias. Non comprendo que o que se estabelece como dogma permita diversas interpretacións. Cando Roma declarou o don da Inmaculada Concepción todos os hermeneutas calaron, acabáronse os ciumes que a Xosé, o carpinteiro, lle puidesen quedar. Pero a doutrina que aplica o TC constitúe unha excepción. Os mesmos artigos invalidados no Estatuto catalán, coas mesmas palabras, os mesmos puntos e as mesmas comas, pasaron o control constitucional no andaluz. Evidenciado isto, ao sparring de turno brindáronlle en bandexa os argumentos para espir os escravos da lei, a matrona da balanza e dos ollos vendados. Quizais se debese a unha xaqueca menstrual o motivo de meter a espada no de Cataluña. Ou que se lese a un con "ceceo" e ao outro con "seseo", extremo que se podería aclarar sabendo quen foi o relator da sentenza. Para os galegos, o pouco creto que lle quedaba á xustiza xa llo quitara Castelao nun debuxo das súas Estampas. "Como pesa e como fede", dicía a vella que cargaba co cadaleito da LEX.

Entre os argumentos de carácter punitivo, que son os que máis abundan e os preferidos polo profesor barbudo, tamén hai outros de solidariedade. As consecuencias que traería a emancipación. Por exemplo, o isolamento internacional, como se a bola do mundo xirase movida pola man de Madrid. O peor sería o abandono da Unión Europea, ficando no mesmo desamparo que Suíza, sen euros, e contando os francos polos dedos, como facía eu de pequeno, e aínda o sigo facendo cando a operación me resulta complicada. O quedar sen moeda sería o peor. Contábame o amigo J.W. Bautista Vidal, prestixioso economista que leccionou nas universidades de Bahía, Brasilia e Campinas, que a moeda equivalía a un papel pintado. Cruñada en ouro ou prata, non ten máis valor ca o que lle queiran dar. E digo eu, habendo tantos e tan bos pinceis en Cataluña, desde Tapies a Fortuny, non precisan buscar en Montmartre un Manet que lles faga billetes autóctonos e con barretina. Aínda hai xente con oposicións no peto (outros entraron na universidade a dedo), que acredita na Santa Compaña. Quen pensa que a Unión Europea naceu como casa de beneficencia para acoller desamparados e non como mercado, e que a ampliación tiña como obxectivo buscar socios e non clientes. Que lean os folletos que difundía a Comisión fai tres décadas. Cómpre incorporar novos países para evacuar os nosos excedentes alimentarios vacúns, lácteos e derivados. ¿Quen evacúa? Os que están dentro. ¿Quen lles limpa o cu? Os que chegamos de fóra. Hai constitucionalistas que lle rechían os dentes cando mentan os nacionalismos. Topámolos todos os días cando abrimos algún xornal galego. Seguen pensando que a CEE contribuíu ao avance do país. Que saian das aulas e que dean unha volta polas aldeas, agora que non corren o risco de lixar os zapatos coa bosta que antes deixaban as vacas, unha especie en extinción entre a nosa fauna. Menos mal que o seu lugar vaino ocupar, ou xa o está ocupando, o porco bravo. Xa se ve o progreso na gandaría, na construción naval, na pesca de altura. Vese sobre todo na evolución demográfica, que está substituíndo por asilos os xardíns da infancia. Ilústranos a fábula de Samaniego: "A un panal de rica miel dos mil moscas acudieron". Pouca mel debe quedar nos favos galegos cando nin ás moscas tenta. Perdoade a extrapolación do símil. Bush pretendía acabar cos incendios forestais talando os bosques. Outros queren acabar cos nacionalismos eliminando a nación. A mellor maneira de conseguilo é cerrando a billa da recuperación demográfica. ¡Amigos de Cataluña, non vos alporicedes! Coa independencia deixaredes de ser clientes para convertervos en tendeiros, que é o que mellor concorda co voso carácter fenicio, segundo reza o tópico español, que ten nomeadas para todo o mundo menos para os casteláns, que son berce da hispanidade, e que os que non son fidalgos levan no escudo un brasón de cristiano viejo.

Se sacamos as cámaras dos platós e as levamos ás rúas atoparémonos cun inconveniente maior para a independencia de Cataluña. Saberedes que dun tempo para acá os españois, os de boa cerna, levan nas órbitas oculares en lugar de ollos dous balóns de coiro. Ollan o mundo a través das cores de cada equipo. ¿En que liga vai xogar o Barça? ¿Contra o Mataró, o Manresa, o Hospitalet de Uobregat? ¿Permitirá a UEFA que participe na champions un equipo que conquistou o título nunha competición disputada nos campos que os colexios teñen no patio de recreo? ¿Contentarase en enfrontarse co Luxemburgo, unha selección que lle permitíu a España espiollarse da derrota que lle arreou Holanda no Brasil? Confeso que non caíra nisto. Nin eu, e seguro que os partidos soberanistas tampouco. Sen pan pódese pasar, sempre que haxa circo para matar a fame. Hai un inconveniente engadido. Os seareiros barcelonistas esparexidos por fóra de Cataluña, que son moitos, non permitirán que o Barça lle deixe libre as competicións aos equipos madrileños. Supoño que o tema deportivo é o as que Raxoi (Rajoi en grafía arcaica) garda na manga para coaccionar a Mas. Mira por onde, a independencia que está a punto de ganarse nas urnas pode malograrse nos campos de fútbol. Un tema de tanta envergadura será o centro de discusións na Fonte de Canaletas os próximos domingos. Se cadra, pode atoparse nas Ramblas a solución que os deputados non albiscaron no Parlamento. Sería unha pena que despois de tantas mobilizacións ondeando bandeiras estreladas o proxecto se viñese abaixo por culpa de Messi.

Termino. Por unha vez concordo cun académico, columnista semanal nun xornal de Galiza, que lle adica aos tertulianos calificativos máis duros ca os que eu lle apliquei neste escrito. Vociferantes iracundos, que en lugar de ser modelos para a educación da xente só serven para formar gamberros, abusando dos berros e das interrupcións mútuas.