O discurso hexemónico e o recanto escuro
Asisto expectante ao debate das últimas semanas a raíz da toma de postura de significados neopolíticos sobre a lingua e a cultura galegas, e a como a súa mensaxe se espalla por certas áreas do corpo social outrora máis proclives ao maltratado idioma do país. Sorpréndeme negativamente a baixa consideración do tema lingüístico e cultural nunhas propostas políticas que pretenden pasar por renovadoras, incluso por antisistémicas. Interpreto este feito como unha volta atrás. No lingüístico, como un chanzo máis no proceso de substitución. No estritamente político, como unha regresión -espero que temporal- no lento e azaroso proceso de toma de conciencia nacional que con altos e baixos vimos desenvolvendo os e as galegas desde hai séculos.
Pregúntome se a relativización das problemáticas lingüística e cultural, excepcionalmente relevantes para calquera observadora intelixente da nosa sociedade, ten parangón na análise doutras situacións de desigualdade que nos sacoden. Se a mesma insensibilidade ou negación do problema lingüístico tamén se dá neses círculos a respecto das discriminacións por xénero, por etnia ou por orientación sexual. Pregúntome, en fin, se estas novas personaxes políticas que degradan o problema lingüístico e cultural galego serían capaces de relativizar outros varios tipos de discriminacións polo simple feito que a maioría da sociedade así o ten asumido.
A resposta é sinxela. Abonda con coller afirmacións comúns de presuntos renovadores sociais e darlles unha volta. Algunhas son públicas e publicadas nos medios, outras son tan frecuentes en certos círculos que os nosos ouvidos están afeitos a elas e non precisan de xustificación documental. Comezamos por un clásico: “Defender o galego non importa. Mellor é que haxa traballo e que cada un fale o que queira”. Agora quiten a referencia á lingua e engadan, por exemplo, unha de xénero: “Ser muller e feminista non importa, o importante é que haxa traballo”, etcétera, e cunha simple frase nos estariamos cargando séculos de sometemento por razón de xénero, de violencia femicida, de anulación forzada de millóns e millóns de mulleres ao longo da historia, de loita polo sufraxio feminino e de revolta antipatriarcal. Defendíbel desde o progresismo? Claro que non. Pois o primeiro caso, o do galego, ao parecer si.
Outro clásico de quen pecha os ollos a un tipo concreto de desigualdade: “As reivindicacións de lingua separan. Imos todos xuntos contra o sistema sen fendas artificiais”. Agora quitamos lingua e facemos referencia á etnia: “as loitas raciais separan...”, e todo o demais. Voilà! O tráfico de escravos, a aniquilación de seres humanos de continentes enteiros, os holocaustos e as limpezas étnicas, as indíxenas guatemaltecas, os aborixes australianos e os ciganos europeos, todos de cabeza ao caixón do lixo da historia. Renovador? Antisistémico? Para nada. Mais no caso da lingua galega vai coando como tal.
Pasemos ás declaracións con nomes e apelidos. Preguntada polo tema, unha flamante anovadora política resolveu desde a súa endogámica facultade unha vella cuestión en poucas palabras: “O problema fundamental de Galiza non ten que ver coa súa identidade cultural senón coa súa situación económica”. Agora imaxínense se, preguntada ao respecto, a mesma dirixente respondese que “o problema fundamental de Galiza non ten que ver cos dereitos das persoas homosexuais senón con...” e o que segue. Servirían as súas palabras para construír un discurso hexemónico que puidese unir vontades para optar a tombar o sistema e aos seus castizos representantes? Nin de broma: tal postura desincharía drasticamente as expectativas de voto entre o público moderadamente progresista a quen vai dirixido o discurso da organización que representa. Porén, o de relativizar a importancia da identidade cultural galega faise estratexicamente, co fin de ampliar relevancia nunha sociedade cuxos medios de masas naturalizan cada vez máis a existencia en igualdade de persoas de opcións sexuais diversas mentres manteñen o estereotipo do galego como atrasado, sometido, servil e irrelevante.
Imaxinan vostedes a un círculo progresista e antisistémico pensándose se inclúen no seu ideario a defensa da loita feminista, das reivindicacións LGTB ou da igualdade racial? Imaxinan que o debate fose utilizar ou non unha linguaxe estratéxica e elegantemente machista, racista ou homófoba polo simple feito de que estas expresións teñen gañada certa carta de natureza no noso corpo social, e son polo tanto máis efectivas para comunicar? Pois iso é que está a suceder a respecto da lingua e a cultura galegas todos os días nos eidos desa grande estafa que alguén, errada ou interesadamente, deu en chamar nova política.
Hai cento dezanove anos un presidente do goberno español, elixido segundo os parámetros democráticos da época, sentenciaba sobre a escravitude:
“Os negros en Cuba son libres; poden contratar compromisos, traballar ou non traballar, e creo que a escravitude era para eles moito mellor que esta liberdade que só aproveitaron para non facer nada e formar masas de desocupados. (…) Estes salvaxes non teñen outro dono que os seus propios instintos, os seus apetitos primitivos”.
Poucas persoas se escandalizaron naquela altura das súas palabras. O discurso racista era daquela un discurso hexemónico, naturalizado, maioritariamente asumido que, salvo escasas persoas con alta sensibilidade humana ou intelectual, ninguén cuestionaba.
Desenmascaremos a quen ignora que a opresión lingüística é a tarxeta de visita da explotación económica máis descarnada. Fagamos que canto antes os exemplos de linguaxe pretendidamente neopolítica antes citados sexan considerados tan fóra de lugar como hoxe consideramos as aberrantes palabras, perdidas no tempo, daquel presidente do goberno español. Que o feito de rebentar en catro frases séculos de ignominia e de submisións forzadas, de degradación humana por razón de lingua, cultura e procedencia non poida ficar impune. Séculos de labazadas nas escolas, de chanzas dos iguais, de estereotipación denigrante, de esforzados cambios de idioma para optar a ser cidadáns de primeira e acabar séndoo de terceira co menosprezo dos de segunda. Séculos de estigma, onte polo cheiro a vaca, hoxe polo aparentar perigosamente diferente. Séculos de tantas e tantas situacións de desigualdade pasadas, pasantes e por pasar. Que todo isto sexa directamente mandado, sen maior contratempo, ao recanto escuro dos castigados pola historia.
,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.