O día de/sen Constitución
As sociedades politicamente anquilosadas como a do Estado español, seguen celebrando efemérides que forman parte de liturxias dun pasado que, política e historicamente, deberían estar superadas. Seguir celebrando ao exército, á igrexa católica ou á Constitución son exemplos deses xestos dun estado ancorado nun pasado que impide a súa adaptación ao contexto político plurinacional e que frea a súa modernización.
Celébrase unha constitución incumprida
Acabamos de comprobar como a Constitución que en breve se vai homenaxear é para o que interesa papel sen valor. A visita do Papa confirma que a claridade con que se define ao estado dende o punto de vista relixioso non se cumpre.
A repetición dun estado aconfesional axeonllado diante dun papa católico é a imaxe da debilidade política do creado polos chamados "Pais da Constitución". Un Estado sen firmeza, que permanece covardemente submiso ao imperio da igrexa, quitándolle todo valor a ese documento que logo enarboran cando interesa. A Igrexa Católica continúa contando con prebendas políticas o económicas que impiden calquera avance nun sentido laico.
Unha Constitución monárquica e militarizada
Eliminado o ruído de sables inicial co que naceu, a Constitución segue confiando ao Exército a "indisoluble unidade da Nación española". Velaí que os desfiles militares sigan sendo unha demostración de que continuamos baixo a batuta dunha orquestra que xa non debe pintar nada na partitura dun estado teoricamente democrático.
E na fronte a monarquía amparada no mito de ser "o motor da democracia". Así, acabou converténdose na institución máis protexida penal e constitucionalmente e, ademais, blindada perante a crítica social.
Estado plurinacional? Non grazas
O que tiña que ter sido un Estado federal respectuoso co dereito democrático á autodeterminación dos pobos, limitouse a consagrar un modelo aberto de descentralización, condicionado por esa "indisoluble unidade da Nación española" deixando no exército a salvagarda da súa integridade (artigo 8). O Estado das autonomías desenvolveuse a contragusto. O muro centralista e españolista nunca permitiron avanzar ampliando o camiño. Os exemplos van desde a LOAPA, de infausta memoria, até a recente sentenza do Tribunal Constitucional sobre a lei de consultas vasca ou a histeria xurídico-política xerada arredor do novo Estatuto catalán.
As élites que protagonizaron a redacción e establecemento desa Constitución esgotada, estiveron cómodas ou acomodáronse a unha democracia de representantes, dominada polas cúpulas dos grandes partidos e claramente reticente a abrir canles de participación cidadá, de ampliar as doses de democracia, benestar social e cultural ou de avanzar na autodeterminación dos pobos.
Tantas sombras e máis, unicamente se poden despexar cunha revisión profunda que, ademais, lle saque esa áurea de sacralidade que a fai inmutable e intocable 32 anos despois. En definitiva, pouco que celebrar. A principios de decembro asistiremos á parafernalia habitual sen nada novo. Nada pintamos aí.