O desprestixio da política
No recente debate sobre o estado da Nación, o Presidente do Goberno galego fixo, ao inicio do seu discurso, unha referencia extensa á desafección da política por parte da cidadanía, manifestando que estamos "nunha sociedade que, cada vez máis, nos percibe ós políticos como un problema engadido aos que xa padecen" e que os cidadáns detectan outro problema como é "os políticos e os partidos. Nós."
Non é unha casualidade que Feijoo faga esta referencia, por certo nada nova. Poderiámonos retrotraernos anos atrás cando un ditador manifestaba que "joven, haga como yo, no se meta en política". A múltiples referencias de ditadores poderiámonos acudir máis o importante é o denominador común; ningún deles considerábase político, ningún definía seus afáns como política pois considerábanse por riba dela. Nembargantes practicaban un apego case que indecente ao poder. Máis a referencia do Presidente non é polo convencemento de que hai que rexenerar a acción política e facer participe ao conxunto da cidadanía na toma de decisións e na gobernanza. Nada máis lonxe da realidade. Máis ben todo o contrario, como o demostra o Partido Popular e varios cargos do actual Goberno galego, incluído algún conselleiro, cando acusan á oposición de facer política no Parlamento galego.
Esta reflexión ben a conto pois estamos asistindo a un ataque sen precedentes e de desprestixio total da política, entendendo esta como o conxunto de principios e obxectivos que serven para a toma de decisións e a planificación de actividades na transformación da sociedade e ao servizo das maiorías sociais. Baixo unha primeira manifestación de que "todos os políticos son iguais", que "so loitan polos seus intereses" ou que "están distanciados das persoas" escondese non un problema de comportamento ou ética individual senón unha concepción predominante sobre a política derivada da hexemonía do neoliberalismo que pretende impedir que a representación dos intereses sociais maioritarios modifiquen as políticas públicas favorábeis ao gran capital, explotador e excluinte, e as súas consecuencias de maior empobrecemento e exclusión social.
Neste traballo conflúen moitos factores, persoas e entidades ou institucións. Dende a intelectualidade de cunco ata a atonía cidadán provocada; dende as múltiples promesas incumpridas ata o abrazo ao ideario dos "mercados"; dende o rexeitamento do conflito ata a submisión sen precedentes; dende o sacrificio do común ata a eficacia e o éxito persoal como baremo único para avaliar as accións; dende o acriticismo ata o sacrificio da capacidade de autoorganización da sociedade.
Pero tamén contribúen os compromisos como arranxar a crise e o desemprego en 45 días e logo colocan a Galiza na cabeza da destrución de emprego; a dialéctica barrio baixeira de "e ti máis"; actuacións como a campaña máis lixosa das autonómicas do 2009 e agora as municipais; a malversación de fondos públicos; a utilización partidaria das institucións e un longo etc..
Foi o Partido Popular o que non tivo ningún reparo en montarse no cabalo dos infortunios das persoas (paro, exclusión social, dependencia, etc..) para o seu aproveitamento e negocio e logo, unha vez acadado o poder, desmontarse sen ningún rubor. Pero si a dereita sempre xogou ao desprestixio da política, pois neste campo sempre sae favorecida, non menos responsabilidade ten a socialdemocracia. O desmantelamento industrial; o afogue a flota pesqueira, ao sector lácteo; o retallamento dos dereitos sociais (pensións, salarios, negociación colectiva, etc..) contribúen a xerar a desafección á política e perder toda esperanza de que outro xeito de actuar é posíbel e, máis que posíbel, necesario.
Hoxe a razón económica impera e destrúe ás demais; no canto de poñer a sociedade e o común no centro das decisións e actuacións, a ferramenta (a economía) converteuse nun fin en si mesmo. O beneficio económico fai que o benestar social e as necesidades da maioría das clases traballadoras sexan inmolados pola especulación sen limites e intenta poñer todos os mecanismos e someter ás institucións e aos representantes da cidadanía baixo este criterio no canto de responder aos intereses da cidadanía.
O "laissez fair" do neoliberalismo máis radical precisa do desprestixio da política como algo fundamental para acadar os obxectivos antes enunciados e, de ai, o proceso ascendente de desmantelamento das conquistas sociais, do cativo estado do benestar e das crecentes privatizacións que ten como obxectivo reducir ata eliminar a capacidade redistribuidora do Estado e garantir o lucro dos especuladores.
Mais esta marcha pon en risco a democracia, como xa sucedeu noutros países fomentando a distancia e a falla de control das institucións que nos gobernan, a falla de participación da cidadanía na toma de decisións e os liderados autoritarios. Compre, pois, a recuperación urxente da política, facela de todos e todas e buscar canles de intervención que permita involucrase á sociedade civil, abrindo posibilidades de suxerir propostas e controlar ás persoas electas.
Pasou o tempo da resignación. Xa levamos algún tempo contemplando que así so retrocedemos e estamos, non so negándolle un futuro ás xeracións vindeiras, senón a negación mesma dun futuro. Por iso o nacionalismo galego ven construíndo unha alternativa baseada na intervención pública na economía baseada no traballo produtivo e non no especulativo, no afortalamento dos servizos públicos sociais, no reforzo do autogoberno e na centralidade da cidadanía como destinataria do conxunto das decisións e actuacións. É hora, pois, de que a maioría social nos apropiemos da política.