O despido dos veterinarios de SEAGA

O despido dos veterinarios de SEAGA

A Xunta fai meses que iniciou o despido de máis dun cento de veterinarios/as de SEAGA que se ocupaban das identificacións de ganado nas explotacións. O seu argumento é a tan deturpada austeridade e o tan manido aforro económico. Pero a realidade é outra ben diferente. Galiza conta a nivel xeral co mellor e máis contrastado sistema de identificación de gando nas explotacións, algo que situou a carne galega como unha das de maior seguimento da trazabilidade e seguridade alimentaria dentro dos mercados de todo o Estado. O control e seguimento sanitario ao que estaban sometidas as explotacións e as reses que despois se comercializaban contaba con todos os parabéns de organismos oficiais nacionais, estatais e tamén europeos, e por suposto, co aval dos profesionais e das súas asociacións. Agarrados a unha nova escusa, o PP bota por terra o esforzo de todos estes anos para lograrmos un sistema recoñecido e que funciona e no que os titulares das explotacións e os propios consumidores confiaban. Destrúen o asentado e substitúeno por un novo sistema de identificación no que a Administración abandona os seus deberes, trasladándolle ao gandeiro a responsabilidade de colocar a chapa identificativa directamente na súa explotación, e converténdoo, por tanto, no responsábel directo de calquera circunstancia que se poida producir desde ese momento. Venden, ou pretenden vender a medida, envolta na opción de tramitar as altas das explotacións a través de internet. Mágoa que non poñan tanto empeño en mellorar o acceso a internet no rural e en boa parte das explotacións.

Visto así, no papel, pode parecer que a modificación no sistema de identificación non é malo, dado que lles elimina trámites aos gandeiros, que xa non terían que chamar ao veterinario nin pagar as chapas identificativas. Aforro, a priori, polo tanto de xestión e de diñeiro. Pero a medida leva carga de profundidade. Ninguén fala dos custos de acceso á rede. Pero o que é máis grave, a Xunta esquece o seu deber de control sanitario e de aval da calidade e seguridade alimentaria. En realidade, o que a Xunta camufla nunha suposta medida de mellora e que moitos gandeiros aínda non ven, é o desmantelamento dos servizos agrarios e gandeiros de SEAGA, empresa pública dependente da Xunta e que centra a súa actividade nos ámbitos gandeiro e forestal.

O desmantelamento dos servizos públicos

A eliminación do sistema de identificación gandeira por parte da Administración é un dos primeiros pasos, pero non o último, dunha planificación deseñada e aplicada para seguir adiante co proceso de desmantelamento de todos os servizos agrarios e forestais que a día de hoxe se prestan desde a administración galega. Ese proceso xa se iniciara en época de Manuel Fraga, coa perda de funcións de Extensión Agraria, pero paralizárase coa chegada do BNG ao Goberno da Xunta. A día de hoxe o PP retomou a súa aposta inicial de eliminar todo o que soe a público, a avances no rural, a defensa dos intereses reais dos labregos e labregas e aplica un ERE (despido masivo e legal en situación vantaxosa para o patrón, neste caso a Xunta) co que vai mandar á rúa a máis dun cento de veterinarios de SEAGA que realizaban estas e outras funcións no medio rural. Curiosamente, a autoridade laboral que aprobou o ERE é a mesma que o presentou: a Xunta a través das Consellarías de Traballo e Medio Rural, respectivamente. Por certo, ao parecer decidiu aprobar a proposta de despido, en contra das respectivas inspeccións de traballo.

Quen pense que esta é unha medida illada e definida para a mellora do noso sector gandeiro, quen considere que estes 112 traballadores e traballadoras, son simplemente, vítimas da grave crise económica que estamos padecendo, equivócase. Non sería mellor ampliar os servizos que prestan?

Un novo ataque do PP ao rural

Debemos esculcar o horizonte e veremos con claridade o que significa esta nova actuación do PP no medio rural: un novo movemento na estratexia de ataque frontal aos servizos públicos e ao futuro de moitos e moitos concellos. Este é un paso máis no desmantelamento do rural. A eliminación de servizos veterinarios, sanitarios, sociais, educativos, etc., que aplica o Partido Popular debaixo do paraugas, -no que todo colle-, da falsa austeridade é unha actuación de extrema gravidade para o noso país.

Os veterinarios recolleron máis de 21.000 sinaturas de gandeiros e consumidores, en defensa do actual sistema de identificación, control, inspección e rexistro do gando, e Lugo destacou por representar unha elevada porcentaxe do total. Falar nos Áncares ou no Courel, en todo o rural galego de reducir servizos, é algo que se está convertendo no repetido titular diario. O PP non confía no noso rural, e quere converter o seu futuro e os das súas xentes nun feixe de pólizas de xestión privada. A eliminación do servizo público de veterinarios é un paso máis que non podemos nin debemos permitir. A defensa do servizo que prestaban, dos postos de traballo dunha empresa pública, é tamén unha defensa da vida e do futuro do rural galego. E por iso o BNG está nesa batalla. E por iso contan co apoio decidido de FRUGA. Que anormal resulta que haxa sindicatos agrarios que defendan esta medida do PP! Cando as organizacións políticas e sindicais non queren ver a realidade, calquera venda é boa, incluso a da austeridade ou a da retorcida mensaxe da maioría de idade dos labregos! Mágoa que nos vaian eliminado os servizos mínimos para que cando os poucos nenos que quedan na zona rural cheguen á "maioría de idade", poidan seguir vivindo nos seus concellos e desenvolvendo actividades propias do noso país como a gandería e a agricultura. Negarlles ese dereito a poder decidir, é unha agresión máis a quen sempre defenderon e manteñen vivos os nosos concellos.