O desmantelamento das políticas de igualdade como peaxe para pagar a crise

O desmantelamento das políticas de igualdade como peaxe para pagar a crise

O pasado martes o Partido Popular defendía a tramitación parlamentaria da lei pola que se suprime o Servizo Galego de Igualdade, un organismo creado xa no Goberno de Manuel Fraga, amparándose en motivos económicos.

É curioso que cando se fala de aforro orzamentario e de restruturación, sexan sempre as políticas de igualdade as que teñan que sufrir o recorte, a pesares de ser as mulleres quen experimentan as consecuencias negativas da situación de crise con maior rapidez e quen se benefician da recuperación máis lentamente.

A supresión do SGI supón unha perda de poder, de relevancia na toma de decisións, de autonomía, desaparece a visibilización das políticas de igualdade nun momento no que estamos ante unha dura ofensiva contra as mesmas por parte dos sectores máis conservadores e reaccionarios da nosa sociedade, amparados e animados polo goberno da Xunta, cando sería necesario xustamente todo o contrario, é dicir, un fortalecemento deste organismo autónomo e das súas políticas transversais de igualdade.

Non esquezamos que hai menos dun mes que o goberno de Feijoo financiou con cartos públicos a asociacións ultracatólicas para que exerzan presión e disuadan ás mulleres do seu dereito a abortar libremente, no marco dunha campaña de boicote que a Xunta de Galiza está a realizar na aplicación da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e de Interrupción Voluntaria do Embarazo (Lei do aborto), como xa fixo o pasado ano cando se opuxo á dispensación da pílula postoital sen receita.

Ou a deliverada política de desmantelamento dos servizos sociais públicos, comezando pola eliminación dos Puntos de Información á Muller e das oficinas I+B (oficinas situadas maioritariamente no rural, desde as que se ofrecía unha atención integral ás persoas máis vulnerábeis da sociedade en risco de exclusión social, e onde se atendían distintos programas que redundaban nunha mellor inserción laboral da muller e n atención aos mozos e mozas), a cancelación da posta en marcha do servizo "kanguros" e a disolución final do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pasando pola eliminación dos Centros Quérote (de asesoramento afectivo sexual á mocidade), ou no seu día a paralización do programa ENTENDO, que daba resposta xurídica, médica e psicolóxica ás lésbicas, gais, bisexuais e transexuais.

Como o goberno dun país pode ampararse en cuestións económicas para eliminar un organismo autónomo como o SGI, cando alenta economicamente a unha asociación que esixiu publicamente á Xunta "que non promovese unha sexualidade pervertida entre os adolescentes" (en alusión á función dos Centros Quérote), que considera a homosexualidade como patoloxía ou que non acepta a existencia do aborto terapéutico (o xustificado por razóns médicas ao quedar en perigo a nai ou o bebé)?

Pero a extrema dereita non é a única que aproveita o contexto de crise para desmantelar o mal chamado estado de benestar. No estado español, o goberno do PSOE ven de facer o mesmo coa supresión do Instituto da Muller de Castilla - La Mancha, amparándose en cuestións de aforro orzamentario. E coa mesma escusa, prognostican que o sistema público pode quebrar por mor das pensións, polo que deciden prolongar vida laboral, de xeito que alimentan unha gran mentira para interese dos bancos e aseguradoras que queren privatizar este sistema público. Aprazan a iniciativa pero suspenden a revalorización das pensións. Nese mesmo contexto, como medidas para reducir o déficit público suprimen a axuda por nacemento de fillos e fillas, ou eliminan a retroactividade nas prestacións por dependencia. E poñen como guinda do pastel unha reforma laboral, que non crea emprego, senón que o precariza aínda máis, e na práctica, o destrúe.

Gobernos de distinta cor coinciden en sacar a adiante medidas regresivas contra a clase traballadora, e concretamente contra as mulleres, xa que os seus ingresos e as súas pensións son aínda menores ou inexistentes, seguen a sufrir unha maior temporalidade, subemprego e traballos a tempo parcial, ou son paradas de longa duración, sen emprego anterior ou sen prestación de desemprego.

Ante a falta de recursos nas administracións públicas, o que fan é recortar os orzamentos no ensino, na saúde, nos servizos sociais, e no fomento da igualdade de xénero.

Non podemos consentir que coa escusa da crise se poñan en cuestión dereitos históricos das mulleres. Cómpre unha rebelión de toda a sociedade. As galegas e os galegos debemos mobilizarnos e manifestar o noso rexeitamento ante esta situación.

O 29 de setembro é unha data na que temos unha boa oportunidade para amosar a nosa rebeldía, no marco dunha folga xeral onde as mulleres debemos estar en primeira liña denunciando o rostro machista do capitalismo, as políticas regresivas da dereita, e as reformas laborais que só representan os intereses dos empresarios.

Mais agora que estamos ás portas do 25 de xullo, o DÍA DA PATRIA GALEGA, debemos reivindicar a autodeterminación do noso pobo, comezando por nós mesmas, polo noso espazo na sociedade, e para iso precisamos fortalecer as alianzas, conformando frontes que unifiquen ás mulleres, desde unha perspectiva de loita de clases, porque o capitalismo, ao igual que o estado burgués ou o patriarcado non se destrúe por si mesmo, senón que debemos facelo caer, e iso só podemos facelo coa unidade do proletariado. Porque para acadar a autonomía das mulleres é necesario tamén acadar a soberanía dos pobos.