O descrédito na política

O descrédito na política

Os excluídos sociais son cidadáns con dereitos de papel que acaban por ser, de facto, marxinados en dereitos, desposuídos que corren o risco de desprazar ao ámbito político a súa estrañeza polo comunitario, polo público, polo "goberno da Polis". Están en perigo de deixar de crer no dereito mais básico e elemental: a capacidade de ser representados politicamente ou de representar politicamente aos demais.

Presentei nun artigo anterior unha reflexión sobre o incremento da exclusión social nos Estados de Benestar. Naquel artigo falaba das contradiccións internas e as consecuencias nefastas da súa implantación incluso antes de que a crise económica puxese en cuestión o modelo que os sustenta. Destacaba tres "perversións" do bienestarismo: 1) o modelo produtivo capitalista que sostén aos Estados de Benestar está baseado sobre a desigualdade económica entre o Norte e o Sur condenando a este último ao mais extremo pauperismo para que o Primeiro Mundo manteña os seus privilexios económicos; 2) o modelo provoca a destrucción progresiva do planeta ao ser incapaz dun desenvolvemento sostible, sentenciando as xeracións futuras a un estado de malestar vital e planetario aínda de consecuencias imprevisibles; e 3) no corazón -ou nas tripas- destes Estados está crecendo progresivamente o número de persoas excluídas que cada vez se ven mais apartadas dos presuntos beneficios deste modelo.

Dicía G.Peces Barba (1986) que o Estado de Benestar ten que garantir non soamente a igualdade de oportunidades de todas as persoas senón tamén a igualdade material como un "mandato institucional" destinado a alcanzar a "xustiza social". Nembargantes poucos serán os que hoxe en día neguen o fracaso deste "modelo económico-político" que entrou en crise, entre outras razóns, pola súa incapacidade de manter os presupostos básicos da redistribución económica e tamén "socio-cultural" como diría D. Salcedo Megales (2001). Un modelo "socio-cultural" onde "teñen que terse en conta estruturas, prácticas sociais, regras, símbolos e interaccións básicas entre o Estado, a familia e a división do traballo que o Estado de Benestar "clásico" non tomou en consideración e no cal se atopan "atrapados" todos os individuos susceptibles de entrar en risco de exclusión social ou excluídos socialmente por calquera razón."

En definitiva, os Estados de Benestar teñen fracasado en termos económicos pero tamén de evitación de discriminación e de opresión e pouco poden "ofrecerlle" aos desamparados do bienestarismo -mulleres, mocidade, desempregados de longa duración, perceptores de rendas mínimas, persoas con discapacidade, enfermos crónicos, enfermos mentais, anciáns...- que ben poderían deixar de crer que nestes Estados se defenden os seus intereses e dereitos.

Son cidadáns con dereitos de papel que acaban por ser, de facto, marxinados en dereitos, desposuídos que corren o risco de desprazar ao ámbito político a súa estrañeza polo comunitario, polo público, polo "goberno da Polis". Están en perigo de deixar de crer no dereito mais básico e elemental: a capacidade de ser representados politicamente ou de representar politicamente aos demais.

Hoxe quixera, pois, invitar á reflexión sobre qué pode significar para as persoas excluídas ou en risco de exclusión a "representación política" nos Estados de Benestar.

Formalmente as persoas que vivimos nas democracias representativas europeas somos "cidadáns" de pleno dereito nos nosos respectivos Estados (non así as persoas estranxeiras). Pero o incremento da exclusión social ten provocado que ser "cidadán" xa non comporte ni tan sequera a garantía da satisfacción das necesidades máis básicas (alimento, vivenda, etc.) e moito menos o "benestar social" como concreción da "xustiza social". Obviamente as persoas "incluídas" e tamén as "excluídas" mantemos dereitos políticos - non xa a garantía dos dereitos económicos e sociais- pero na práctica, sexa por simple esgotamento ou por apatía parece que parte da poboación xa non acredita nisto.

Desgrazadamente xa é de uso común entre a xente falar da "clase política" por oposición ao "pobo" obviando ou minimizando o feito de que, da representación política dos cidadáns emanan os poderes do Estado polo que, en definitiva, non existiría a Democracia -con maiúsculas- sen o seu compromiso activo.

Tamén os medios de comunicación se teñen sumado a este lento pero corrosivo discurso: falan de "políticos profesionais" e de decisións tomadas pola "clase gobernante" como si se tratase de actores nun escenario observado e aplaudido -ou apupar - por un público pasivo, alleo á redacción do guión da obra e incapaz de formar parte do final da función...

Nesta situación, as funcións redúcense cada vez mais: pechadas as portas do teatro -dos locais electorais- os días de estrea -o día das eleccións- dáse por finalizada a participación do público -a participación cidadá- ate a próxima función -as próximas eleccións-!

Teño a impresión de que esta idea se ten instalado e interiorizado entre parte da poboación: ao ligar as avantaxes dos modelos benestaristas principalmente aos beneficios "económicos" destes, cando xorden crises coma a que estamos a padecer, os individuos desconfían da "política" en senso amplo e perden gran parte da comprensión do propio concepto de "participación cidadá". Roto o "contrato social" entre o Estado de benestar e os "cidadáns" que tiña que garantir "a xustiza social" non cabe xa pensar en que a política e os representantes políticos son representación da vontade e decisión da cidadanía.

O preocupante é que se o descrédito na política crece, se non se produce unha co-implicación e unha corresponsabilidade entre todas as persoas -representantes e representados- parece complexo o mantemento das democracias representativas tal e como as coñecemos hoxe.

Os totalitarismos -ou os grupos políticos de extrema dereita- xa volven a planear sobre Europa promovendo a xenofobia e o racismo engrosados, a súa vez, con argumentos, por exemplo, sobre a culpabilidade dos estranxeiros na orixe da crise, do desemprego, do incremento da desprotección social... Son discursos que tratan de dividir á xente: ofrecen protección social para os "nacionais" a cambio da expulsión dos estranxeiros profundando na fractura social cos mais vulnerables socialmente; confrontan á xente para que se impoña a "seguridade" a través da forza en vez de promover a responsabilidade de cada quen; publicitan as avantaxes do "control" en contraposición o mantemento das liberdades individuais e a participación cidadá comprometida... En definitiva, a estratexia é destruír a o tecido cidadán para que non queden mais que individuos illados, mais facilmente dominables: vasallos en terra de señores!

Vivimos nun momento, polo tanto, ao meu entender, moi feble socialmente pero tamén extremadamente importante: é tempo de reforzar o sentido que ten a participación política plena, a da vida comprometida do cidadán na aldea, na vila, na cidade, no país, na súa Polis,.

Hai que volver a participar activamente en todos os espazos públicos, comunitarios, dende a comunidade de propietarios do edificio ate na asociación do barrio, na comunidade de montes, na de regantes, na asociación de veciños da parroquia, na ANPA do colexio, nos sindicatos, nos partidos políticos...

É hora de repensar o tipo de sociedade na que, nós, cidadáns, desexamos vivir. I é hora de tomar decisións con compromiso para facer dese noso dereito a decidir unha nova realidade mais xusta. Porque non hai amos sen escravos!.