O dereito a decidir e a República Galega, a nosa aposta

O dereito a decidir e a República Galega, a nosa aposta

Fai uns días tiven a oportunidade de coñecer a Pedro Miguel Rocha. Un escritor que aínda que mora en Lisboa é máis galego e máis sensíbel coa realidade do noso país que moit@s compatriotas. Achegouse a Galiza para presentar a súa última obra “Contos Peregrinos”. 15 Historias cheas de imaxinación en defensa da nosa lingua e da nosa realidade nacional. Un dos contos “Uma Galiza Peregrina” leva a Castelao a reencontrarse co seu país ao sérenlle concedidas 24 horas de vida. Pasea por unha Compostela que está moi lonxe do que el soñara...

Coa renuncia ao trono do rei español, veu a miña cabeza este conto. Como pode ser que a tantos e tantas compatriotas non lle colla Galiza na cabeza? Que pensaría Castelao se as 24h do conto de Pedro Miguel Rocha transcorreran durante o pasado luns, nesas numerosas concentracións convocadas polo dereito a decidir e pola República Galega.

Fronte a reivindicación d@s nacionalistas, da necesidade de que o debate non sexa só MONARQUÍA ou REPÚBLICA, se non CENTRALISMO ESPAÑOL ou DEREITO A DECIDIR, moit@s compatriotas saíron a rúa con bandeiras republicanas e reclamando un referendo.

Desde o total respecto a todas as opinións, coido que o nacionalismo galego ten a obriga de levar o debate a sociedade galega en unha clave distinta a que ven dirixida desde a capital de España. Podemos e IU ás poucas horas de coñecerse a intención de cambio de rei, solicitaron un referendo. As organizacións nacionalistas de Galiza, Euskadi e Cataluña reclamaron unha reforma da Constitución na que se recoñeza o dereito de autodeterminación e por suposto un réxime republicano para o seu autogoberno.

Galiza existirá politicamente se ten movementos sociais e políticos que camiñen nun sentido claro de defensa do dereito de AUTODETERMINACIÓN. E Galiza ten organizacións políticas, a máis numerosa o BLOQUE NACIONALISTA GALEGO e M.M.S.S. dispostos a traballar xunt@s por este país, sen seguidismos a consignas españolas. Como sucedeu a finais dos 70, cada quen colocarase do lado que queira, máis sexamos máis ou menos, seguirá habendo mulleres e homes nacionalistas dispost@s a seguir a un ideólogo como CASTELAO, que para moitos e moitas non pasa de moda, aínda que o seu discurso non saia en programas de televisión de máxima audiencia. Ou a un Alexandre Bóveda, que onte cumpriría 111 anos e que fai máis de 80 xa deixou escrito: “Un réxime federal de nacionalidades Ibéricas, en que a democracia se poda manifestar ceibe de todo poder, pode ser moitisimo máis avanzado que unha República case centralizada”.