O Deportivo; algo máis que fútbol

O Deportivo; algo máis que fútbol

Como Accionista e Socio do Deportivo, contra do que máis dunha persoa poida pensar a marcha de Augusto César Lendoiro da presidencia do Deportivo transcende o ámbito futbolístico. Resultaría temerario e francamente imprudente non encadrar os aconteceres xerados nos últimos anos, e máis nos últimos días entorno ao club branquiazul, na dinámica de poderes e equilibrios que gobernan a cidade da Coruña e a súa área de influencia.

En certa maneira o que ven de se pechar, non é un dilatado periodo de mandato no equipo de fútbol bandeira dunha cidade, o que ven de se pechar é unha época en si da propia cidade. A traxectoria pública de Lendoiro arrinca a escala local como unha desas personalidades coñecidas no fútbol base da Coruña, para acrecentarse despois como presidente dunha equipa de hockey a patins xurdida do propio colexio do que fora director e que foi quen de acadar cetros mundiais. Á par Lendoiro dá, da man por aquel entón de AP, o salto á política local coma xefe da oposición a Paco Vázquez, e logra asumir a presidencia do Deportivo a finais dos anos 80.

Sendo Lendoiro, no seu paso pola política local e provincial, un político de dereitas o certo é que as súas maneiras e formas de xestión á fronte da Deputación (onde tentou centralizar a xestión e restarlle poder aos alcaldes) remataron por poñer na súa contra ao conxunto do PP provincial, inzado de alcaldes que non querían tanto piscinas no seu concello como que a piscina de turno fora adxudicada por eles mesmos e non dende o goberno provincial.

Así, falto de apoios entre as súas propias ringleiras, o propio PP decidiu fagocitalo, para alivio de Paco Vázquez e os seus apoios, e non me refiro á UGT precisamente. Baste dicir que anos despois, poñendo o retrovisor, o propio Lendoiro manifestaba que unha enquisa do diario madrileño El Mundo, a primeira publicada dende que Francisco Vázquez accedera a Alcaldía no ano 83, na que o PSOE coruñés non tiña maioría nunhas municipais, en función do afianzamento de Lendoiro e o medre do PP, determinou o seu ocaso político para os dirixentes do seu propio partido.

Pero sempre lle quedaba o Deportivo. Dende o Deportivo asistiu ao final de Paco Vázquez, ao surrealista epílogo de Javier Losada na mesma lexislatura, á configuración dun bipartito rexeitado a posteriori nas urnas si, pero condenado previamente a morte por un entramado de poder que non podía concebir que o nacionalismo participase do goberno da cidade. Ai arrinca a conformación dun neovazquismo entorno á figura, plana e carente de gancho, dun Carlos Negreira títere escandaloso do entramado que o sostén no cargo. É esa a mafia que goberna hoxe a Coruña, e esa a xente que hoxe celebra a queda de Lendoiro ca satisfacción de quen se cobra a peza de caza maior que levaba anos anhelando.

Chegara Lendoiro á Praza de Pontevedra logo dos convulsos aconteciments do verán do 88, onde por certo, xogou un importantisimo papel unha muller; Berta Vales, Lendoiro afianzou o seu mando no Dépor e logrou cimentar unha base social primeiro, accionarial despois, proclive aos seus postulados; inalterábel, en apariencia aos bombardeos mediáticos á que era sometida.

Contra do que pretendan dicir crónicas presentes, nunca en 25 anos o tivo fácil Lendoiro á fronte do Deportivo. A propia chegada foi complexa, con dous intentos explícitos por Paco Vázquez de promover candidaturas alternativas á súa persoa e cando menos un non nato a maiores. Sempre tivo Lendoiro e a súa xente que afrontar o trato ingrato e cheo de desdén dos que se tiñan por clase dirixente da Coruña e non recoñecían no de Corcubión máis que a un usurpador do seu estatus.

,Lendoiro construiu un club que foi quen de darlle títulos oficiais ao fútbol galego coa animadversión manifesta dos dirixentes da todopoderosa Caixa Galicia, o trato máis humillante por parte da condesa de Fenosa e o seu círculo de altos executivos do Banco Pastor e a indiferenza trasunto de envexa da inmensa maioria da clase empresarial coruñesa. Lendoiro non formaba, nunca formou parte dese mundo.

E iso, dende logo, non convirte a Lendoiro nun heroe, nin moito menos. Lendoiro é en esencia unha persoa individualista en extremo que baseou a organización do seu poder nunha concepción personalista dos cargos que ostentou, rodeándose, eso si, de xente fiel até o extremo, da súa máxima confianza, deixando de calibrar en moitas ocasións, a súa propia valía para as tarefas encomendadas.

No Deportivo instalou Lendoiro a súa fortaleza. Talvez, saberao el, viviu todos estes anos pensando que estaba nunha conta atrás, consciente de que nun momento ou outro a súa cabeza sería decapitada polos poderes fáticos que, dende a sombre, gobernan a cidade da Coruña. Contodo, tivo tempo a facer o Deportivo máis grande que viron os tempos e tamén a realizar unha xestión económica con claroescuros que se viu agravada pola incomprensíbel colocación no organigrama do Deportivo de familiares directos e amizades íntimas asi como polo uso de recursos do Club para o pagamento de encherolas varias.

Foi isto, por irónico que pareza, o factor determinante para que moita xente desertara das ringleiras de seareiros dun home que construiu a súa personalidade pública enfrontando coma ninguén fixera antes o poder mediático máis obsceno e indisimulado. Ao final, torcéronlle o brazo, perdeu, acabouse. Baixouse o pano.

E que queda? Queda un club lider da 2ª División cunha negociación encamiñada con entidades bancarias, xogadores e acreedores ordinarios pendente dun acordo con Facenda en datas próximas. Queda unha liga, dúas copas, tres supercopas e unha chea de recordos imborrábeis para moitos afeccionados que nunca atoparemos palabras para verbalizar a nosa gratitude. Pero queda sobretodo unha Coruña todavía máis controlada polas forzas vivas do pacovazquismo que sosteñen a día de hoxe a Carlos Negreira e ao PP no poder. Con independencia da consideración que cada quen poida ter de Lendoiro, a súa permanencia á fronte do Deportivo garantía a continuidade do club coma un elemento discordante dentro da anodina paisaxe de férreo control social do que é obxecto a cidade da Coruña; o Deportivo veu sendo unha das escasísimas institucións libres que perviviron na Coruña á marxe do poder estabelecido.

Asistimos non máis, a consumación do que a día de hoxe é o poder omnimodo do PP na cidade da Coruña, a eliminación total de calqueira tipo de nota discordante, por aminorada que esta poidera estar, do panorama social. Sendo conscientes de todas as contradiccións que unha persoa coma Lendoiro poidera presentar, non poucos accionistas do Deportivo decidimos dar a cara, sabedores que eramos de que a maís de un lle faltaría tempo para, sempre eso sí sen argumentos nin razóns, chimparse sobre nós para rompérnola.

O certo é que, sorpresivamente, a necesidade de galeguizar o Deportivo, reducto na súa elite do españolismo máis recalcitrante, fíxose un espazo no medio do debate máis transcendente para a historia do club nos últimos 25 anos. Lendoiro, polos motivos que sexan, recolleu a luva e incorporou ao seu programa numerosas propostas encamiñadas nesa dirección, trasladando o debate aos medios de comunicación e ao resto de candidaturas.

Correspondenos agora a nós, accionistas, propietarios do Dépor, que acreditamos no noso país e como deportivistas que somos, na vocación de grande equipa da Galiza do noso club, continuar a traballar para conquerir pasos certos, firmes e concretos, na galeguización do noso club. Ao tempo que perseveramos na loita para que nunca o Deportivo sexa de catro empresarios amigos do poder, e siga a ser, como até agora, dunha inmensa masa accionarialde máis de 23000 persoas.

Farémolo coma nacionalistas actuantes na sociedade e no mundo no que vivimos, participando activamente da vida cotiá da nosa cidade, movéndonos sempre, como nacionalistas que somos, baixo a premisa de gañar espazos de visibilización e normalización para o noso país, para a nosa cultura, para a nosa língua, para a nosa causa.

Fixémolo, ainda que algún non o queira ver, antes e durante o mandato único e irrepetíbel de quen foi o mellor presidente da historia do Deportivo, de quen dende un prisma ideolóxico e social antagónico aos que moitos poidamos ter, foi sempre unha persoa aberta, receptiva e amábel. E farémolo despois. Desde mañá mesmo.