O debate no Congreso sobre a intervención en Libia
O debate no Pleno do Congreso sobre a ratificación da participación do Estado español na intervención militar en Libia foi impactante por diversos motivos. Os discursos dos partidarios do sí non tiveron desperdicio, sobre todo porque combinaron a crítica coa rendición, agás en CIU que foi todo entreguismo e ardor guerreiro. A alocución de Zapatero foi do menos convincente que escoitei nos últimos tempos e iso que se esforzou en empregar a palabra "humanitaria" unhas cantas veces. E o mellor, o que non había que perderse, as solitarias intervencións do BNG e de IU rexeitando sen ambaxes a operación militar no pais libanés.
A pesar do duro contexto, precedido dun panorama mediático que fixo as veces de coro repetitivo para alentar a intervención, ninguén foi quen de opacar o atrevimento dos tres votos negativos dos nacionalistas galegos e da esquerda española. Podería afirmarse que se falou máis da "exótica" oposición que da abrumadora maioría aínda que os titulares eran unánimes. Os "rara avis" gañaron protagonismo por ir contra corrente, por cuestionar o que todos os poderes daban por incuestionábel. E sobre todo, por irritar ao gobernante.
A posición dos deputados críticos molestou sobremaneira a Zapatero que deixou ver a súa crispación na resposta a Llamazares e o seu malestar no silenzo que soe aplicar ao BNG. Unha receita habitual da que fixo rutina. Si, ao Presidente do Goberno español se lle atraganta a resposta ao BNG e soe facer mutis polo foro nos debates de envergadura. A primeira vez que nos obviou, Ministros do seu gabinete alegaban que no fragor do debate Zapatero se despistaba e esquecía a resposta. Mais, segue a ter a mesma actitude, polo que non queda máis remedio que concluír que está de na fura de diante cos nacionalistas galegos.
Efectivamente, ten que doer, aínda que só sexa por orgullo propio, que te cuestionen o que es ou que dis ser, que poñan en evidencia a túa incoherente traxectoria, que te fagan ver como pasaches da infantil etapa roussouniana, bon por natureza, a soldado ansioso por entrar en acción. Non debe ser prato de gosto que te lembren o teu "non á guerra" do pasado, e agora te reprochen o teu "sí a esta guerra". É fodido que teñas que xustificar agora do que antes renegabas. A Zapatero caeulle moi mal a simbólica oposición aos seus plans intervencionistas. E mira que podía estar cheo de satisfación porque tiña unha maioría aplastante, máis protagonizou unha réplica crispada, ofensiva, tensionada porque non soportou que o deixaran en evidencia. Aí foi cando se amosou prepotente e arrogante, e apareceu o clásico líder que se cre na razón absoluta.
Craso erro o de Zapatero que arrisca a súa xa endébel posición en aras a participar nunha guerra nada humanitaria por moito que queiran vestila de bondade anxelical. Unha misión que se non fose polas dramáticas consecuencias daría para unha escena daquelas de Gila agarrado ao telefone falando coa guerra.
Salta á vista que é unha operación improvisada e descoordinada, incluso surrealista. Nin capaces son de acordar de quen é o mando. Obama bombardeou un pouco porque cría nun "ataque quirúrxico" (así llo definiron os seus asesores), pero está xa en franca retirada e con moitos problemas internos, prefire largarse e que se coma o morto Europa. Sarkozy, imbuído da súa pertinaz egolatría, pelexa con Cameron e Berlusconi para que non sexa a OTAN a que colla o mando e propón solucións inéditas como unha direción política dos Ministros de Exteriores dos países participantes. Despois está un teatral Berlusconi que incluso confesa a súa mágoa por Gadafi. E todo para que ao final sexa a combativa OTAN a que asuma o mando militar, máis coa sarkozyniana fórmula de que a dirección política sexa para a colación. Total, un cristo que debería dar para moitas páxinas de comentarios se non fose porque son quen son.
E nese marco, o Presidente do Goberno español asoma a cabeza para que o vexan ben. Por iso se apresurou a enviar todo canto efectivo tiña. Sen perder o temo, o mesmo sábado de inicio da operación, Zapatero e Chacón foron correndo a mandar os F-18 e avións caza ás bases italianas, antes incluso de pasar polo Congreso. Tanta presa para logo ter que gardar a cola sen facer ningunha misión inminente debido ao "overbooking" que había nas bases. Tiveron que agardar até o luns para que se lles dera paso e saír cos avións a sobrevoar a zona.
Por qué tanta ansia por intervir? Non tería sido máis intelixente adoptar unha posición semellante á de Alemaña que deixou claro que non pensaba participar e incluso retirou as súas fragatas do Mediterráneo?. Xa sendo prácticos, que se lle perdía nesta nova aventura armamentística na que podía ter xogado dunha maneira máis astuta?. Neste tipo de casos, o cerebro desaparece cando se trata de quedar ben cos mandamais. Por non falar de que se sacudía así dos problemas internos enchendo os telediarios de "humanitarismo conmovedor". Non había máis remedio, sentenzan. Claro, había ouro negro polo medio. A "realpolitik", que non pasa de moda, unha política exterior baseada nos intereses prácticos máis que na ética humanitaria.
Mal imos cando pasan os séculos e as únicas receitas dos listos do mundo para arranxar os conflitos é actuar a hostia limpa. Un método que por outro lado incentiva a súa industria armamentísica, non é a primeira crise que alivia unha guerra de última hora.