O custe de ser muller


Hai uns días chamáronme por teléfono desde unha oficina bancaria ofrecéndome un seguro de saúde. Entre as razóns esgrimidas pola insistente interlocutora estaba a de que tanto eu como as miñas fillas precisábamos ter unha cobertura maior á hora de calquera incidencia na nosa saúde, porque, “somos máis propensas a enfermar ca os homes, sen falar, claro está, da problemática específica relacionada coa nosa condición (problemas xinecolóxicos derivados da menstruación, embarazo, menopausia...)”. Para a vendedora en cuestión, tanto eu como as miñas fillas debíamos contratar un servizo que nos protexese dos posíbeis recortes en materia sanitaria, tendo en conta que se non é agora, no futuro inmediato, debiamos afrontar altos custes en probas xinecolóxicas. Un servizo específico para nós, do que excluían – salvo que tivese intención de facer extensivo o seguro con outra cobertura- á miña parella (que é un home).

A chamada prolongouse a pesares de manifestar a miña postura en contra dos seguros de saúde privados e a miña aposta pola cobertura dos servizos públicos. Cada argumento que daba a vendedora anoxábame máis, e pese a intentar darlle remate á conversa en varias ocasións, esta insistía máis aludindo ao futuro desolador que en materia sanitaria esperábame a min e a miña familia, enfado que foi maior cando decateime que tería que chamar a outro número (que non é de balde) para que non activasen directamente o seguro, e cargasen na conta os custes deste.

Démoslle unha volta ao debate. Se atendemos os datos, é a idade o factor que máis peso ten para determinar o custe sanitario. De feito, atendendo a diversas estatísticas a maioría dos informes conclúen que xunto co factor idade, o factor xénero o que amosa é que as mulleres acoden máis ás consultas de atención primaria (e no que se refire a especialistas superan só no caso de cuestións relacionadas con cuestións de índole xinecolóxica), e os homes presentan, en xeral, unha porcentaxe maior de ingresos hospitalarios. É evidente, xa que logo, que se atendemos á prevención e o tratamento da saúde desde unha perspectiva de xénero, o custe sanitario pode ser comparativamente pode ser un chisco maior ca no caso dos homes. Agora ben, que se aproveite este feito para repousar a responsabilidade do futuro do sistema público de saúde nas mulleres, ten delito. Até cando imos ter que aturar acusacións deste tipo? Porque o desmantelamento da sanidade pública obedece a outra estratexia, por moito que queiran botarlle a culpa a un suposto elevado custe sanitario que en tempos de crise non é posíbel asumir.

Porque non é certo que non se poida soster o estado de benestar. Nun recente artigo publicado o 28 de decembro pasado na columna “Pensamento Crítico” do diario Público, o profesor Vicenç Navarro denunciaba que a sanidade pública do estado español e das Comunidades Autónomas é a menos financiada da Unión Europea, e que en realidade, gástase en sanidade unha cantidade menor do que debera gastarse polo seu nível de riqueza (tendo en conta que o gasto é do 79,4% e non do 94% como sucede na UE, o cal suporía preto de 13.500 millóns máis). Polo que non é certo que se gaste máis do que se pode pagar. De feito, os recortes en sanidade pública conlevarán un incremento maior do peso do sector privado, que curiosamente nestes tempos de crise non fai máis que engordar. Porque o Partido Popular o que está a facer desde o goberno é empregar cartos públicos para destinalos a empresas –nunha meirande parte, por certo, afíns ao PP- que se lucrarán dos nosos impostos cun fin privado. E se para iso é preciso espallar por todos os medios que a xestión privada é mellor ca a pública, e que esta ten os días contados por mor da crise, botarán man da súa propaganda, das empresas do sector, e mesmo, como non, das oficinas bancarias, ultimamente moi acostumadas á venta telefónica de servizos eticamente bastante cuestionábeis.

E no caso que nos ocupa, cos recortes en sanidade pública como escusa, fan retroceder en dereitos ás mulleres baixo o espectro dunha ideoloxía neoliberal, patriarcal e misóxina defendida por sectores ultraconservadores e a propia igrexa católica. En Galiza xa fixeron o propio destinando diñeiro público a entidades vinculadas a asociación antiabortista RedMadre para que atenda e asesore ás mulleres embarazadas, contacto que se estabelece mesmo desde a web do SERGAS. Desde a Consellaría de Sanidade boicoteouse desde o seu inicio á aplicación da Lei de saúde sexual e reprodutiva do ano 2010, e a dispensación da pílula postocoital sen receita nas farmacias. E foi o mesmo goberno que comunicou a súa intención de modificala para cuestionar o noso dereito a decidir sobre os nosos corpos, excluíndo a sectores tan vulnerábeis como o das inmigrantes sen papeis, e a capacidade de decidir das mozas, e lembremos que tamén foi decisión do Partido Popular o feito de que as galegas perdamos o dereito a recibir asistencia xinecolóxica preventiva no servizo público de saúde, obrigándonos, unha vez máis, a acudir á consulta privada (a facer revisións xinecolóxicas, mamografías, e mesmo a previr o embarazo e as enfermidades de transmisión sexual) repagada polo noso peto.

Toda esta privatización o que fai, na práctica, é, unha vez máis intensificar as diferenzas sanitarias entre as mulleres que poidan permitirse ter un seguro privado e as que non o poidan facer. Porque neste caso, o dereito das mulleres a decidir tamén é unha cuestión de clase.