O corazón ateigado de esperanza e os ollos postos no porvir da nai Terra

O corazón ateigado de esperanza e os ollos postos no porvir da nai Terra

Un certo sentimento de desencanto político e a vixencia de problemáticas denunciadas polas Irmandades permite establecer un elo de conexión entre elas e as vindeiras eleccións municipais do vinte e dous de maio.

O 18 de maio de 1916, fai exactamente hoxe noventa e cinco anos, Antón Vilar Ponte convocou unha xuntanza nos locais da Real Academia Galega na Coruña, á que asistiron unhas vinte persoas, e na que se acordou a creación dunha Irmandade dos Amigos da Fala que tería como obxectivo a defensa, exaltación e fomento da lingua de Galiza, e nomeouse a Antón Vilar Ponte como primeiro Conselleiro. A exemplo desta, axiña se constituíron diferentes agrupacións por todo o país de xeito que, apenas dous anos máis tarde, se puido celebrar en Lugo a I Asemblea Nazonalista que contou coa asistencia de dezaseis agrupacións locais. Desta Asemblea saíu o "Manifesto Nazonalista", considerado como a base común de todos os programas do nacionalismo galego. Neste manifesto Galiza é definida como nación, e se ben nel se enfrontan problemas políticos como o recoñecemento da igualdade de dereitos das mulleres, non se abordan cuestións como a participación electoral nin se clarifican as preferencias por unha ou outra forma de goberno, circunstancia que favorece que un sector das Irmandades adopte, de cara ás eleccións de 1918 e 1919, posicións apoliticistas, abstencionistas ou mesmo agresivas coa clase política.

As circunstancias sociopolíticas da Galiza de 2011 nada teñen a ver coas do tempo das Irmandades, mais, curiosamente, un certo sentimento de desencanto político na clase media e a vixencia de algúns dos plantexamentos do programa das Irmandades fai que podamos establecer un elo de conexión entre aquelas e as vindeiras eleccións municipais do vinte e dous de maio.

No Manifesto de Lugo (1918), no que se pretende aportar solucións que interesen á vida nacional de Galiza, apóstase por reformas administrativas que haberían de afectar,de se levaren a cabo, á vida municipal; pola supresión das Deputacións provinciais, pola intervención do poder político na ordenación do sistema financeiro ou pola ordenación urbanística, rural ou urbana, asuntos que, como estes días podemos comprobar, son actualidade nos programas electorais e están presentes na imprensa.


,
O outro aspecto a que nos referíamos, ese desencanto, esas posicións apoliticistas, abstencionistas ou mesmo agresivas coa clase política que hoxe se dan en certos sectores da poboación non están movidos, loxicamente, polas mesmas razóns que á altura de 1919, en que o debate se centraba, por dicilo brevemente, na decisión do nacionalismo de participar ou non nos procesos electorais. A cuestión hoxe é máis ben a desvalorización a que o sistema somete os movementos políticos, asociativos ou sindicais comprometidos coa problemática social. Estes movementos son presentados perante o opinión pública como inoperantes, antigos, cando non anticuados, e innecesarios fronte ás novas formas en que o individualismo e a non pertenza a un grupo se presenta como a garantía da eficacia, da liberdade e do progreso. Claro está que hai forzas políticas e sindicais que se prestan gozosas para esta confusión, nunha cerimonia que vai das declaracións contundentes á sinatura máis submisa de recortes e dereitos sociais. De aí que para moitas persoas que, sen dúbida, acreditan na posibilidade dunha transformación social a través da participación democrática, resulte decepcionante comprobar este "todo vale" por uns votos, non só por parte de opcións pasaxeiras e úteis ao sistema (que tanto abundan sempre e se incrementan nunhas eleccións municipais) e que non dubidan en apropiarse de referencias e valores logrados con moito esforzo, senón tamén por parte de opcións que se autodefinen como a garantía mesma do Estado. Estas actitudes de servilismo, de falta de compromiso social, de atender só intereses individuais, cría decepción entre os votantes que optan por seren reticentes con todas as opcións políticas, acudindo á xustificación fácil de "todos son iguais" ou, noutros casos, afondando no pesimismo abstencionista, sen caeren na conta de que esa é a opción preferida polo sistema: lograr unha maioría silenciosa que non sexa capaz de o cuestionar de forma organizada.

Mais, afortunadamente, contamos coa posibilidade de facer fronte a estas extravagancias do sistema e podemos dar o noso voto á opción política que, con rigor, aposte por modelos económicos onde a persoa sexa o primeiro nun modelo non especulativo; á opción que prime a solvencia das persoas fronte á solvencia do sistema bancario; á opción que valore, defenda e utilice con orgullo a nosa lingua e considere os valores da nosa cultura. Utilizar esta posibilidade correctamente para poñela ao servizo da transformación social de Galiza depende só de nós, dos electores e das electoras. Porque os resultados do vinte e dous de maio, serán, queiramos ou non, utilizados polas forzas estatais para reforzar os seus enfrontamentos e afianzar as súas políticas que, como é sabido, non pasan por situar a Galiza no centro das súas preocupacións.

Nos derradeiros anos vense insistindo moito na necesidade de reforzar a política municipal, por ser a máis próxima aos cidadáns e ás cidadás. Na Galiza, ademais, temos a posibilidade de, a través das políticas municipais, e "c-o corazón ateigado de espranza e os ollos postos no porvir da nay Terra" como di o ideario das Irmandades que hoxe fai noventa e cinco anos, crearmos conciencia nacional, facermos país, de termos futuro.

Porque en nós están todas as alternativas, en nós todo o futuro. Imos deixar pasar esta posibilidade?