O control do útero como instrumento de dominación das mulleres
Un novo venres agardando información do tratado no Consello Ministerial. A alerta feminista prorrógase unha semana máis á espera da confirmación. Haberá concentracións ás 20 horas nas principais cidades e vilas galegas convocadas pola Plataforma Galega polo dereito ao aborto como repulsa á presentación no Consello da reforma da lei do aborto. Só dispoñemos da información que filtran os medios, sobre se vai ser esta semana ou a que ven, ou se a demoran para despois do verán. Especulacións. Nada máis.
O Partido Popular é consciente de que a reforma non lle gusta a ninguén. Está a calibrar os pasos a dar, sopesando como facelo, após dos malos resultados eleitorais europeos. Enfróntase ao rexeitamento do movemento feminista e da meirande parte dos grupos políticos da oposición. E ao tempo ás crises internas entre as e os detractores. Sopesa o desgaste. Por iso non derroga o actual marco lexislativo. De aí que demore a súa aprobación. E mesmo que xogue a ambigüidade no título na nova norma (Lei Orgánica para protección da vida do concibido e dos dereitos da muller embarazada) cando é escandalosa a ausencia de medias sociais, educativas, e sanitarias que protexan ás crianzas e ás propias mulleres que deciden ser nais, antes e despois do embarazo.
Onde está a preocupación da dereita polos dereitos das persoas con diversidade funcional? Pódense exercer os dereitos de maternidade e paternidade no mundo do traballo sen risco sobre a saúde, e sen ter que enfrontarse a discriminacións, acoso e mesmo despedimentos? O estado garante os dereitos das mulleres soas e homosexuais a ser nais, sexa por fecundación asistida ou a través da adopción/acollemento, ou só lle preocupa a maternidade heterosexual? Que pasa coa paternidade? Cando imos poder falar dunha verdadeira política de conciliación para mulleres e homes? Que seguimento faise do embarazo e do postparto na rede pública de saúde? Como pode ser que aínda hoxe esteamos a falar de violencia obstétrica? Acaso o Estado fai algo por achegar información rigorosa, mediante programas de promoción da prevención, coñecemento e facilitando o acceso a métodos anticonceptivos e de planificación familiar que reduzan o número de embarazos non desexados?
Por tanto só queda preguntarse: que terán os nosos úteros que seguen a ser desexados polo poder? Como poden seguir sendo obxecto de debate para o Estado? O maior xeito de dominación dun ser humano é desposuílo dun dos seus dereitos máis fundamentais: o dereito ao control do seu propio corpo. Cando o corpo non é noso, senón do Estado, estamos a falar dun control patriarcal sobre nós que nos equipara a calquera época escravista.
Negar o aborto é un mecanismo do sistema para manter o sometemento das mulleres. Porque o control da sexualidade e da reprodución das mulleres por parte do patriarcado é e foi un dos instrumentos máis importantes para dominar ás mulleres. A lei proposta polo goberno do Partido Popular retorna ao control do útero das mulleres, exercendo un control social das nosas vidas a través dos nosos corpos, desde ideoloxías relixiosas.
En democracia ninguén pode obrigar a unha muller a parir, ou a ser nai contra a súa vontade. A responsabilidade dos gobernos é a de garantir os dereitos á cidadanía, tanto os civís como os culturais, sexuais ou reprodutivos, non de restrinxilos.
Reformas como as que pretende acometer o PP supoñen unha violencia institucional cuxo obxectivo é o control do útero das mulleres, cousificándonos e quitándonos o poder de decisión. Obxectivízannos, transfórmannos en meros recipientes, convertendo ao embrión en suxeito prioritario de dereitos, en detrimento dos nosos. É o Estado o que decide que se o útero leva “vida” dentro, a muller debe ceder a súa autonomía sobre o seu corpo ás institucións, asegurando así a supervivencia do patriarcado.
Os últimos rumores apuntan a que van escoller o día 25 de xullo para levar ao Consello Ministerial a reforma. Unha data na que milleiros de galegos e galegas percorremos as rúas de Compostela expresando que somos nación, reclamando como tal os nosos dereitos, comezando polo de decidir por nós mesmas e mesmos o noso futuro. Aproveitemos a ocasión tamén para declararmos soberanas tamén sobre os nosos corpos, as nosas vidas e os nosos dereitos sexuais e reprodutivos.