O Consello de Forzas Políticas Galegas; a 35 anos dunha alternativa galega para a ruptura
O 5 de xaneiro de 1976 presentábase diante de 2.000 persoas no Paraninfo da Universidade Compostelá o Consello de Forzas Políticas Galegas, nun acto no que farían uso da palabra os representantes dos tres partidos políticos que o integraban naquela altura, isto é o Partido Socialista Galego (PSG), o Partido Galego Social-Demócrata (PGSD) e a Unión do Povo Galego (UPG). O novo organismo unitario pretendía ser, nun momento no que existen síntomas evidentes da descomposición do réxime franquista, unha alternativa rupturista e nacional galega que non validase un proceso de reforma ou transición pactada cos forzas do franquismo. Alén das vicisitudes políticas daquela xeira que se alongou durante todo o ano de 1976, o Consello, ao que en abril deste ano se adiren o Partido Carlista e o Movemento Comunista de Galiza (MCG), expresa a vontade do nacionalismo de que o noso País exista non como un apéndice de deseños estatais, e a súa capacidade, que tamén estratéxica, de xerar unha dinámica política propia en Galiza. Quixemos logo, aproveitar o 35 aniversario da fundación do mesmo para achegar a todos e a todas as lectoras deste dixital, na nosa sección de documentos, un texto central para a historia do nacionalismo así como tentar de contextualizar a actuación do mesmo nese período, fuxindo dos prexuízos e de mitificacións pero tamén coa vontade de rectificar versións interesadas e contribuír a restaurar a verdade sobre a historia que é de nós.
A alternativa do Consello, as Bases Constitucionais da Nación Galega, fanse públicas en abril de 1976 e son redactadas -nunha boa parte- por Xosé Vilas Nogueira, naquela altura membro da UPG. Lonxe de ser un texto doutrinal, con vontade de fixar un posicionamento de tipo estratéxico, teñen un carácter nitidamente programático, co obxecto de acumular forzas, conscientes de que a correlación das mesmas non era favorábel, baixo un programa de mínimos que permitise a Galiza estar presente no proxecto constituínte que se aveciñaba. Aínda así, faltariamos a verdade, se non deixásemos claro que os principios orientadores das Bases están xa presentes nun documento elaborado pola UPG en outono de 1974 co inequívoco título "Encol da chamada Junta Democrática", onde se acoutan os eixos cardinais da proposta do nacionalismo para a ruptura, isto é a consideración de Galiza como suxeito de dereitos políticos, a plurinacionalidade e un modelo de Europeo diferente ao do capital monopolista. Tal como ten afirmado Francisco Rodríguez, quen levou o peso das relacións da UPG co Consello, "as Bases Constitucionais foron naquela altura, un modelo galego para estruturación federal do Estado, de base nacional diversa. A concepción da soberanía como algo inherente a cada nación e o seu signo distintivo:é a nación a que fai cesión, para que poda existir o Estado Plurinacional, a unidade entre iguais. É a forma de concretar un modelo de autodeterminación, acorde coas circunstancias históricas". Xa que logo non é posíbel explicar este documento se non temos en conta o contexto no que xorde, o intento de encarreirar o Estado polos vieiros da reforma e a reconciliación nacional, o momento político no que aparece, con dúas plataformas de oposición a nivel do Estado, apadriñadas cada súa polo PC e o PSOE, que posteriormente converxen xa en negociacións con sectores do franquismo, e a propia experiencia histórica do nacionalismo, nomeadamente os baleiros que sufriu na redacción da Constitución da II República. Neste sentido non é casual que o nacionalismo abandonase esta alternativa nos primeiros oitenta, posto que era evidente que tras o 23-F e a posterior marea recentralizadora, o novo réxime estaba asentado, a transición rematada e naquela conxuntura ficaba sen virtualidade unha proposta que nacera, para un tempo concreto, a ruptura fronte a formulacións pactistas co franquismo que ofrecían o autonomismo como solución. Independentemente da resultante do proceso, a utilidade das Bases no plano práctico está fóra de toda dúbida, na medida que lle permitiu ao nacionalismo facer pedagoxía social e centrar o debate ideolóxico-político algo que só era posíbel cun modelo concreto, mais non con frases feitas que non servía para contrastar na práctica.
A historia do Consello, é relativamente doada de seguir pois consérvanse actas de practicamente todas as xuntanzas que nos informan de xeito preciso tanto dos debates internos, como dos contactos con outras forzas políticas ou plataformas unitarias do Estado e de Galiza así como dunha importante actividade social por divulgar a súa alternativa. Se ben a disolución deste organismo unitario prodúcese formalmente a finais de 1976 a súa desaparición práctica data de outubro dese ano, onde após unha reunión en Madrid coa Platajunta, representada por Trevijano e Fernando Mújica, evidenciase as contradicións internas así como as circustancias externas que lle impiden continuar adiante se non é renunciando a alternativa das Bases Constitucionais. Dunha banda a chegada ao Goberno de Adolfo Suárez intensifica os contactos entre o réxime franquista e a chamada "oposición democrática", agrupada na Platajunta, que non amosa ningunha sensibilidade as reivindicacións galegas, as grandes liñas da transición xa estaban pactadas, pola contra convida ao Consello a que renuncie a súa alternativa a risco de non ficar fora do xogo político. Doutra banda hai que ter en conta que o Movimiento Comunista (MC) igual que a Federación de Partidos Socialistas, do que formaba parte o PSG, estaban integrados na Platajunta o que provocaba unha subordinación ás estratexias estatais no caso do MCG e en menor medida do PSG, feito que se sumaba á negativa dos primeiros a integrarse no sindicalismo nacionalista e no caso dos segundos á presión dun sector interno que defendía e remataría en 1977 por integrarse no PSOE; así as cousas este sector do PSG e o conxunto do MCG deixan de verlle utilidade a permanecer no Consello.
Porén a experiencia do Consello, repárese que o nome o emparenta coa legalidade republicana do exilio representada polo Consello de Galiza, foi dun éxito notábel, na medida que facilitou centrar o debate político nunha clave galega, posibilitou que o País aparecese como realidade diferenciada e permitiu dotar ao nacionalismo dunha proposta programática para actuar naquel período, tamén no plano mobilizador e de toma de consciencia nacional por parte dun sector do pobo galego.