O conflito entre o rural e os espazos protexidos

O conflito entre o rural e os espazos protexidos

O punto de partida


Os espazos naturais protexidos poden supoñer (e supoñen en moitos casos) para o medio rural unha oportunidade de futuro para o seu desenvolvemento. De feito as comunidades autónomas máis ricas son tamén as que teñen maior superficie protexida (Baleares, Navarra, Cataluña). Porén, é necesario que a súa xestión no territorio teña en conta á poboación local.

Por outra banda, nun momento histórico no que o noso rural ten perdido máis da metade da poboación en 50 anos e no que as pirámides invertidas de poboación nos indican que a tendencia é irreversible (en menos de dúas décadas máis da metade dos concellos galegos perderán máis da metade da súa poboación actual), temos que apostar pola calidade dos produtos e servizos e esquecernos de loitar pola cantidade. Neste cambio de visión cualitativa, acentuado polas imposicións da política agraria común, o sector primario ten que realizar unha redefinición de que facer. Se a isto ligamos a necesidade de buscar fórmulas de xestión que manteñan o uso tradicional do territorio, a incorporación dos espazos protexidos pode ser un rebulsivo para dinamizar o tecido produtivo e social do territorio no que se asenten. A día de hoxe existe unha integración plena entre os obxectivos dos espazos naturais protexidos cos obxectivos do desenvolvemento rural, e as políticas europeas están, imparablemente, xa neste camiño.

Polo tanto o rural precisa dos espazos naturais protexidos como os espazos naturais protexidos precisan do rural, e explícome; por ser a maioría medios antropizados a conservación de hábitats precisa do mantemento das actividades tradicionais do medio rural e esta sinerxia fai que os produtos e servizos xerados nese territorio podan e deban ter un mellor mercado. Para este último aspecto, a sociedade (usuaria na súa maioría dos servizos que ofrecen os espazos protexidos) ten que primar e favorecer os produtos derivados e creados nestas zonas.

Tendo en conta que o 80% da poboación galega vive no 20% do territorio, e que tan só un 1% vive en espazos naturais protexidos (que representa o 12% do territorio); combinar territorio e poboación non debera ser moi complexo. A realidade móstranos que existe unha forte oposición naqueles lugares onde existe máis presenza de poboación. Así a declaración do parque natural de O Invernadeiro en 1997 non tivo ningún problema xa que as 5.722 hectáreas son propiedade da Xunta e non vive ninguén nese territorio; pola contra outros lugares demóranse máis a dar o paso nas declaracións de protección (parque natural da Baixa Limia-Serra do Xurés) ou inda non a deron (Ancares, Courel). Porén deberían ser prioritarios nas súas declaracións para avanzar no desenvolvemento rural deses territorios.

A oposición da poboación local ás declaracións de protección

A oposición que exerce a poboación local ás declaracións de protección está motivada en moitos casos pola desconfianza cara á propia administración (ás veces non faltos de razóns por situacións históricas), pola desinformación, e polo medo ao novo e descoñecido (ao cambio). Un exemplo desto último, que tamén se da en situacións urbanas, o representa a negativa dos comerciantes dos centros das cidades á peatonalización. Tras o paso dos anos, son os primeiros en reclamar máis rúas peonís.

Neste punto é necesario recoñecer que o traballo da administración non foi o máis acertado, ata o de agora, xa que aínda que se teñen feito moitos esforzos a prol dos espazos naturais protexidos e a poboación local, nin se ten explicado suficientemente e con claridade o que significa e supón o espazo protexido para o que vive nel, nin se ten producido unha mellora real da calidade de vida vinculada directamente ás políticas de conservación.

A declaración de espazo protexido asóciase, en moitos casos, a restrición de usos e actividades e limitación de dereitos para os seus habitantes. Aínda que o resultado final sexa ben diferente, nunha primeira fase ao non estar todas as políticas da administración ben coordinadas, prodúcense desaxustes que acentúan a desconfianza (denegación de aproveitamentos, multas por usos tradicionais . . .) e que incrementan o papelame das actividades cotiás. Se a isto engadimos a pequena ou nula compensación territorial directa aos habitantes dos espazos protexidos (a pesar de que o feito de ter superficie protexida e estar en rendas por debaixo da media europea apórtanos fondos europeos para facer centos de infraestruturas e actuacións en todo o país -cada ano recibimos uns 1.000 millóns de euros de fondos europeos, o que representa o 10% do orzamento da Xunta-), o caldo de cultivo para opoñerse está servido.

Propostas para chegar ao consenso

Como proposta para resolver os conflitos que xorden arredor dos espazos protexidos, eu aposto pola participación pública. Esta nova forma de planificar e de xestionar supón deixar as vellas fórmulas unidireccionais de imposicións de arriba-abaixo para contruír de abaixo a arriba e de forma cooperativa e horizontal; gañando defensores do lugar.

Un exemplo recente que representa as novas formas de facer planificación sobre os recursos naturais o representou a finais do 2008 o plan forestal do distrito VII Fonsagrada-Ancares (que contou con participación pública ata a chegada do novo goberno que decidiu que era mellor non facer máis participación e arquivar o documento nunha estantería) e o programa "Wolf, Wild life and Farmers" dos GDR-3 (Montes e Vales) e GDR-5 (Ancares-Courel).

Desde logo a participación pública é un dos primeiros pasos para retomar o diálogo e a comunicación entre a comunidade local e administración (e por extensión de toda a sociedade). Mais a participación pública por si soa, non resolve nada senón se pon riba da mesa a necesidade de realizar un reparto territorial da riqueza (as zonas onde se xera a riqueza económica deben compensar as rexións onde se xera riqueza ambiental). Esta compensación debe ser entendida non só en mellora económica para os propietarios, senón ademais en mellora da calidade de vida de quen reside nese espazo (sanidade, educación, servizos sociais, ocio, cultura,...).

En Galicia a maioría dos espazos naturais protexidos atópanse en medios antropizados e a súa riqueza e biodiversidade ben xerada pola propia actividade humana. Baixo esta ollada, o achegamento aos espazos protexidos no medio rural debe partir da necesidade de que a súa xestión mellore a calidade de vida de quen está a vivir no territorio. Polo tanto as medidas de conservación -social e ambiental- deben ir encamiñadas a favorecer a residencia no lugar fronte ao abandono; todo o contrario do que está a facer o actual goberno a pesar das declaracións de boas intencións (pacto para frear o abandono do rural)

Desde a poboación local é necesario o incremento da súa autoestima, comezando por valorar moi positivamente o que teñen, o que lles aporta o espazos naturais protexidos e sobre todo o que pode significar nun futuro para eles e os seus descendentes. Este feito axudaría a poder afrontar con ilusión o cambio na xestión do seu territorio que vai supoñer a imbricación da súa actividade no rural coa conservación dun espazo natural protexido.

En definitiva para avanzar e afrontar o futuro con garantías para os nosos espazos naturais protexidos e para o noso rural deberase aplicar a premisa de: Eu gaño, ti gañas e todos e todas gañamos. Polo tanto a solución pasa por que todas poñamos un graíño da nosa parte: poboación local, administración, sociedade,...