O coñecemento emigra
Non resulta nada doado competir con Oriente en man de obra non cualificada, por moito que nos pese e por moito que se poda dicir en canto a isto. Se temos algunha oportunidade esta pasa por explotar aquilo no que non temos rival e que a entrada na Unión Europea, non mala en si mesma pero si no modelo adoptado, nos foi arrebatando, mais tamén hai que apostar decididamente polo investimento público e privado en I+D+i (Investigación, Desenrolo e innovación tecnolóxica).
Galiza é un país rico en potencia, mais as súas potencialidades están a ser anuladas pola ausencia de capacidade dos galegos e galegas de decidir sobre os seus propios recursos. Son outros centros de decisión os que gradualmente van anulando unha a unha as nosas capacidades: estaleiros, pesca, leite, agro, eólicas...
Recuperar estas capacidades produtivas nas que somos expertos e dificilmente superables é prioritario, mais tamén o é a aposta pola I+D+i e para elo resulta fundamental reter o coñecemento adquirido que está a fuxir cara a fora cunha xeración enteira que non atopa posibilidades de subsistir no seu propio país.
Fronte esa necesidade atopámonos con recortes sen ningunha visión de futuro e con ausencia total de estratexias de recuperación. Sectores vitais como sanidade, ensino e servizos sociais ven recortadas as súas capacidades en aras dunhas políticas que, iso si, respectan aos grandes capitais e ao resto dos causantes da crise. A súa única estratexia é aproveitar unha crise, creada por eles mesmos, para anular todo tipo de dereitos polos que se loitou durante tanto tempo co obxectivo de volver á situación de hai decenas e decenas de anos.
Centos de galegas e galegos, de entre vinte e corenta anos, formados en especialidades científicas e tecnolóxicas, non terán máis remedio que emigrar se queren seguir a súa carreira, e todo iso debido aos recortes nos investimentos en ciencia e tecnoloxía. Todos eles chegarán a países que, desenrolando intelixentes pero tamén obvias estratexias, se aproveitaran deles para impulsar o seu crecemento.
E para máis escarnio todo ese coñecemento perdido e aproveitado fora terá sido pagado cos cartos das galegas e galegos que cos seus impostos sosteñen as universidades nas que estudaron, estudan e estudarán esas persoas.
É evidente que os recortes están seguindo camiños equivocados e un destes é sen dúbida este. A xuventude é a enerxía que o impulsa todo e en tempos de crise o fundamental é investir en futuro, non solo non recortando senón incrementando os cartos adicados a este concepto.
,O papel da ciencia e da innovación tecnolóxica para saír da crise é transcendental e proba disto son os propios Estados Unidos que, grazas ao impulso en innovación científica e tecnolóxica nos anos cincuenta, acadou o primeiro posto na economía mundial.
A innovación ten a capacidade de crear demanda e posibilidades de negocio en áreas totalmente novas. É dicir, temos que aproveitar as potencialidades que temos secuestradas pero tamén temos que apostar por crear novos nichos de negocio a través da I+D+i e para elo é fundamental reter todo o capital humano no que reside o noso coñecemento.
Resulta esclarecedor a porcentaxe do PIB que invisten determinados países en ciencia e tecnoloxía. USA: 2,8%; Xapón: 3%; Corea do Sur: 3%; Israel: 4%; UE (media): 2,3%; Brasil: 1,5%, contrastando con España que non chega ao 1,4% e segue a recortar.
Os soldos que reciben os estudantes que con bolsas traballan en investigación son irrisorios é para colmo cae sobre eles a eterna espada de Damocles de que hoxe, mañá ou pasado mañá, os recortes dean por rematada a súa labor investigadora. A lóxica opción é marchar fora, a países onde, ademais, as empresas valoran por encima de todo o seu capital humano fronte o seu capital monetario, conscientes de que a súa riqueza e capacidade produtiva e competitiva radica no coñecemento e habilidades do seu persoal. Os seus traballadores séntense valorados e ben recompensados o que incrementa a súa implicación e motivación.
As empresas deben dotarse de capacidades en I+D+i e coñecemento para adoptar as novas tecnoloxías o que repercutirá directamente na súa produtividade, aspecto que están a coidar as empresas chinas o que colocará a súa economía no primeiro posto mundial en torno a 2020. As nosas empresar teñen que adoptar esas capacidades e captar cerebros innovadores e preparados a través da súa valoración non solo económica senón tamén en prestixio e consideración. Fundamental que comprendan que teñen que cambiar a súa escala de valores e poñer en primeiro lugar o capital humano.
Sendo tan inxusta esta recente e inaceptable reforma laboral e o xeito no que se están a producir estes recortes, resulta absolutamente frustrante a total evidencia e constatación de que todos estes sacrificios non levan a ningunha parte e non van a solucionar esta crise, que solo van retornar os dereitos laborais e os servizos sociais a épocas que criamos superadas. Ademais todo isto provoca o desinterese da xuventude pola política, anulando a súa capacidade e forza rexeneradora da que tan necesitada está a nosa sociedade.