O comezo do novo "Big Brother"
As galegas e os galegos ben sabemos que a Presidencia de quenda da Unión Europea que no último semestre ostentou o Estado español a través do Presidente Rodríguez Zapatero non lle reportou á nosa nación a consecución de ningún dos logros que lle tiñamos encomendado.
Non houbo ningún avance no levantamento do veto á construción naval civil no estaleiro de Navantia en Fene, non se produciu ningún cambio na Política Agraria Común que faga albiscar un mellor futuro para o noso rural e nomeadamente para sacar da terríbel crise ao sector lácteo galego e por suposto ningún avance na negociación da política pesqueira que restitúa á flota galega o papel que lle corresponde ostentar por capacidade e historia na pesca europea.
Tampouco pasou inadvertido o traballo que fixo Zapatero, erixido en máximo representante desa socialdemocracia, disque social e ao servizo dos intereses das clases populares, a prol de consolidar unha Unión Europea a cada paso máis debruzada aos intereses do capital transnacional e do neoliberalismo máis feroz.
Vivimos nos últimos meses decisións na política europea e estatal ditadas polo FMI, o Banco Mundial ou directamente polas axencias de cualificación que ademais de comportar retrocesos sociais sen precedentes: reforma laboral, conxelación de pensións, redución de salarios no sector público e recortes nos servizos públicos e no chamado estado do benestar entre outras, que ademais evidencian o sometemento da soberanía popular, do control e da decisión democrática da cidadanía aos intereses do capital. Manifestouse con total clareza a ditadura da especulación capitalista.
Porén, houbo outras decisións tomadas baixo a presidencia socialdemócrata de Zapatero que pasaron desapercibidas. Decisións que non atoparon oco en ningún medio de comunicación, non sei si por mor do novo opio do pobo no que se ten convertido a "roja" ou pola crecente fama de Paul o polbo que non só adiviña senón que mesmo parece condicionar o futuro.
Estoume a referir ao inicio do "gran hermano" europeo, do que todas e todos somos partícipes, mesmo sen térmonos presentado a ningún "casting", sobre todo aqueles e aquelas que sexamos consideradas sospeitosas de experimentar un proceso de "radicalización", é dicir as persoas involucradas en grupos de "extrema esquerda, nacionalistas ou antiglobalización" entre outros.
Trátase dunha normativa aprobada polo Consello da Unión Europea que, co pretexto da prevención do terrorismo, convida aos Estados Membros e á Interpol a vixiar, ou máis ben espiar, a todas as persoas que dun ou outro xeito non comunguen coa ideoloxía ou modelo político e social imperantes.
Ademais de vixiar de perto as actividades e mensaxes de radicalización ou antisistémicas que poidan ser emitidas polas organizacións, calquera militante ou activista dunha organización civil, política, sindical ou cidadá que cuestione o modelo e as súas decisión, é dicir calquera perigoso radical, formará parte dun ficheiro. Logo dunha exhaustiva investigación encol do seu grao de compromiso ideolóxico e político, da súa situación económica (inclusive si é beneficiario dalgunha bolsa ou subsidio público), a intensidade da súa vinculación afectiva, emocional e sentimento de pertenza ao perigoso grupo do que forme parte, todos estes datos pasarán a incorporarse a unha base de datos que os Estados Membros e a Interpol deberán intercambiarse entre eles.
Esta Unión Europea que se nos vende como unha Europa social, moderna, ecoloxista e ao servizo das maiorías ademais de impoñer sen disimulo a ditadura dos mercados impón un auténtico estado de excepción no que á cidadanía se nos suspenden os dereitos políticos, os individuais e os colectivos.
Dado que esta normativa xa está vixente é doado imaxinar que todos os traballadores e traballadoras que participemos das mobilizacións e da folga xeral prevista para o mes de setembro en contra da reforma laboral, que foi ideada por e para o noso ben e que forma parte do catecismo neoliberal, teremos que purgar o noso pecado coa inclusión nese ficheiro polas nosas ideas e actuacións radicais.
Algúns talvez para entón xa estaremos excomugados polo noso radical antipatriotismo de non vestir camisola vermella, ter pendurado nas nosas fiestras e balcóns as bandeirolas de Queremos Galego no canto da vistosa bandeira "rojigualda" e non renderlle honores ao novo tribuno, o polbo Paul.