O Códice Calixtino e os raposos no galiñeiro

O Códice Calixtino e os raposos no galiñeiro

Os xerentes da catedral, ao igual que Botín e os do BBVA que nos levaron a crise, viven nunha opulencia tan escandalosa que se lles rouban uns millóns de euros nin sequera o notan. Eles non teñen problemas financeiros pois, aínda que vivimos nun país laico, viven a conta do erario público como si todos fóramos da súa confesión.

Agora, polo roubo do Códice Calixtino, soubemos que nadan na abundancia aínda que outros lles rouben algunhas pertenzas que a súa usura acumulou, porque é tanto o recadado que aínda que lles leven uns millóns de euros non votan en falta, xa que,... era tan grande o montón de diñeiro negro! Ademais, como dixo Manuel Fernández Castiñeiras, que el non era o único en levar diñeiro para a casa: Os curas tamén rouban, do que se deduce que alí hai moitos mais raposos; vamos, que había para todos e non tiñan por que learse uns cos outros por mor duns cartos que veñen de moca, del venga a nós el tu reino, como dicía unha muller pola televisión.

Alí debese mover mais diñeiro que o que fixo desaparecer Rato e os seus compinches do PP en Bankia e chama a atención o control que teñen del e do noso patrimonio cultural para que aparezan agora outros documentos non denunciados anteriormente; 1.200.000 euros nunha casa do presunto ladrón do Códice, outros 600.000 nun patio veciñal e que ademais dispoñía dun patrimonio que por moito que aforrara non se consegue con un soldo dos de antes de que Rajoy nos levara ao pozo no que nos atopamos. Xa se dixo nestas páxinas que a este home levouno a avaricia ao saber que non o botaban en falta e apostou polo órdago de facerse coa xoia da coroa. Creo que esa foi a súa perdición. Si seguira levando os cartos do cepillo, que eles dentro da súa opulencia non botaban en falta, non houbera pasado nada e non me houbera importado por aquilo do famoso refrán dos cen anos de perdón.

Mentres a nosoutros nos apertan o cinto con recortes, repago das menciñas que xa temos pagado de sobra, a estes “anxos custodios do noso patrimonio cultural” danlles 13.266.216,12 euros mensuais e poñen nas súas “anxelicais mans” os servizos sociais e as escolas de pago para que fagan negocio coa nosa miseria e boten pestes desde os púlpitos sobre os que non pensamos coma eles. Para facer mais mofa de nós non pagan IVE, IRPF nin polo Patrimonio que teñen, cando nosoutros temos que pagar polo pan e a auga como si foran uns artigos de luxo.

,Nunca me pareceu boa idea meter raposos no galiñeiro pero os da dereita solen facer iso cando de dilapidar bens públicos se trata; por iso puxeron a Rodrigo Rato en Bankia, a Luís de Guindos no ministerio que nos leva ao desastre e a Pedro Morenés de ministro de Guerra para que subvencionara a súa empresa con diñeiro público e venda esas bombas de acio que fabrica, tan efectivas para matar mulleres e nenos no terceiro mundo ou onde se cadre, que esa industria non pode entrar en crises.

Din que o anterior responsable da súa custodia facía cruces nel cun lapis para decatarse de que era o orixinal e agora, en vez de levalo ao Museo do Pobo Galego ou a outro museo público, aproveitan a súa aparición para facer propaganda dunha pretendida eficiencia desa policía comandada por un xenófobo, que polas súas declaracións e as súas posteriores ameazas de taberna amosa un posible fracaso escolar na súa infancia e unha certa inclinación caníbal, utilizando tópicos despectivos produto dunha falla de auto-estima para referirse a nós como colectivo e até ven o criado da Merkel facer entrega, dun dos documentos históricos mais importantes con que conta a nosa nación, aos mesmos que o deixaron arrebatar, nun acto de teatro barato e ridículo no que todos os responsables da súa desaparición se foron pasando o libro de man en man ate que volveu a primeira. Bochornoso. Son capaces de presentar a súa propia inutilidade como algo positivo aínda que nos custe aos contribuíntes 263.000 euros, que para propaganda si hai cartos.

Despois desta longa telenovela quedou claro que ese non é o lugar idóneo para tal documento nin creo que a persoa apropiada para custodialo sexa Segundo Pérez, que debe sentir mais fervor polas marchas marciais que polo noso patrimonio xa que ameniza as misas co himno español, como puiden comprobar fai uns anos na festa do San Nicolás.

Segundo Pérez, Don Segundo, é tan amante do noso patrimonio que cando fixo a reforma na igrexa da miña parroquia natal dos Vilares atopáronse catro frescos do século XV ou XVI, tapados noutros tempos con cal por mor dalgunha peste, que pola súa desidia de non mandar parar a obra ao descubrilos e chamar a un técnico para que se encargara deles, están perdidos para sempre, como diría o poeta vilarego. Daquela fun tomar unhas escenas de vídeo da desfeita que xa fixera e deume permiso despois de asegurarlle que a filmación era para min, como así foi. Tamén me afirmou que despois ía restauralos, pero... se te vin non me acordo. Outra das súas ocorrencias foi meter na parede dun muro do adro un sartego de granito que apareceu no cemiterio vello, como si non houbera pedras de abondo nesta comarca para facer muros que hai que meter un sarcófago da época medieval. Esperemos que non utilice o Códice para calzar a pata dunha mesa coxa.