O cheiro a esterco que altera os sentidos a algúns
Algúns marcharon do campo, abandonárono, non porque viviran mal, senón porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Deixaron atrás os ovos da casa, o leite fresco e a agricultura -ecolóxica?-, a lameira, a fochanca e a bosta, era unha ordinarieza e o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Mais hai quen, a pesar diso, volveu. Volveu co seu chapeu de palla, camisa branca e adobío perfumado porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
E trouxo aqueles panos gastados, roupas urbanas descatalogadas para os pobres aldeáns, porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Desfíxose da toura, das galiñas e dos pitos, do porco e ata do can de palleiro porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Pero diso hai tempo, outros xa nin ven as vellas fotos rilladas e sepias da aldea, nin buscan nas huchas, nin remexen nos alpendres porque a lembranza ao cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Ou volveron doutro xeito, traendo manufacturas, conxelados, bebidas gasosas e tetrabrik, tamén maquinaria porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Sobre todo máquinas con ventás auto portantes, illadas do exterior, iso si, con aire acondicionado perfumado a blue roses e música usb, porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Volveron e construíron, baleiraron a corte e soterraron o esterco, xa fosilizado, estragaron os muros e fixeron unhas paredes brancas a la suisse, con tellado de lousa, aínda que estivesen na beira do mar, a causa de que o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
E se non volveron mandaron, mandaron trebellos deseñados por enxeñeiros de luva branca, uns ventiladores altos e brancos, tamén, para cortar o aire limpo porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Non pensaron nos problemas, no xurro, na morea de esterco e broza que se acumula sen destino nas silveiras e crebadas que tollen os camiños, os regos machos e as presas, porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Mentres xestionan do limpo, do aire puro, das augas cristalinas, non miran para atrás, o que ten cu sempre ten medo, nunha vida sen retrovisor, porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
E así seguimos vivindo nun mundo sen solucións prácticas, só económicas, porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Gostarían de esganar os ecoloxistas, tamén vale bos e xenerosos, coas súas propias mans e soterrar os seus corpos inertes eles mesmos na lama podrecida, pero o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Por iso prefiren asfixialos en auditorías de escribas imperiais, para afogalos limpamente, dado que o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
Mesmo son quen de botar merda no parlamento, contra as resolucións na defensa do pobo, tamén vale bos e xenerosos, e volven ao seu escano, arremangando a camisa de marca, ou poñendo a xeito os xemelgos da manga, porque o cheiro a esterco altéralles os sentidos.
E así van pasando as xornadas, os días e os anos -e as lexislaturas-, o deterioro planetario e o abandono do rural, e lavan con lixivia de olor, ao seu paso, por se queda algún virus nun recuncho, pero sobre todo porque o cheiro a esterco .... xa sabedes.