O Casón, unha vitoria digna de celebrar
A verdade é que ultimamente os galegos non temos moitas vitorias que celebrar e mais ben son os nosos inimigos os que van de sobrados. Son eles os que celebran a imposición dos seus recortes, a destrución do noso tecido produtivo, as mentiras, a fame e a miseria que sementan a mans cheas sobre as nosas clases populares Rajoy e mais Feijóo, pero fai agora 25 anos que, como dixo algún periodista, o barco Casón embarrancou en plena chaira luguesa, na comarca de Guitiriz, que se mobilizou contra a intención das autoridades daquel tempo de enterrar 5.000 bidóns tóxicos no campamento militar de Santa Cruz de Parga e despois almacenalos na fábrica de Alúmina Aluminio (hoxe Alcoa) de San Cibrán. Estas batallas, ou naufraxios en terra firme daquelas decisións gobernamentais, foron cantadas pola regueifeira do Cando, a señora Requecha, deste xeito entrañable e popular:
Vouvos a contar señores…
¡Haí que prestar atención!
Mandáronos vir de Holanda,
que os trouxo o barco Casón…
Mandáronos pa Santa Cruz de Parga,
pro campamento militar.
Naquel decembro de 1987, cando os veciños da comarca souberon das avesas intencións que tiñan as autoridades autonómicas e estatais de enterrar os bidóns tóxicos no vello campamento militar, ao oír o toque das campás das distintas parroquias e os coches con megafonía da Asociación Cultural Xermolos, que chamaban a obstruír o paso dos camións que viñan da Coruña pola chamada Nacional VI, toda a xente acudiu as asembleas que se celebraban en Guitiriz. Despois, cando alguén deu a nova de que xa viñan os camións pola Costa do Sal todos se puxeron en camiño cara o límite da provincia para cortarlles o paso:
Toda a xente se repuxo
non os deixaban pasar,
con coches e tractores
atrancaban a carretera,
e guardias e policías,
alí parecía unha guerra.
A oposición e a ansia de vitoria eran tan fortes que os paisanos utilizaron os seus propios corpos como escudos humanos ante as escopetas das chamadas forzas de orden público e os camións que transportaban os residuos deitándose no chan. Incluso se chegou a pensar en voar a ponte do Bueiro para que non puideran pasar ao campamento e, na Pena Moscosa, a Nacional VI estaba chea de madeiros almacenados no serradoiro de Maderas Galicia que os paisanos tiraron a estrada co fin de cortala e os outros que se afanaban en dar leña aos paisanos e apartar os troncos que obstaculizaban o paso dos camións, como o testemuñan as fotos recollidas no Facebook de Xermolos, nas revista monográfica que esta Asociación editou daquela e na que publicou agora para celebrar os 25 anos daquel acontecemento.
¡Non querémolos bidóns,
nin queremos facer trato!
Toda a xente se intoxica,
e non queda can nin gato.
Daba xenio ver aqueles homes e mulleres, nenos e vellos, coa razón e a firme decisión de non deixar pasar os bidóns como armas, arrepoñerse noite e día as violentas escopetas dos policías e gardas civís traídos seica desde León, porque eran mais “bravos”, non entendían as verbas dos paisanos e tiñan menos dó do lombo dos galegos galegas.
Alí cada un tiña a súa táctica e a súa forma de loitar contra aquel asoballamento: Contan os veciños que en pleno fragor da batalla campal na que se converteu o cruce de estradas do Mesón da Cabra, na parroquia de Trasparga, chegou as altas horas da noite un alto cargo das forzas represivas algo afectado polo licor do díos Baco e meteuse na cantina de “Santiago” para calmar a sede que aínda lle quedaba. Alí seica se atopou co meu veciño Manolo de Liñarede que andaba igual ou mais de sedento que el e empezaron a discutir sobre o acertado ou inxusto da decisión gobernamental. Pasou un tempo e as cousas fóronse animando entre; saca unha ronda, que dicía un e; pois agora pago eu, foron facendo camaradería até chegar a un abrazo fraternal para selar a amizade. Din que foi, naquel emocionado abrazo entre Manolo e o alto cargo, onde se firmou o final daquela batalla.
Para lembrar esta vitoria e homenaxear aos seus protagonistas, o pasado dia 12 a Asociación Cultural Xermolos de Guitiriz editou, como xa se dixo, unha revista monográfica sobre o tema e organizou unha serie de actos que tiveron lugar no marco incomparable da Escola Habanera, construída cos cartos que os nosos emigrantes mandaban dende a sempre solidaria Cuba, para celebrar esa vitoria ante as decisións arbitrarias e inxustas duns gobernantes alleos a nosa patria, que consideraban perigosos os bidóns na costa de Fisterra pero non enterrados no campamento militar de Santa Cruz de Parga. Os veciños sabían que si evacuaron 15.000 persoas das localidades de Fisterra, Cee e Corcubión polo perigo que supuñan, non deixaban de ser perigosos no campamento, ao lado das súas casas.
Entre a serie de actos organizados por Xermolos estaban unha Foliada-homenaxe a todo o pobo no Mesón da Cabra, que foi onde se deu a batalla final e mais importante, a presentación do libro, Prestige. Tal como foi, tal como fomos de Xosé Manuel Pereiro, Tamén se presentaron os vídeos: Casón, 1997, de Antón Reixa e O paso do Casón por Guitiriz dirixido por Paco Ja, ou Paco dos Bloques; unha exposición fotográfica sobre o tema de Pepe Álvarez, un xantar no Hostal A Casilla e as actuacións de Mini e Mero, Caibanca, Bloquinho de Xermolos e Sons da Aldea.
Non sería posible arredar os bidóns do campamento sen o traballo que fixo a Asociación Cultural Xermolos comandada polo crego, o bergantiñán amigo, Afonso Blanco Torrado:
O cura que é Don Alfonso
tornouche do campamento,
non quixo alí os bidóns,
nin por fóra nin por dentro.
El foi quen se encargou de chamar aos veciños polas diferentes parroquias do concello e organizar as asembleas, polo que ten ben merecido que dentro das actividades para conmemorar os 25 anos desa histórica vitoria estivera tamén a de nomealo “Veciño Necesario da nosa Comarca”. Un veciño co que todas as comarcas quixeran contar, pero a pena é que Afonso non hai mais que un e, por sorte para nós e para a chaira, témolo en Guitiriz, onde, desde que chegou para facer xermolar a nosa cultura e impartir o seu credo, nunca deixou de ser un “Veciño Necesario”; non soamente da nosa comarca senón de toda Galiza, …e seguirao sendo sempre.