O caso é ter saúde… e poder de decisión
Estamos asistindo desde hai un tempo, coincidente cos comezos da crise na que vivimos e dun xeito máis acentuado desde a chegada do PP ao goberno do Estado, a propostas no eido da sanidade que, cando menos, podemos tachar de “recentralizadoras”.
Xa hai ben de anos que as competencias en sanidade están transferidas aos gobernos das distintas Comunidades Autónomas que administrativamente compoñen o Estado Español, de aí que desde o BNG se pedira en varias ocasións que, en aras do aforro económico, se suprimira o Ministerio de Sanidade, posto que carece de competencias e só supón un gasto innecesario. Mais lonxe de producirse tal desaparición, parece que o que se pretende é darlle un novo contido ao Ministerio e aos seus organismos.
O chamado “Consejo Interterritorial de Salud”, composto pola Ministra de Sanidade e as/os Conselleiras/os do mesmo ramo das distintas Comunidades Autónomas, e do que é secretaria Pilar Farjas (a nosa ex−Conselleira) en calidade de Secretaria Xeral de Sanidade, ven de adoptar recentemente unha serie de acordos para a “homologación” de servizos en todo o ámbito estatal. Entre estes acordos están a elaboración dun calendario vacinal único, a homologación das tarxetas sanitarias ou un único modelo retributivo para o persoal dos distintos servizos de saúde. Se preocupante é que se queiran estandarizar servizos ou mesmo retribucións para territorios que non son, nin por asomo, parecidos (as incidencias de certas enfermidades varían moito de Galiza a Andalucía, por poñer un exemplo), o acordo que semella ter unha carga maior de centralización é o de crear un grupo de traballo que elabore unha carteira básica de servizos para o Estado, de xeito que, en palabras da Ministra Ana Mato “vai ser común en todo o territorio nacional, para que todos os españois teñan acceso ás mesmas prestacións en todas as comunidades. Trátase de propostas na súa maioría que pretenden mellorar a cohesión da sanidade. Éste é o reto ao que nos enfrontamos, o de recuperar a unidade do sistema, fronte a 17 subsistemas”. Cando se fala de ter acceso ás mesmas prestacións en todo o territorio estase, unha vez máis, obviando as claras diferenzas poboacionais, xeográficas, socio-económicas e de incidencia de enfermidades, por citar só algunhas, entre as distintas nacións e comunidades do Estado. Por outra banda, ao falar de carteira básica a calquera lle produce certo temor que os/as ideólogos/as desta recentralización garden na recámara unha outra carteira “complementaria” e se queira utilizar esta dicotomía para introducir o mal chamado copago para aqueles servizos que non se consideren básicos, afondando nas diferenzas que esta crise está cada día amplificando, cando non creando diferenzas novas.
Mais non remata aquí a clara intencionalidade centralizadora da Ministra e o seu equipo. Recentemente puidemos escoitar dicir á actual Conselleira de Sanidade de Galiza, Rocío Mosquera, nunha entrevista televisiva que ela, persoalmente, non estaría en contra de que se establecera o pago dun euro por receita dispensada tal e como se ven de implantar en Catalunya. O mesmo día destas declaracións, confirmaba na súa comparecencia ante o Consello Galego de Saúde a súa idea de que o actual sistema de financiamento farmacéutico non é equitativo e de que debería repensarse, mais introducía un novo factor: se o Consejo Interterritorial de Salud así o decidir, implantaríase na Galiza un novo modelo de financiamento da prestación farmacéutica “máis equitativo”, en palabras da Conselleira. Isto significa, na práctica, furtar ao goberno galego a competencia decisoria sobre financiamento da Sanidade, para cederllo na súa totalidade a un organismo, o Consejo Interterritorial, no que, hoxe por hoxe, o PP está representado cunha abrumadora maioría.
Deste xeito, e cada vez máis, a Xunta de Galiza está a ser utilizada como unha mera sucursal do goberno do Estado nas mans do PP, posto que decisións sobre materias transferidas a Galiza desde hai tempo, están sendo derivadas, sutilmente as máis das veces, a organismos situados en Madrid que aplican un mesmo raseiro a realidades tan distintas.
A Plataforma SOS-Sanidade Pública está en pleno proceso de recolleita de sinaturas para a Iniciativa Lexislativa Popular para a defensa e promoción da Sanidade Pública en Galiza. Penso que recobra un novo sentido asinar esta petición de ILP, porque non é só que estea en perigo a Sanidade Pública Galega, é que está xa en perigo o poder de decisión que o pobo galego ten sobre o seu propio sistema de saúde.
E como reza o dito: o caso é ter saúde. Mais se non a temos, precisamos dun bo sistema sanitario que nos cubra a necesidade. E para iso, temos que ter poder de decisión sobre el.