O capitalismo colonial na Galiza: suicidio ou morte da nosa mocidade
Sería de moita utilidade que a primeiros do século XXI volveramos os nacionalistas a botar unha ollada as reflexións que estudosos e economistas do noso país facían aló na agonía do réxime fascista sobre o papel dependente e colonial da nosa nazón, e do estado das súas forzas produtivas, e particularmente sobre as materias primas, os recursos enerxéticos, o aforro, a forza de traballo (e a súa reprodución), e a superestrutura cultural. Tampouco estaría demais contrastar a análise crítica que naquel intre faciamos os nacionalistas do futuro Mercado Común Europeo e a realidade presente.
Teríamos hoxe mais razóns que daquela para berrar : "Galiza Ceive sen emigración", " ¡Non, non, non a colonización!", " Mercado Común Europeo ruína do pobo galego", ou "postos de traballo na nosa terra", e ademais teríamos que berrar; "¡Non, non, non a desaparición da nosa Nazón!".
Dende fai 35 anos non so se reforzou en Galiza a colonización económica, senón que se reforzou tamén a colonización mental e a desfeita biolóxica. Perdemos do que tiñamos e quérennos quitar o pouco que nos queda.
Un revello programa da TVG encargase de amosarnos tódolos venres que non so perdemos o tren senón que ademais inda seguimos subidos ao carro de Manolo Escobar. Seguindo na clave cultural, podemos presumir tamén de que Galiza ten grandes artistas do cinema e outras artes, pero ten que ser fora onde aprecien estas capacidades.
Que non lograran a desfeita ou marxinación residual do nacionalismo -inda andan a procuralo- non quere dicir que non estean degradando aqueles sinais de identidade de Galiza que a fan aparecer con personalidade de seu e con capacidade de sobrevivir, manterse e reproducirse como un mundo diferente; ou sexa, de ser un pobo. Pola contra, si que tratan de visualizar e resaltar aquelas supostas virtudes dos galegos e galegas que significan sometemento, adaptación, cesión .... En resumo, que non teñen ningún problema en que sigamos sendo galegos, sempre e cando sexamos traballadores, mansos, sufridos, melosos/as, riquiños/as.... A nós, desgraciadamente, non nos acusan en España daquelo que acusan aos vascos e os cataláns, e mal nos vai a ir mentres non nos comecen a acusar do mesmo.
Convén que ollemos algúns fenómenos sociolóxicos e económicos actuais conectándoos co pasado, pero non para manter fotos fixas ou repetir consignas ideoloxistas, senón para afrontar as actuais agresións as clases populares galegas, e particularmente a mocidade, ollando a experiencia de mais de trinta anos de resistencia. Menos mal que no nacionalismo (polo que parece) os nosos opresores encargáronse de facernos resistencialistas denantes que europeístas, modernistas, interplanetarios, e intermundialistas. Que lle pregunten a Emperatriz de Alemaña si existe o centro e a periferia do sistema capitalista en Europa. Deixoullo ben claro fai uns días a " los españolitos" e a quen queira escoitar. No centro do capitalismo europeo están dispostos a recibir man de obra, si é que a precisaran; pero non man de obra barata senón man de obra escrava, pagándolle o que consideren que produce, pero non porque teñan dereitos.
A pregunta clave é a seguinte: Temos os recursos, a capacidade e a vontade de seguir vivindo e reproducíndonos en Galiza e como galegos ou galegas? Podemos berrar aos catro ventos aquilo que polo momento non podemos volver facer dende fai mais de dous anos nos campos de fútbol galegos: ¡Vivamos como galegos!?
Subdividamos a pregunta noutras tres:
1º Temos a vontade colectiva de vivir como galegos?
2º Temos os recursos básicos para vivir como galegos e galegas?
3º Temos a capacidade de impoñelo?
As respostas positivas son eliminatorias; si non somos capaces de responder positivamente a primeira xa serve de pouco pasar a segunda e así a seguinte; e si digo o de impoñelo e por sentido común e por realismo do mais primario. As nacións do Estado Español non somos Estonia, ou Lituania...
E chegados a este punto antóllaseme recordar non aos analistas económicos senón a os educadores sociais por excelencia, aos que descenden ate a alma dos pobos e das xentes do común con tal arte que se converten en comunicadores universais. Loxicamente non falo dos xornalistas, falo dos humoristas galegos, e remítome a dous, recollendo reflexións referidas ao vello dilema de afrontar o futuro do País para cambialo ou non, dende dentro:
-Os galegos non protestan, emigran. (Castelao)....
-Neno xa vas sendo grandiño. Xa é hora de que te empregues no paro ou estudes para emigrante. (Xosé Lois, O Carrabouxo).
-E volve a ser o propio Carrabouxo fai poucos días quen debuxa unha alternativa distinta a de emigrar baseada nas directrices de política laboral que o Parlamento Español aproba seguindo os ditados do Imperio Alemán. Non se trata de emigrar, trátase de extinguirse. Os vellos morren traballando sen chegar a unha pensión digna. Os novos deixan de reproducirse e subsisten malamente, si poden, mirando como traballan os vellos de oitenta anos. Para os novos será moi dificultoso ser pais e nunca serán subsidiados a menos que sexan moi ricos, e iso tocaralle no futuro a moi poucos galegos. Hai noticias frescas de que dez directivos de entidades bancarias cobran anualmente, a parte da nómina, unha pequena prima de dous millóns e medio de euros cada un, seica é para pólizas de seguros; ao parecer trátase dunha nova alternativa para o Sistema da Seguridade Social que rematan de asinar na Moncloa; non temos porque preocuparnos xa que en Galiza so nos afecta para axudar a pagala.
Os novos que podan ter netos, que serán poucos, contaranlle que en tempos pasados seus pais ou seus avós tiveron traballo durante moitos anos e despois tiveron pensións. Os expertos en demografía xa non dirán que temos unha pirámide de poboación invertida con poucos novos na base e moitos vellos na cúspide, dirán que temos un rectángulo con moitos vellos.
Non estamos a facer futuribles ou filosofía aristotélica senón a poñer diante de nos a vella e nova pregunta do filósofo: Ser ou non ser. Galegos e galegas.... Moitos poden pensar que pretender que Galiza exista no futuro é unha utopía e que é moito mellor deixarse levar polas utopías dos mercados , da globalización, do consumo, do capitalismo colonial que, ao parecer, non manipulan, non politizan, e dannos liberdade e democracia e permítennos disfrazarnos de moitas marcar de trapos.
Mais a realidade é crúa e indícanos que si queremos subsistir simplemente como persoas cun mínimo de dignidade o mellor camiño é o de defender o que defendemos os nacionalistas. Precisamos da defensa colectiva, precisamos da defensa da galeguidade. Vivir como galegos non nos pecha ningunha porta ao mundo, pola contra, danos un fogar, do contrario seremos os descendentes dun pobo esfaragullado e en dispersión.
Sen traballo, sen futuro, sen descendencia, e emigrando, si hai para onde, so nos quedan dous camiños: ou facer País ou ir facendo testamento para deixar constancia de que unha vez había un pobo chamado Galiza no que viviron unhas xentes tan pacíficas, tan pacíficas que fixeron doazón do seu territorio para unha reserva no que poderían os colonizadores deixar algúns indíxenas para recreación turística....
Ninguén pode negar sen saírse para nada do campo das ciencias positivas, que dispoñemos no noso territorio dos recursos básicos para que colectividades de persoas en agrupacións rurais ou urbanas podan cubrir as súas necesidades básicas e convivir; a non ser que neguemos a existencia non so das nacións senón das rexións, dos concellos e do dereito a felicidade e a cultura, que en realidade é o que está neste intre a facer o capitalismo colonial no noso país: Considérase con dereito a roubarnos os recursos, extinguirnos bioloxicamente e ditarnos tódalas normas: O idioma de Sir Pacu, a relixión do F. M.I. e a bandeira do Real Madrid, entre outras...
Róubannos o aforro con mais descaro que nos tempos de Franco, péchannos as pesqueiras, prohíbennos desenvolver a nosa agricultura e ter dereito a unhas negociacións en Galiza das nosas producións, arrapáñannos os recursos enerxéticos, emporcállannos as Rías, desfannos o pequeno comercio e os servizos e como única solución preséntannos o Xacobeo no que se produce o milagre da desaparición de toneladas de diñeiro en máxicos fastos e festas composteláns presididas por un xefe de Goberno de Roma que din que Deus mandou ao mundo para ocuparse dos probes. E é ben certo que se ocupa, por aquí non fai falla que volva que xa fabricou bastantes.
Ter vontade de ser galegos é para sentilo, ter recursos é para entendelo e ter capacidade para impoñelo é para loitalo.
As xentes deste país sabemos moi ben que ninguén regala nada e menos no terreo dos dereitos colectivos, inda que estes días estamos asistindo a unha falsísima mensaxe ideolóxica expandida "urbi et orbe", a de que a revolución exipcia é espontánea, pacífica e froito das novas tecnoloxías. Ou sexa, que en Exipto foi todo tan pacífico que non mataron a ninguén, non feriron a ninguén non prenderon a ninguén e polo visto tampouco vai facer falla cambiar nada, soamente había unha persoa inxusta en todo o País. ¡Que sorte tiñan os exipcios, non sei de que se queixaban!
Inda que por razóns do discurso se poña un orde para as propostas de descolonización do país todos e todas entendemos que non é antes o sentir que o entender ou o loitar, é todo ao mesmo tempo.Se ademais a pura e dura realidade nos está a amosar que a esta explotación colonial que estamos a sufrir aquí e agora en Galiza soamente hai un escudo que opoñerlle (vexamos por exemplo as loitas da CIG), defendámonos coa mellor ferramenta que teñamos. ¡Loitemos como galegos para vivir como galegos!