O caos que anticipa o rescate

O caos que anticipa o rescate

A xestión da crise financeira no Estado español foi acompañada dun ronsel de normas legais, todas elas aprobadas con urxencia, deseñadas para mudar o mapa bancario cara unha maior concentración e centralización. Malia as invocacións de atinxir unha maior solvencia das entidades financeiras, restituír o crédito, ou garantir os dereitos dos depositantes, o realmente prioritario era consolidar o control de todo o sistema financeiro desde Madrid, así como reforzar o dominio das grandes entidades de crédito do Estado español. Ao longo destes anos, o afán do Banco de España, lexitimado polo consenso básico acadado entre PSOE e PP en canto aos obxectivos básicos sinalados, foi propiciar un réxime de oligopolio financeiro, o que conlevou finiquitar o modelo de caixas de aforro dado que a súa atomización era contraditoria coa centralización perseguida.

Após a aprobación de doce Reais Decretos-Leis, dos cales 4 teñen por obxecto concreto a reestruturación do sistema financeiro, ese proceso está a punto de ser culminado, o que tamén explica que un dos principais actores do mesmo, o ex-Gobernador do Banco de España, abandonara deixando libre a vía para que o seu relevo afronte a nova fase do proceso, que non é outra que o saneamento real das entidades financeiras. Malia ter enormes recursos económicos ao seu dispor ao longo destes últimos anos, o Banco de España, coa complicidade e anuencia dos Gobernos de PSOE e PP, foinos destinando a impulsar bancarización, fusión ou absorción de entidades financeiras, sen preocuparse da utilidade desas axudas públicas para a reactivación económica, nin sequera da utilización do diñeiro público por parte das entidades que o percibían, permitindo -por acción ou omisión- incluso que se empregasen para o reparto de indemnizacións multimillonarias. Porque, en esencia, o que interesaba era avanzar na concentración financeira, e o emprego dos recursos públicos estaba a dar os resultados agardados nese rumbo trazado. Dun xeito paralelo, as inxeccións de diñeiro “barato” do Banco Central Europeo, contribuíron a aliviar momentaneamente as tensións económicas da banca do Estado español, aspecto que, aínda tendo unha relevancia extraordinaria pois ameazaba con abater a varias entidades financeiras, era secundarizado desde as autoridades económicas e bancarias do Estado español, ao teimaren enfaticamente en rematar canto antes a converxencia de entidades financeiras.

Agora encétase a fase máis delicada, sobre todo desde a óptica de convencer á opinión pública, cal é a de achegar directamente, xa non como préstamos preferentes, un elevado nivel de recursos públicos para capitalizar as entidades financeiras resultantes. Nos intres en que se atravesa a fase máis crítica da crise económica, dito isto non por que esteamos inmersos en novas tensións especulativas nos mercados financeiros, senón polas evidencias que deitan os datos de caída da actividade económica en todos os sectores da economía real e tamén do imparábel incremento do desemprego, o Goberno ten que xustificar o inminente destino de miles de millóns dun xeito privilexiado á banca privada, e mesmo admitir que está disposto a unha intervención exterior disfrazada de axuda mole que, con todo, vai a vir condicionada pola disposición a comprometerse na aplicación de máis recortes sociais, de afondar nunha maior contención salarial tanto a traballadores/as do ámbito público como privado, e incluso de acometer a enésima subida de impostos indirectos. E todo iso, coa única finalidade de conservar o estatus do sector financeiro, sen que haxa nin o máis mínimo resquicio para que se beneficien da axuda extraordinaria outros moitos sectores da economía produtiva en apuros.

Aquí encaixa a estratexia actual, convenientemente esparexida por todos os medios de comunicación, consistente en facer visíbel, tanxíbel e inminente o colapso económico. Os titulares das primeiras planas de todos os xornais, a apertura de telexornais televisivos e radiofónicos fan un seguimento exhaustivo da prima de risco, empregando a evolución de dito índice -que por certo non é o único que mide a saúde dunha economía malia ter a súa importancia- para que a maioría da poboación interiorice que estamos ao borde dun precipicio, que imos camiño dun declive económico abrupto e profundo. A insistente referencia ao nivel no que se atopa a prima de risco, sen excluír totalmente que efectivamente estamos nunha situación inestábel que lle afecta directamente, no só responde ao seu interese informativo, senón que forma parte da súa utilidade para recrear unha situación insustentábel, con continuas e persistentes tensións económicas, para pór en escea unha situación de caos que facilite a xustificación das decisións que poñan orde no mesmo, que serán adxectivadas como irremebiábeis, imprescindíbeis ou inexcusábeis, mais que en realidade encubrirán o privilexiado auxilio prestado en interese exclusivo da elite bancaria, así como a contribución para reforzar aínda máis o poder do grande capital financeiro.

As subidas ou baixadas do índice da prima de risco non son irrelevantes, pois teñen unha influencia directa no gasto público pola súa relación cos xuros a pagar pola débeda pública. Porén, non é difícil adiviñar que o uso que a maioría dos medios de comunicación social están a facer do seu seguimento, enfatizándoo de forma que lle outorgan unha importancia esencial que deturpa a súa significación nos seus xustos termos, participa dunha estratexia para preparar o terreo na procura dunha reacción, senón favorábel, cando menos comprensíbel, do avultado rescate das entidades financeiras do Estados español que se aveciña, e da asunción dun maior nivel de sacrificios económicos e sociais que iso conlevará para as maiorías sociais.

O abafante seguimento mediático, case instantáneo, das oscilacións do diferencial dos xuros que se aplican nos mercados secundarios entre a débeda pública de Alemaña e a do Estado español a 10 anos, non é casual, senón que asenta e reafirma a idea de estarmos inmersos nunha caótica situación, para, como noutras ocasións, aboar o terreo das inseguridades e facilitar que se chegue a ese fin desexado polo lobbie bancario de enxugar as perdas privadas cunha inxección multimillonaria de fondos públicos.

A consumación dos propósitos da grande banca privada, con todo, non remediará o grande dano provocado, só alimentará de novo a espiral de especulación, burbulla e crise. Cada vez hai máis razóns para formular como única alternativa viábel e consistente a de dar paso a unha banca pública, cada vez cobra máis forza o control público do aforro como garantía da súa xestión responsábel.