O cambio político escríbese con N de nacionalismo

O cambio político escríbese con N de nacionalismo

Dicía hai uns días Puigdemont que “non chegamos até aquí para dar volta atrás”, deixando claro que o referendo de Catalunya é irreversíbel. Nin as ameazas do Goberno central, nin do Constitucional, nin da Fiscalía, nin as redadas da Garda Civil e a Policía, nin as ameazas de cortar a luz e a rede aos colexios electorais poderán parar a autodeterminación do pobo catalán, un proceso que está a dar unha lección maxistral do que significa a palabra democracia, un concepto que vai máis alá de ir votar cada catro anos ou cada seis meses como se viu ultimamente no Estado español.

Coa negativa dos partidos de ámbito estatal a facer campaña, aínda que sexa polo non, o resultado do referendo do día 1 de outubro está bastante claro, Catalunya votará si a un estado independente. O tempo dirá se este resultado ten como consecuencia inmediata o nacemento dun novo estado. Evidentemente a participación será clave para a lexitimación do resultado. Mais o proceso impulsado polo pobo catalán abriu a caixa de Pandora do Réxime do 78, cuxa tapa estivo custodiada ininterrompidamente por PP e PSOE ao longo dos últimos corenta anos, garantindo que todo se mantivese “atado y bien atado”, tal e como o deixara o Ditador.

Así, corenta e dous anos despois da morte de Franco, xa se pode dicir que a Transición -por fin- está en marcha e é irreversíbel. Unha revolución cívica, pacífica e democrática, impulsada polo nacionalismo catalán está poñendo en cuestión as estruturas herdadas da Ditadura, que impregna de arriba a abaixo esta mal chamada democracia.

Mais o nacionalismo galego articulado en torno o BNG tamén está a xogar un papel importante no cuestionamento do statu quo. O asalto simbólico do Pazo de Meirás por parte de militantes do BNG denunciando o espolio e o roubo masivos durante a Ditadura puxo o foco na Familia Franco, que viviron os últimos corenta e dous anos desta mal chamada democracia na máis absoluta tranquilidade, amparados pola Lei de Amnistía e pola Constitución que garantía que os seus crimes quedaran impunes e a bo recaudo os bens incautados ao pobo galego.

Neste sentido non é casual que o debate entorno o espolio da familia Franco coincida ao mesmo tempo co debate territorial impulsado polo referendo de autodeterminación do pobo catalán. Ambos debates son fendas nas costuras do mesmo traxe feito á medida dun Franquismo sen Franco, unhas fendas que o goberno do PP, autoritario, corrupto e cavernícola non só é incapaz de frear, senón que é combustíbel involuntario do derrubamento do Réxime do 78.

O nacionalismo é o motor do cambio político. Sempre o foi alí onde se viron asoballados os dereitos políticos dos pobos. Como escribín no meu último artigo, pequenos actos de desobediencia civil e rebeldía como o protagonizado por Rosa Parks serviron para abrir unha fenda na férrea lei norteamericana que conculcaba os dereitos sociais e políticos das persoas afroamericanas. Catalunya é Rosa Parks, é as sufraxistas que desafiaron o poder estabelecido que prohibía votar ás mulleres, é a Palestina asediada pola maquinaria bélica israelí que non se resigna a vivir atrapada e asoballada nos muros do país sionista, así como a ter un estado propio. E os movementos sociais e políticos que estamos a ver na rúa e na acción de goberno da Generalitat, aínda que amordazados polas leis do Réxime do 78, son pasos de enorme transcendencia para Catalunya, mais tamén para pobo vasco e galego.

E neste sentido, Galiza non pode quedar á marxe; tamén ten que dar un paso adiante para decidir por si mesma, para coller pola corda o futuro e o benestar. Si, benestar, porque cando falamos do dereito a decidir falamos das cousas de comer, falamos da transferencia da AP-9, falamos máis e mellor financiamento para termos uns servizos públicos decentes, falamos de tarifa eléctrica galega para xerar emprego e aliviar a factura enerxética das familias e das empresas; falamos de termos un Parlamento soberano, cuxas decisións non poidan ser vetadas por ninguén. Falamos, en definitiva, de dignidade do pobo galego.