O “brainstorming” como método de facer política

O brainstorming ou tempestade de ideas, é unha actividade concibida para explorar a potencialidade creativa dun individuo, ou dun grupo, colocándoa ao servizo de obxectivos previamente determinados. O uso destas técnicas na empresa é algo habitual, desde que fora ideada e posta en marcha, alá polo 1938, por Alex Faickney Osborn, como tamén o é en campañas electorais.
Desde os anos oitenta, con Margaret Thatcher e Ronald Reagan e a equipa de ideólogos liderada por Milton Friedman, as políticas neoliberais centraron os seus esforzos en eliminar calquera posibilidade de estabilizar a economía en base a pactos sociais, -circunstancia que, de se producir, dotaría de forza e prestixio o movemento obreiro e os movementos sociais-, centrando os seus obxectivos na derrota sen condicións deles, até facer desaparecer da memoria colectiva a súa lembranza. Mais utilizar o brainstorming como forma de facer política de Estado -ou de Sistema se quixermos- para impor unha única maneira de pensar e de actuar, é algo que se institucionalizou nos derradeiros meses, procurando, premeditadamente, fechar o círculo sobre uns poucos temas que até o de agora permanecían xacentes en determinadas elites mais non abrollaban co vigor que o están a facer neste momento.
Chuvia de ideas para un único paraugas: a crise
A “crise”, na súa orixe máis ou menos xestada na contorna do sector financeiro, é agora o paraugas que todo o cobre, a vara que todo o transforma e coa que todo se mede: desde o mercado laboral ao sistema impositivo, das relacións sociais ao modelo organizativo do estado ou á familia. Todo parece enmarcarse nunha especie de obsolescencia programada que ten por obxectivo convencernos de que o actual modelo é inservíbel e debemos camiñar cara a outro en que seremos felices de modo directamente proporcional á cantidade de dereitos a que renunciemos. Son moitos os encargados desta chuvia de ideas, imposíbel mencionar todo: Austeridade, recortes, privatización, imposición lingüística, prevalencia do privado sobre o público, todas as forzas políticas son iguais, o movemento sindical é inutil, etc. forman parte dese elenco de actores que interpretan o presente, mais imos comentar só tres destas ideas por configuraren a base do modelo social actualmente imperante: son a idea de que a familia debe estruturarse en torno aos valores relixiosos tradicionais, que non existen motivos para protestar contra o Sistema xa que este o que fai é procurar o noso benestar aínda que supoña momentaneamente sacrificios e, finalmente, que o Sistema é como un Deus ao que hai que temer e non ofender.
1.- A familia
Fronte aos diversos modelos de familia que se desenvolveron nos derradeiros anos é urxente voltar ao modelo tradicional coa muller ao coidado da casa, e así o expresou, por exemplo Javier Arenas ao manifestar que é necesario: “recuperar los valores familiares que, desde que la mujer trabaja, se han perdido”.
E que beneficios terá isto? A sociedade será mellor, non se producirán tantos fracasos matrimoniais, a xuventude deixará de andar á bartola, as familias voltarán a se corresponder co modelo tradicional e mesmo se reactivará o emprego.
E a xerarquía da Igrexa Católica, sempre atenta a velar polo benestar da parroquia, naturalmente, súmase a esta corrente e aí temos o exemplo, sen ir máis lonxe do bispo de Alcalá que se serve da TV pública para asegurar que a homosexualidade conduce ao inferno.
2.- Non protestes
Porque saben que a protesta social sempre deixa pegada, esfórzanse, os lanzadores de ideas, en nos convencer de que non serve para nada. Observámolo durante os días previos á pasada Folga Xeral. Machaconamente, o goberno, a patronal, a patronal do goberno, o goberno da patronal, encheron os nosos ouvidos cunha única sentenza: "A folga non cría emprego". As reformas hai que facelas senón será peor. E o único debate posíbel é como se distribúen os sacrificios ao nivel da maioría da poboación pois nin sequera entra en discusión que os máis poderosos, os que ocasionaron todo isto, non se van ver afectados por ningún tipo de recorte. Mesmo se adoptan procesos de manipulación lingüística e semántica sen precedentes para criar a sensación de que estamos moi mal mais, todos quietos, que pode ser peor.,3.- O temor ao Sistema.
Esta idea nace da total equiparación do Sistema coa divindade e, en consecuencia, aplícase o concepto do “temor de Deus” do xudaísmo e do cristianismo. O temor de Deus supón reverencia a Deus e temor a ofendelo e afasta o crente do mal, movéndoo para o ben. É o que nos salva do orgullo sabendo que todo o debemos á providencia. Pois nesa liña nos movemos cando unha persoa como o Conseller de Interior da Generalitat avoga por reformar o código penal: "no para que entre más gente en prisión sino para que haya más gente que tenga más miedo al sistema y que no sea tan osada". E xa non falemos das propostas do ministro do Interior ao pretender considerar a resistencia pasiva como atentado á autoridade. Por que é delito de atentado a desobediencia civil pasiva? Tratar como terrorista a quen, pasivamente, desobedece a policía non parece responder a fomentar o exercicio dun dereito, senón mais ben ao que o Tribunal Constitucional chamou “causar efecto de desaliento” en quen só pretende exercer un dereito e, en calquera caso parece mais propio das antigas ditaduras del Cono Sur.
Instalada a utopía do mercado como único pensamento, a única preocupación dos fabricantes de ideas é afastar toda posibilidade de rebelión social contra o capitalismo, o máis voraz dos sistemas produtivos, e ao mesmo tempo o máis adaptable ao medio, a cada contexto social; saben que a súa supervivencia e a do Sistema se basea, por un lado, en fomentar a prevención contra todo movemento organizado que lle poda facer fronte ou, simplemente, cuestionalo, e por outro lado en sementar medos persoais perante a inseguridade dun futuro en desemprego e sen a cobertura dos servizos sociais que, previamente, están sendo desmantelados.
Mais o medo non é bo conselleiro, nin para quen o difunde nin -moito menos- para quen o padece.
-----------------------------------------------------------------
[NOTA EDITORIAL.- A responsábel editorial desta publicación dixital, Terra e Tempo, recorda que as valoracións e opinións contidas nos artigos das colaboradoras e colaboradores habituais recaen integramente no ámbito da responsabilidade delas e deles. A directiva non asume como propias máis que as afirmacións do "Editorial" ou de "Xunta Directiva da Fundación Bautista Álvarez" que, con este nome, se publica á cabeza dos artigos do día. Tendo comprobado como é moi elevado o número de lecturas e comentarios dalgúns artigos -cousa que nos honra, naturalmente-, asistimos igualmente a unha utilización espuria da opinión dalgúns colaboradores, facéndoa extensiva á Fundación Bautista Álvarez ou á Unión do Povo Galego, partido que non ten responsabilidade sobre este dixital que edita a Fundación. Insistimos, por isto, en como o dixital Terra e Tempo, respeitando a liberdade de expresión dos seus colaboradores, non fai súas en absoluto as aprezacións particulares, sobre calquera tema, dos mesmos. Reservámonos, claro está, como en calquer publicación similar, o dereito de inserimento dos comentarios que cada artigo merecer, pois non damos nin daremos cabida a aqueles que conteñan insultos ou resulten difamantes ou inxuriantes para persoas, institucións ou organizacións.]
-----------------------------------------------------------------