O BNG resoa na tribo de Breogán

O BNG resoa na tribo de Breogán
Cando ía escribir estas reflexións decateime de que corría o perigo de reeditar o que xa fixera o trece de febreiro. Mais non me resistín a plaxiar practicamente o título. Esta fin de semana atopei plasmadas aquelas mensaxes de febreiro e convertidas en realidade.

Unhas organizacións da órbita do nacionalismo tan sinxelas como FRUGA e a Rede Galega de Empresas logran o apoio e a colaboración de facedores de viño da “Ribeira Sacra” e queixos de “Arzúa-Ulloa”, “S. Simón da Costa” e máis hostaleiros para promocionar os nosos produtos. A reflexión era a mesma en todos os actos: “Temos que defender o noso como o primeiro e o mellor”. “Temos que facer país”. Pequenas grandes cousas que comezan por recoñecernos a nós mesmos, por querernos a nós mesmos, ao noso País, as nosas xentes.

Cando escribín o artigo de febreiro unha compañeira do BNG, veterana, aldeán e retranqueira preguntoume que era aquelo de “amor e compañeirismo”. Coa mesma, e devolvéndolle a xogada, conteille aquelo da parella da miña parroquia que levaba corenta anos de namoro e aturando as faladurías da xente até que un día o mozo sorprendeuna coa pergunta: “María e habíamos de casarnos?”. Sen descompoñerse nada, María espetoulle: “E aos nosos anos quen nos ha querer!”.

Entre un pobo que semella unha e outra vez que despreza os amores do BNG e uns pretendentes que andan ás apalpadas a busca de feitizos amorosos de nova feitura, e efectos de curto prazo, poida que sexa moi desvariado trazar xuntoiro. Mais non é así. Cando hoxe no Pazo de Congresos de Compostela soaban os tambores do Baixo Miño e repenicaban as gaitas anunciábase que os amores do BNG con Galiza non veñen dos tronos dos pazos municipais senón da paixón coa que a militancia feliz do BNG anunciaba o reencontro co pobo de sempre -despois de ternos toleado a testa con mil promesas- con esa Galiza “unha e mil veces humillada, e unha e mil veces erguida”. Diferéncianos do Sr. Feijóo o que lle dixo a compañeira Ana Pontón: Non ten compaixón, nen ten alma. E eu engadiría, e ademais non ten paixón; e se non ten paixón non pode ter amor por Galiza. E a bo seguro que engadiría a “prima de Risco”: ¡Ollo que pode ter algún amor preferente!..

Estaba naquela acolledora sala a Galiza de sempre e a “Galiza Nova” expresándose e manifestándose rebelde, insumisa, magoada pero non vencida; defendéndose coas súas armas e loboreándose coas súas mellores eixadas, co humor inxenuo e asilvestrado de quen pode confundir nunha cacería a Dumbo co príncipe encantado; dun e doutro orador ou oradora que se indigna pero en cada indignación hai unha resposta e unha proposta, un xuramento leve, se é preciso, e non se lle pide a ningún poder que a resolva. Só hai un poder o dos remeiros, o do pobo, o de Galiza. Non é a primeira vez que unha tormenta nos atormenta. Non é a primeira nin será a última vez que o Deus Neptuno remexa as augas para escacharnos o barco contra os penedos. ¡E mira que levamos feito planos! ¡E mira que nos saíron piratas! E a pouco máis nos escarallamos por mor da tecnoloxía con satélite, co doado que era guiarse polas constelacións de sempre. Cos anos que fai que nos viñemos de Europa. Da de Maastricht, da do euro, da dos mercaderes, da da Constitución da escravitude, da da estabilidade, da da OTAN, e sobre todo, como se dixo hoxe, da dá emigración....

Tanto tempo pedindo renovación e agora ben ela soa, mesturada coa experiencia, coa xuventude. Onde este a paixón, a convicción o xenio e a enerxía e a alegría que hoxe sementaron entre a militancia persoas como Mar de Dozón, Loli de Ordes ou a seguridade patria e pétrea daquel médico que de novo nos axudaba a facer xuntanzas das Comisións Labregas en Pol ou en Samos, que se retiren os asesores da tele-imaxe e da telemensaxe. Para ser bo mensaxeiro hai que pertencer, sufrir e vivir cos e cas destinatarios da mensaxe e transmitir na mesma lonxitude de onda. “Mergullarse no pobo”, exactamente.

É curioso, aconteceron nesta convención varios feitos totalmente novos. E estou ben seguro que ninguén o procurou:- Nunca tan pouco se falou de eleccións, a pesares de quedar o programa e as propostas totalmente marcados, e ternos os nosos pantasmas malignos torturados con elo.- Nunca tanto aplaudimos nin tanto nos rimos.-nunca intervira unha nena pequena nun mitin desta categoría.-Raras veces estivemos implicados en tanos problemas con tantos sectores sociais.-Poucas veces os imperialistas españois viron tan doado afundirnos o barco.

Tamén pode ser que houbese algunhas brincadeiras cando había que termar das cordas. E cómpre ter vista porque o noso barco e bo pero é artesán e polo arredor andan con canoneiras.

E se alguén soña con que hai botes salvavidas que lle lo pregunte aos gregos que levan remado moito....

E para procurar o meu lombo de quen vai a preguntar se esta loita social permanente e soberanista intransixente (aínda que de autonomía precaria) vai acadar votos para o BNG do futuro terei que dicir con todo o sentido común que de pouco sirve soñar cos votos e pensar falsamente que os votos son o sustento do poder se a desgracia máis grande do nacionalismo non é a falta de votos se non a falta de galegos e galegas. Non estamos quedando sen votos, moito peor, estamos quedando sen seres humanos, sen galegos e sen galegas. Teremos nacionalismo se seguimos tendo base material e cultural para que moitas nenas poidan ser protagonistas e botar man a un micrófono nun mitin tan histórico coma o que fixemos este sábado en Compostela.