O BNG non pede permiso para existir

O BNG non pede permiso para existir

Tentacións teño de comezar e concluír o meu artigo de hoxe con esta frase, ao xeito dos antigos telegramas que hoxe xa son case peza de museo. Desta volta, o tempo de que dispoño é ben pouco, o día 21 xa chama ás portas e eu quero cumprir co meu compromiso mensal con Terra e Tempo. Mais a primavera está a chegar e será ben acompañarnos dela para que a semente que ficou ben plantada na XIV Asemblea Nacional do BNG medre e frutifique como desexamos. A semente non é alóctona, é autóctona, e coñecémola ben, non a improvisamos. Non nos apontamos a un experimento senón ao revival dos principios e da praxe que definiron o nacemento desta organización política, con tres décadas de existencia ás súas costas. Existencia e actuación social que, por veces, semella un prodixio. Eu non sei -a información internacional de que dispoño non me dá para tanto- se no continente europeo ou no mundo mundial houbo ou hai unha formación política semellante ao BNG nos seus presupostos ideolóxicos e na súa actividade práctica que fose, que sexa, tan hostigada e tan deformada polo conglomerado de poder político-mediático que lle é contrario. Tamén non sei se as-os militantes dunha organización análoga doutras partes do mundo precisan adoito de inxeccións de autoestima colectiva para dar a valer todo o construído, sen prexuízo do recoñecemento de erros cometidos e de moitos fallos evitábeis. Si sei -porque asistín a ambos acontecementos- que no viciño Portugal, o Bloco de Esquerdas así se chama por nós existirmos con este nome. Si sei que o Bloc Nacionalista Valencià así se baptizou polo mesmo motivo. Como digo, fun testemuña destas dúas fundacións, como fun interviniente directa en múltiplos actos fóra da nosa nación onde, desde logo, o nome de Galiza, o seu pensamento, a vindicación da súa historia autónoma e a defensa dos seus dereitos nacionais nunca ficaron abaixo nen máis febles que os exhibidos polos nosos compañeiros de mesa ou de foro.

Ora, estas miñas apresadas palabras de hoxe non visan combater toda a contaminación intereseira a que antes me referín. É ás compañeiras-os do BNG a quen me dirixo, non máis que para relembrar unhas cantas verdades elementares:

1ª. Se hai nacionalismo galego -histórico, actual- é porque hai nación galega precisada de ser recoñecida e valorada como tal.
2ª. Toda nación é lóxico que aspire a dotarse de instrumentos e de institucións proprias dun Estado, con capacidade decisoria sobre os seus recursos, a súa lingua e cultura, a súa economía e o seu relacionamento cos demais povos e Estados.
3ª. A pesadísima lousa que oprime a Galiza é reversíbel. Non acreditarmos neste axioma implicaría apontármonos ao fatalismo ou ao entreguismo da subordinación perpetua.
4ª. Todo o construído, elaborado e removido polo nacionalismo galego contemporáneo non é en absoluto auga de castañas. Fóra de toda compracencia ou de todo recordo saudoso, este precioso aval ha de ser utilizado para seguirmos a traballar no presente, con máis intensidade e clareza, vistos os determinantes e condicionantes a cada paso máis graves e duros da situación galega, española, europea e mundial.
5ª. Xa se ten dito he escrito: non hai cousa máis práctica que unha boa teoría. Ela aliméntase duns principios que deben ser aplicados e exemplificados en todo canto asunto teña a ver co noso destino colectivo como galegas-os.
6ª. O BNG non pode cargar, aínda por riba, coa responsabilidade dos que o lañaron, mancaron ou atacaron internamente. Se a todos se nos esixe comportármonos como persoas adultas, haberá cada quen de asumir o que se fixo e a favor de que.
7ª. O BNG non está por riba nen por fóra da sociedade galega. É unha porción dela, organizada para transformala, non para mantela na situación en que se encontra. Toma partido, no diabólico taboleiro político e socioeconómico actual, como fixo sempre. O “todos” en política é a camuflaxe de intereses absolutamente contrarios. ¿Servimos igual, por pór un exemplo, aos utentes conscientes da lingua galega e aos que a arrasan e aniquilan?

O pecado do BNG, efectivamente, é non pedir permiso para existir como tal; dilatar o campo da auto-organización por todo o país e colocar o rótulo “galega” ou “galego” non como marca local senón como merecente de dereitos xurídico-políticos. Ou aspiramos a isto ou seremos, como diría Castelao, perpetuos individuos de Protectorado. Expresouno perfeitamente o novo portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, no seu discurso de clausura da recente Asemblea Nacional. A el e a todas as compañeiras compañeiros que o acompañan na Executiva e mais no Consello Nacional deséxolles a maior fortuna nesta singradura. Ora, para que o barco navegue con xeito, nós, a militancia, non nos podemos apontar a que nos dean ordes ou consignas. Unha orquestra sinfónica non marcha ben, por moi boas partituras que estexan no atril e por moi brillante batuta que a dirixa, se non hai acordo e compás entre todas e todos os intérpretes. Vinculémonos, pois, a un traballo renovado que non fixo máis que comezar, por moito que teña, como ten, amplo e dignísimo aval histórico. Non pelexamos por unha abstracción, senón polo dereito que nos asiste a sermos galegas e galegos a tempo completo, exteriorizalo como tal e dotármonos das defensas necesarias para podelo exercer. Gobernemos nós a nosa Terra segue sendo tan necesario como cando se pronunciou e se escrebeu por primeira vez.