O BNG é unha mina

En tempos tan revoltos no mercado electoral en Galiza as marcas que destacan son BNG ou ex BNG; só falla que se confirme que o candidato do PP tivo afiliación no sindicalismo nacionalista. ¡Que curioso; e nos tratando de mudar de marca! Fai poucos días un bo amigo, inda novo e profesor de universidade en Galiza facíame, falando das próximas eleccións autonómicas, a seguinte reflexión: “Cáeme mal Iglesias, paréceme ficticio, pero gústame a rebeldía e o movemento social, e boto de menos mais debate dos representantes políticos sobre problemas da xente, e en concreto do ensino. Inda que eu teño información de que esta persoa é votante habitual do BNG tiven a sensación de que o sistema propagandístico o levaba a estarlle pedindo a outros xustamente o que so ten o BNG. Vaslle pedir a outros que debatan contigo se non debaten nin cos deles... Afondou mais e díxome. “ no BNG un tempo atrás entrou de todo; dei a calada por resposta e baixei a testa, non sen antes facer unha crítica dura a posición dos intelectuais e elites universitarias con Galiza, el fixo o mesmo.Tamén me afirmou que sempre seguira de cerca as posicións do BNG.
Tanto para próximos como para contrarios o BNG segue a estar no centro do debate político en Galiza, e non so pola nosa vontade, si non pola vontade de Madrid de mallarnos o pandeiro as galegas e galegos. ¿ Será que os mandamentos de San Castelao están inda vixentes? ¿Será que as lamentacións profundas da alma galega que a poetisa Santa Rosalía declamaba seguen a resoar nas campás de Bastavales?
Quen non saiba ou non queira ler na historia do conflito social e político en Galiza despois da transición e ademais se ilusione coas novidades da mercadotécnia electoral andará dando tras-pés seguidos. Sexamos realistas; vaimos facendo un risco nunha táboa calquera do noso recuncho (os mais preparados na tablet) por cada unha das propostas políticas que re-inventaron o nacionalismo dende os anos sesenta do século pasado e fagámoslle unha cruz cando esmorecen. Incluíndo si se quer os que resultaron de mesturar o caldo galego cun cocido madrileño, como estes “ pratos espasañol-constitucionalistas- acomodados” que nos remexen en Galiza e ate no Parlamento Galego ultimamente.
¿Para que serviron esas alternativas? Simplemente para mirar para outro lado e adiar a dependencia e frustración dun país tan domado ou amansado. Da igual como se presenten; fai uns meses ouvín nunha campaña electoral en Galiza nun mitin, un que berraba “Galiza independente, viva Fidel Castro, viva Hugo Chávez” e outro intervinte no mesmo mitin, que viña de Madrid, dicía “con nosotros España no se dividiría.”
O desafío que o nacionalismo afrontou sempre foi o de bater na conciencia do pobo. Non abonda con facer remudas nas institucións, o difícil é remudar as conciencias das persoas.
Xa se mudou a dereita dúas veces no Parlamento Galego dende a transición, ¿ e qué?
A dereita, e menos en Galiza, non se lle desgasta nas urnas nin nas pantallas; quen desgastou e desgasta ao PP neste noso país é a loita política e social na que o pobo participa; ou sexa, aquilo que o BNG practicou e practica dende sempre.
Nun país no que hai tanto que decruar no terreo de debater e comprometer a xente para quitarlle a moitos/as as ideas conservadoras ancestrais, como se nos pode ocorrer que o BNG debe ser liquidado ou licuado. O noso pobo galego é o que España e o mercado abusón de Europa e Cia. lle convén que sexa. Estes son os que están poñendo a nosa Galiza no final do ciclo físico e vexetativo. Eses son os que estorban e non o BNG. ¿Porqué será que a todos lle sobra o BNG si tan pouca cousa é? Bon, os nosos amigos das enquisas din que en Galiza xa representamos no BNG tanto como os podemitas. ¡Quen o diría!
Con mais BNG o PP rebe, con menos BNG o PP medra.Non perdamos o sentido común a cambio da tolería electoral...
¿Víronlle algunha vez ao PNV buscar a liquidación doutras correntes nacionalistas mais a esquerda?
En Galiza tamén se chaman minas os rebaixes do terreo para quitar auga a superficie para distintos usos. Nas derradeiras asembleas do BNG nas que por sorte ou desgraza para o país, e para nos que tamén somos país e non estamos aquí para facer carreira política, tivemos que aturar unha mare de ventos atronadores tratando de impedir que nos transformaran en árbore de plástico, e tamén fomos camiñando para poñernos no medio dun pobo moi mancado en tódolos seus órganos vitais, comezando pola mocidade ou polo problema da desfeita demográfica. Temos agora estes días que soportar outra torturadora campaña electoral nunha romaría de danzantes onde nos van arredar como apestados, por algo será... Para nos era moito mais cómodo deixar o da soberanía e as loitas populares para despois e retirarnos a imaxinación mercantil electoral, pero como lle dicía o raposo ao can na estampa de S. Castelao “non che nacín pra can”...
O mesmo que os nosos antepasados foron quitando auga abundante desas minas nós temos que falar, a cada paso mais, con quen teña problemas e queira solucionalos buscando auga, que si a hai, para rematar con esta seca e con estes mareos de representacións e modernidades que non fan mais que facernos perder o tempo, e o tempo dos e das militantes e achegados do BNG é unha mina da que podemos ir pouco a pouco quitando os tesouros dun pobo rudo pero sabio. Dixo Ana Pontón e agardo que o repita:
“Non estamos en tempos de estarnos mirando o embigo”
Non fai moito nun instituto da Pontenova nunha actividade da asociación de ex-parlamentarios a Sra. Besteiro dicíame ao remate: “Emilio danche a razón e o beneplácito pero non che van dar o voto” Contesteille: “Prefiro que leven a cousa con esa orde e non ao revés, é moito mais seguro e ten mais futuro”...
Como é obrigado poñer exemplos para que a xente vexa claro, e sendo breve, citarei so con verbas sinxelas algúns dos tesouros das nosas minas:
A osa lingua; o noso patrimonio cultural materia e inmaterial; an nosa memoria histórica; tradescola; teatro galego; a nosa retranca; a nosa pesca; o noso mar; os nosos montes, vales e fragas... E como loitou e loita o nacionalismo por todo isto e moito mais... Aforro, autónomos, artesanía, preferentistas, emigrantes, banco de terras, ordenación do monte,prevención de incendios.... Paseade Galiza e atoparédesnos en todas partes menos en dúas: onde haxa cartos e nas pantallas. Nalgunha non lle deixan rematar as oracións gramaticais, ou como se chamen agora, a nosa portavoz. Inda pensará alguén que en Sarria non había escola de primaria. O mesmo que os nenos pensan que Feixoo é o presentador dos noticiarios.
As transformacións que o BNG e o nacionalismo levan producido e están producindo na nosa Patria van moito mais aló dos fenómenos electorais, a cada paso mais relativizados e ate desprestixiados. O BNG produce un impacto na sociedade que logra importantes transformacións e avances en Galiza; inda cando nos votan pouco estamos logrando coa nosa oposición que se aprobe o noso programa. ¡Imaxínense se nos votaran mais...! Sempre e cando, xa sei, que intentemos realizar o noso programa e non o do PP facéndolle rúas a Fraga para que nos perdoe España ter caído no pecado do “nacionalismo excluínte”. Vouno demostrar empiricamente: Os logros mais importantes que dende a transición se plasmaron para mellora do patrimonio e medio ambiente no Concello de Lugo foron pelexados polo BNG inda que foran inaugurados por outros: Muralla de Lugo, era un leiro forestal e ruínas cando comezamos a facer campaña pola súa salvación; Parque de Frigsa ía ser un parque de torres construtivas. O lema era “FRIGSA depende de ti”; parques do Rato e Fervedoira; cando Cacharro se fartou de pisar o noso proxecto e logo copiouno e aprobouse; fixo de comunista e ate expropiou; parque das Fontiñas; Parque do Miño; “Parque Marcos Cela”. Este inaugurámolo a memoria do noso compañeiro. E teremos praia fluvial, e mais sorpresas que teredes todos e todas. Lugo está cheo de minas, comezando no parque das fontiñas.
¿Porque raio teremos a algunha xente nacionalista aburrida e avergoñada de tanto bo que axudou a facer e que debía estarlle transmitindo aos novos, e pola contra estase a perder no mundo dos espellos como os indíxenas colonizados? ¿Hai algún territorio ( non lle chamedes nación si queredes, para non caer na herexía de S.Castelao, e vos reduzan o nivel de modernidsde os progres-istas e os progres-aqueles) que puxese tanta xente en pe como os movementos agrarios, obreiros,etc. en defensa do mar, da pesca.... (O fletán, nunca mais, o leite, os montes, a sanidade, a memoria histórica...?
E si digo que algúns movementos electorais conducen a adormecer e apagar este continuo movemento de rebelión que vive en Galiza co lume do BNG? Non pretendo ofender nin moito menos; So pretendo dicirlle aos novos e novas que viven enriba dunha historia de tesouros, de tesouros antigos tan valiosos que non hai cartos que os paguen.
En certa ocasión tocoume inaugurar as feiras do Páramo xunto co famoso Sr. Francisco Cacharro e tratei durante media hora de convencelo que a cultura e a Historia eran posíbeis sen a existencia do diñeiro; hoxe andará nalgún lugar do espazo dándolle voltas a aquilo que lle pareceu tan disparatado. Moitos coidan rematar co BNG pola asfixia económica, ides dados, temos tesouros agochados. Fai uns meses unha persoa nacionalista a que teño grande estima, aseguroume que isto ía tan rápido que en pouco tempo Beiras sería Presidente da Xunta, o BNG desaparecería, Podemos gobernaría España… Tres anos antes outra persoa veterana da UPG vía a ANOVA nunha lexislatura trepidante acadar cando rematara preto do corenta por cento dos sufridos sufraxios galegos...
¡Amados e amadas profetisas e profetas déixovos cos vosos espellos, volvo a nosa e miña terra a sachar, como hoxe sachei, o millo ,os ervelhos e os garavanzos para atopar tesouros, volvo a miña mina de auga a miña Patria Galega, ao noso leiro...!
-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.