O bergantín-goleta do BNG ten que entrar en dique

O bergantín-goleta do BNG ten que entrar en dique

Supoño que a noite do día 20 de decembro non fun o único que repetiu a plástica expresión que, en parecidas circunstancias, pronunciara a ínclita alcaldesa do “caloret”. Mais podo asegurar que a min non me colleu de sorpresa o resultado, o cal é doadamente verificable, revendo os meus artigos anteriores neste mesmo xornal.

Cando o mar está chan e alá no horizonte comeza a avanzar o vento cara a nós, detectámolo moito antes de que chegue polas enrugas que se forman na tona da auga. Se estamos na dorna coa vela arriba, botamos man da escota e da cana do temón para poder reaccionar á súa chegada. Pero hai ocasións nas que o vento vén correndo sen chegar a tocar a auga, manténdose esta tersa coma un espello; é o que os mariñeiros chamamos vento en ar, e o peor que nos pode pasar é que un refacho de vento en ar nos colla desprevidos, xa que nos pode tombar e deixarnos coa quilla ao sol. Non foi este o caso. O bergantín-goleta do BNG hai xa moi ben tempo que deixou de navegar con vento mareiro. Levámolo de proa e non queda outra que bolinar ou, como aprendín de cativo, voltaghear, o que require un bo patrón e unha tripulación experta, e nada diso se improvisa. Iniciamos esta singradura cun barco falto de patente, enxarcias gastadas e velas rifadas e remendadas, precisando máis dunha entrada en dique que dunha travesía. O vento púxose bravo e o mar esbranquizado e, xustamente agora, tivemos que amañar ex novo toda a tripulación, chegando a percorrer as tabernas do porto para enrolar a quen quixese facelo, desde o capitán aos oficiais, mestres e mariñeiros. Con este estilo de leva do século XVIII conseguimos o persoal e pintamos na popa un novo nome -que non é feo, mais non é BNG-, ignorando que isto só se facía en circunstancias moi traumáticas, caso, por exemplo, de que a embarcación mudase de propietario. Aínda bo que mantivemos a estrela no mascarón de proa. Cando vin todo iso, saíume unha frase moi empregada en molles e peiraos: “Eu dese barco non quero quiñón”. Por desgraza, acertei. Dous días despois da desfeita, fumeando aínda os restos sobre a auga e principiando a chegar as crebas ás praias, xuntámonos uns cantos nacionalistas a lambernos as feridas e a procurar explicacións e remedios. Eu defendín a mesma postura que veño mantendo desde hai anos. Sen saír de Terra e Tempo, pódese ver no artigo de marzo do 2011, subseguinte a outra desfeita electoral, cando algúns xa defendían unha postura acomodaticia, ata perder as esencias, disque para non rematar en figura testemuñal. Daquela concluín dicindo: “O BNG saberá o camiño que debe tomar e desexo que non se trabuque de vieiro, mentres, xa postos nesta tesitura, unha vez máis teño que lle dar a razón a don Carlos Marx, cando dicía: ‘Mellor un final terrible que un terror sen fin”. En decembro dese mesmo ano, noutro artigo que titulei “A casa do BNG anda revolta”, falei dos feroces ataques que, aínda dentro da organización, lle dirixía un, ata o daquela, significado militante, mais xa sen peso institucional (ou talvez por iso). Exemplifiquei coa resposta que Filipe II disque lle deu ao Cardeal Granvela, cando este lle lembrou que o emperador Carlos levaba xa un ano retirado da gobernación: “Tamén é certo –respondeu Filipe- que desde hai un ano non deixa de sentilo”. E Romanones, referíndose a Espartero, despois de subliñar o difícil que é retirarse de verdade da política, engadiu: “Os homes políticos nunca reciben con agrado a xubilación”. Lembran aquilo de “Fraga-gá”? Certamente aquel militante fixo moito dano, deu moita guerra, fundou un novo partido e estes días volve a querer impartir doutrina e encirrar os militantes do BNG contra a cúpula da UPG. Non sei se a batería de ataques a recentes artigos publicados en TeT por históricos dirixentes da UPG, voluntariamente afastados dos órganos decisorios, son espontáneos ou forman o preámbulo dunha campaña de ANOVA, AGE, MAREAS ou o que mañá decidan ser os interesados culminada pola desaforada intromisión de Beiras en casa allea. El saberá o que pretende, mais polo de agora semella estar a rematar como empezou, na liña de Piñeiro. Agora toca lavar a conciencia política coa escusa de galeguizar aos infieis e pagáns de obediencia carpetovetónica, e estes, o mesmo que fixo o PSOE en 1981, utilízanos como tontos útiles. Por certo, ben sei que hai mentes que se cren capaces de mudar as leis da física, pero mentres iso non suceda, deixen os seguidores de aplaudir a ignorancia do líder de que as mareas do solsticio son grandes.

Calquera mariñeiro sabe que son as peores do ano. Se Núñez Feixóo e quen sexa, non sei, do PSOE de Galicia fosen hábiles, estarían manobrando para que non deixasen formar grupo parlamentar ás MAREAS. Quedarían as súas vergoñentas trapalladas ao descuberto.

Terra e Tempo é un xornal de pensamento nacionalista editado pola Fundación Bautista Álvarez. Congratúlome de que nel se permitan comentarios sen ningún tipo de censura, ao tempo que me admira que haxa tal cantidade de participantes atacando ao propio titular da Fundación. A min non se me ocorrería entrar a atacar os argumentos, e menos as persoas, dun xornal de estrema dereita. Alá eles coas súas teimas. Por iso penso que moitos dos que abandonaron a casa común se están a comportar como os que veñen de romper coa parella e aínda queren seguir a se meter na súa vida e a tentar ofendela unicamente por despeito. Semella que aínda están vivas as brasas e hai mala conciencia.

Deixemos aos foráneos coas súas teimas e volvamos a análise das causas da derrota electoral. O BNG ten que deixar de empregar a técnica das beatas no confesionario, onde todos os pecados son do marido: “señor cura, acúsome de que o meu home me fai tolear...”. Non, collamos nós o touro polos cornos e enfrontémonos, responsablemente, aos nosos fallos; para citar as causas alleas chega cunha tarxeta de visita (media, poderes fácticos... o de sempre), para as nosas tal vez precisemos un bo feixe de folios. Nos últimos meses fixemos un ridículo considerable, chegando a cortexar en público unha moza esquiva ata a mesma porta da igrexa na que ía casar con outro. De que serviu? Ninguén valora e premia a teimosía chorona. En poucos días aplicamos un método alleo para conformar as listas de candidatos, esquecendo que o natural, o ser un mesmo, é o que dá credibilidade; pensamos un novo nome e, como se nos avergoñásemos das nosas siglas, renunciamos a elas e saímos ao foro con outras descoñecidas. Copiamos dos produtos do 15 M o que eles mesmos xa estaban abandonando e non se nos ocorreu pensar que, se Beiras acadou bos resultados hai anos, foi porque tiña detrás o aparato do BNG (UPG incluída) e polo seu carisma e dotes oratorias. Desta viaxe, o que distinguía aos novos líderes era precisamente a súa facilidade expresiva, aprendida ou perfeccionada en clases de comunicación social e retórica. Pola contra, eu teño que recoñecer que, nun mitin, fun incapaz de aplaudir para, co resto do auditorio, encher os involuntarios ocos do que o noso conveciño pontevedrés do século XVIII, o padre Isla, chamaba “taciturnidades del labio”. Un desastre de comunicación. Todo foi feito á presa e mal. E cando os compañeiros da devandita reunión se puxeron a criticar que Yolanda Díaz e Pilar Rojo se presentasen ás eleccións sen renunciar previamente ás respectivas cadeiras no noso parlamento, tiven que recorrer a aquilo da viga e a palla en depende que ollo, lembrando a Carme Adán. Se facemos como os demais, en que pretendemos que nos diferencien?

O bergantín-goleta do BNG ten que entrar en dique canto antes. Hai que cambiar as madeiras momas por outras novas, meter estopa nas xuntas, rascar e dar carena antiincrustante para evitar rémoras que o fagan pesado e recorten a estropada, repoñer cordame e trapo, pintalo ben pintadiño e, coa bandeira arriba do BNG, botalo de novo ao mar preparado para marear entre corvetas, fragatas e navíos de liña con boa artillería nunhas augas axitadas e infestadas de piratas, corsarios e filibusteiros de toda caste. Non é tempo de choros nin catarses, senón de tomar decisións ou pedir os papeis e desembarcar, pois Galicia non pode permitirse perder o nacionalismo do seu buque insignia.,-------------------------------------------------------------------------------------------------
Nota da Fundación Bautista Álvarez, editora do dixital Terra e Tempo
: As valoracións e opinións contidas nos artigos das nosas colaboradoras e dos nosos colaboradores -cuxo traballo desinteresado sempre agradeceremos- son da súa persoal e intransferíbel responsabilidade. A Fundación e mais a Unión do Povo Galego maniféstanse libremente en por elas mesmas cando o consideran oportuno. Libremente, tamén, os colaboradores e colaboradoras de Terra e Tempo son, por tanto, portavoces de si proprios e de máis ninguén.