O avanzo do 29M


O éxito da folga xeral do pasado 29 de marzo é indiscutíbel. O paro laboral e produtivo rexistrado durante a xornada na meirande parte dos sectores -e nomeadamente no ámbito industrial- foi masivo, como masivas foron as mobilizacións convocadas polo sindicalismo nacionalista e de clase.

Máis de 200.000 traballadoras e traballadores manifestáronse ese día coa CIG. Este dato encerra unha especial relevancia, non só por demostrar a capacidade mobilizadora do movemento nacionalista galego, senón sobre todo polo valor cualitativo. Mentres UGT e CCOO convocaron a folga xeral co obxectivo de sentar a negociar ao goberno Rajoy, a CIG fíxoo para esixir a retirada completa da última contrarreforma laboral. Esa diferenza e o nulo compromiso das centrais españolas por manter a loita no tempo, motivaron que o sindicalismo nacionalista convocase mobilizacións propias. Foi, máis unha vez, o entreguismo sindical de CCOO e UGT o que impediu a unidade de acción, non ningún afán isolacionista da CIG como inxustamente acusaron os media.

Este novo éxito mobilizador é a cristalización dun proceso prolongado, que se inicia nos albores mesmos da crise sistémica. A resposta masiva do noso pobo é resultado do empeño do sindicalismo nacionalista en promover e organizar o reaxer social contra da vaga de ataques antisociais coa que o capital pretende saldar a crise en favor da clase dominante, laminando dereitos laborais e sociais da maioría. A folga do 29M debemos, pois, inserila no marco da loita de clases agudizada pola crise capitalista, dentro do proceso social de confrontación co poder real da oligarquía financeira e o grande empresariado.

Non deixa de resultar curioso que os mesmos que hai poucas semanas negaban a capacidade da clase traballadora para ser suxeito principal do proxecto emancipador que representa o nacionalismo galego, e que optaban de xeito oportunista por formulacións interclasistas apelando aos sectores acomodados das 'clases medias', se afanen agora -desde a friaxe escisionaria- por tentar que os seus proxectos electoralistas cabalguen sobre a onda contestataria que protagoniza precisamente a clase traballadora.

As e os mesmos que rexeitaban a coincidencia cooperativa entre o referente político e o sindical do nacionalismo, pulando mesmo polo distanciamento entre BNG e CIG ou discrepando de que o Bloque apoiase activamente as sucesivas folgas xerais, facían na mañá do 29M e nos días posteriores grandes esforzos por saír na foto que retrataba o éxito mobilizador, para simularen publicamente ser parte activa nel.

Ao cabo, a última -que non derradeira- folga xeral amósase como un importante avanzo que o nacionalismo galego debe consolidar organizativamente, tanto no ámbito sindical como no político, sumando máis pobo concienciado ás filas da alternativa galega ao neoliberalismo, como chanzo previo a lanzármonos a ineludíbel contraofensiva en defensa dos dereitos e intereses da maioría.