O atraso nos dereitos das mulleres

Todos os dereitos que as mulleres fomos acadando nestes últimos anos van ser eliminados dun plumazo porque no estado español goberna a dereita baixo o xulgo da gran empresa de Rouco Varela con argumentacións obsoletas como que debido a maternidade está en perigo por culpa de presións sociais. E todo para xustificar unha lei sobre o aborto que en vez de ser unha garantía para as mulleres xestantes as sitúa outra vez cando nos anos 80 para abortar había que xustificarse.
Pero nada me pode sorprender cando din que Abortar non é un dereito senón un fracaso. Será un fracaso do seu modelo e da súa educación porque para min abortar é un dereito que deben ter as mulleres que deciden dar este paso porque xa o dixen moitas veces: nos parimos nos dicimos.
Non necesito que me veña un ministro de xustiza a dicirme que é o mellor para min, nin moitos menos a amosarme un estudio dunha universidade que di que as mulleres embarazadas sofren acoso laboral e que son despedidas, o que ten que facer é regular ese tipo de comportamentos e si crear un lei que castigue este tipo de comportamentos e non restarlle dereitos as mulleres xestantes.
Porque o final dun xeito ou outro as mulleres sempre son as que saen perdendo.
So hai que mirar a composición do actual goberno do estado español para darse conta que si hai ministras é porque hai unha lei de igualdade que teñen que cumprir e malamente o fan. E si sumamos o número de fillos dos ministros e das ministras veremos como o dos ministros superan amplamente o das ministras, porque para eles o modelo perfecto de familia é ese onde o pai trae o pan para a casa mentres a nai esta na casa parindo e criando fillos, e os domingos poñemos a garabata e o traxe novo e vamos a igrexa confesar e comulgar.
Quítanme dereitos pero que mellora recibo a cambio? Sinxelamente NADA, porque xa pouco máis me poden quitar como muller, como persoa e como galega. E logo queren ser europeos pero so para os que lles convén porque en vez de preocuparse de aprender modelos sociais, que nos países do norte de Europa lévannos anos de vantaxe, so miran a carta que lles envía Merkel cos recortes a facer.
Instauraron a política do medo: aos parados sacámoslle a prestación sanitaria, aos traballadores deixamos que o empresario faga deles o que queira, as pensións mellor recortalas, deixamos que o paro aumente para que así a poboación tire a toalla e poidan manexalos, que precisan un medicamento pois que o paguen que o final sae máis barato morrer que curar, xa que a factura do pasamento ten un 18% de ive e xa o subiran o 20%, e tampouco se esquecen do benestar do Sr. Botín, de Rato e compañía que si os veciños quedamos sen casa da igual o importante é que o banco non baixe do 15% de beneficios anuais.
E con este panorama que están creando non terán máis cousas que facer que andar a pensar no porque as mulleres teñen que abortar? En Galiza xa lle meteron man as garderías e os colexios públicos cada vez teñen menos recursos.
Por iso menos andar a tocar leis que non precisan actualizacións é mais traballar. Máis mirar polo benestar do pobo e menos polo deles. Máis políticas de emprego e de benestar social e menos recortes nestes eidos.
Din que traballar é saúde pero para o goberno do estado español e de Galiza non o deben saber porque tanto queren oprimir ao pobo que o final neste territorio so quedarán eles.