O ataque global ao sistema educativo público

O ataque global ao sistema educativo público

A procura asañada do desmantelamento dos servizos públicos, entre eles o educativo, obedece a unha xénese e atende a unha evolución que resulta doado albeitar, desde o fin da década dos anos setenta do século anterior, co inicio do declive do estado do benestar. Factores coma o freo da expansión económica da posguerra, o estancamento do consumo de masas, a crise enerxética e a necesidade de grandes inversións de capital para afrontar os avances tecnolóxicos, provocaron consecuencias tales coma continuos períodos de austeridade, dramáticas reconversións industriais, deslocalización das producións e un enorme inserimento das economías nacionais na escala mundial. Fronte a esta situación os durísimos planos de axuste estrutural, renovadas prácticas imperialistas e a incorporación de novas tecnoloxías acadaron un incremento da produtividade e dos capitais. Abríanse, deste xeito, dúas posibilidades. Por unha banda optar cara a unha política social e salarial expansiva, o que implicaba a reformulación dun novo pacto social entre capital e traballo para negociar os termos da redistribución. Por outra, tentar a derrota do traballo procurando incrementar velozmente os marxes de beneficio, co estabelecemento de baixos salarios, emprego precario, diminución dos prezos das materias primas e liquidación dos dereitos sociais. Non é preciso incidir que a aposta por esta segunda opción resultou nunha acentuación das desigualdades sociais e a mitificación de clientelas solventes, o estancamento de ritmos de crecemento con límites á produción e o xurdimento dun elevado número de capitais ociosos. Con este panorama é comprensíbel a modificación do papel tradicional que tiñan as finanzas ao servizo da economía real ou produtiva. As finanzas fanse cos capitais ociosos, modelizándose coma un medio rápido e seguro de enriquecemento, poidendo producir inxentes beneficios, sen ter que aturar a vulgaridade do proceso produtivo. Prodúcese, así, un enorme incremento no volume das operacións financeiras, especulativas, baseadas na súa propia lóxica da obtención de beneficios xurdidos da variación do prezo dos seus propios instrumentos e creando a ilusión de que o diñeiro pode reproducirse sen crear valor. Evidentemente estes capitais especulativos esixen, para poder continuar, a degradación das condicións sociais da existencia, a incorporación á lóxica do beneficio de todos os espazos sociais e ausencia de trabas á sua actuación. Deste xeito poden compatibilizar unha alta taxa de ganancia e acumulación cun crecemento lento e un mercado restrinxido.

Nesta intemperanza, nesta rapina, a acumulación de capital repousa, cada vez máis, nas capacidades de innovación e de formación da man de obra, así coma na apropiación dos saberes e coñecementos cuxa produción aínda fica en mans dos Estados. Cómpre, así, enfeblecer todo o que institucional, xurídica ou culturalmente limite a súa expansión situando o interese económico no centro da vida individual e colectiva. A innovación, a investigación e o saber só poden orientarse na procura da lóxica da apropiación capitalista. Deste xeito o valor dos individuos comeza a depender en exclusiva de competencias que van ser avaliadas e confirmadas no mercado laboral. Estase a producir unha reformulación no control da formación dos traballadores/as co fin de dispór dunha man de obra máis empregábel, flexíbel e adaptábel aos novos procesos técnicos e comerciais, sometendo a educación, ao igual que outros espazos colectivos e individuais, a esta dinámica de apropiación. Máis de 1500 millóns de alumnos, máis de 50 millóns de docentes e centos de miles de centros educativos constitúe un poderoso atractivo para o mercado mundial.

Que significa logo privatizar a educación neste contexto? Pois en principio a perda do sentido do público co conseguinte abandono do seu finanzamento. A educación é concebida coma un ben de capitalización privado, orientada a mera obtención de beneficios. Dáse un progresivo afastamento da mesma da esfera pública para ser confiada exclusivamente ao mercado. Abandónase a concepción de servizo público para ser presentada coma un medio de fornecer bens e servizos comerciais. Medra a dependencia das fontes privadas do seu finanzamento, non abondando co desamparo estatal, senón que os seus obxectivos reoriéntanse en función dos intereses do gran capital.

As formas que esta privatización da educación adoita adoptar, a nivel global, son de tipo endóxena e exóxena. A primeira, ou na educación, conleva un xeito de xestión privada con importación de técnicas empresariais; unha ampla desregularización e a valoración en función de resultados. A segunda, ou da educación, supón medidas como a subcontratación de servizos, centros e instalacións; a comercialización ou esponsarización de programas e actividades, a chamada "cocacolalización"; a dependencia de recursos privados, a cofinanciación e o copago; e, por último, a concertación e subvención do ensino privado para desbancar e substituír ao público. As consecuencia máis inmediatas deste proceso no sistema público educativo son a súa desinstitucionalización, a desvalorización e a desintegración. Os currículos son deseñados en función das demandas do capital. Prodúcese un trasvase encuberto de rentas cara aos sectores mellor situados economicamente. O alumnado procedente das capas máis desfavorecidas socialmente vese privado de medios e recursos, tanto materiais e financeiros para recibir unha educación de calidade. Aumentan, así, as desigualdades no acceso ao coñecemento. Tamén o profesorado se desprofesionaliza e se desvaloriza, inevitábel e intencionadamente, na súa función.

Combater toda a mitoloxía que tenta lexitimar este proceso é unha tarefa tan ardua coma enormes son os poderes comprometidos no mesmo. A crise resulta ser a xustificación ideal cara a privatización do público e do esfarelamento dos mecanismos de protección social. Mais, cando as arelas de transformación non acharon obstáculos?