O asalto á nación


Este ano cumpríronse 50 desde que Adolf Eichmann fose xulgado e executado en Israel por ser o máximo responsábel da posta en práctica da chamada “solución final” que tiña como obxectivo o exterminio de todo o pobo xudeu. Non só este feito, senón que para capturalo se violase a soberanía doutro país, Arxentina, onde foi secuestrado sen coñecemento das autoridades locais, avivou un debate filosófico que situaba como prioritaria, antes de ningunha outra reflexión especulativa, a necesidade de entender porque uns seres humanos foron quen de chegar a conclusión de que debía ser exterminado todo un grupo da súa especie só por ter unha determinada identidade étnica, e sobre todo, como evitar que isto volva acontecer.

No libro de Lukács felizmente traducido como “O asalto á razón” -e que parafraseamos no título- rastrexamos na historia do pensamento e da cultura europea unha explicación do trunfo do nazismo na Alemaña. Amósanos como o irracionalismo vai demolendo as estruturas do diálogo e debate lóxico e igualitario para criar as condicións intelectuais que favorece o desenvolvemento da concepción fascista da vida. Por outra banda, a obra de Theodor Adorno e Max Horkheimer “Dialéctica da ilustración” fai o mesmo desde a análise do nacemento e desenvolvemento da razón ilustrada; e mentres o primeiro puña a Nietzsche como fito dunha tradición que desembocaría nos campos de exterminio, os últimos consideran Auschwitz o cumio do vector que desde Kant exalta a capacidade da Razón para dominar á natureza e aos demais seres humanos.

Simplificando así estes dous indispensábeis textos puideran parecer incompatíbeis e contraditorios. Mais o caso é que neles atopamos achegas fundamentais para entender o totalitarismo aínda que ambos os dous son insuficientes por si sós para explicalo. Mais tampouco se os sumamos: téñase en conta que sería imputarlle unha cultura libresca excesiva á inmensa maioría da poboación que apoiaba o nazismo, mais, en calquera caso, se as obras nas que se inspiraba este pensamento eran, á súa vez, froito do ambiente no que se produciron, tampouco queda resolta a cuestión con ver reflectidos nos textos unha mentalidade produto dun contexto social senón logramos expoñer claramente as causas de porque se produce a súa xestación nun momento e nun espazo determinado. Habería que abordar o asunto desde a perspectiva dunha conciliación entre esas dúas obras, mais, sobre todo, deberíase acometer a análise desde o entendemento entre filosofía e sociedade para comprender porque pasou o que pasou e que -doutro xeito máis sofisticado e menos ruidoso- pode ser que siga a pasar, isto é, porque se matan pobos. E para iso, permitídeme que bote man dialecticamente dunha terceira posición. Refírome a Hannah Arendt. Quen colleu as maletas e foise a asistir ao xuízo de Eichmann, papando todo o proceso e rachando cunha concepción dunha filosofía académica que precisaba certa distancia da realidade para facer as súas cábalas. Será por iso que ela nunca se identificou como filósofa. Desa viaxe sairía o seu libro “Eichmann en Xerusalén”.

O nazismo xa ocupara parte da súa obra “As orixes do Totalitarismo”. Dela cumpriría facer fincapé na utilidade da súa lectura para desmontar a imputación ao nacionalismo da construción de coartadas para as matanzas, aclarando que precisamente foi a destrución da nación (do Estado-nación nacido no século XVIII) o obxectivo dos Estados totalitarios que pretendían expandirse por riba deses límites constrinxidos a través de panmovementos como o Ario ou a hispanidade aquí, insistindo na falla de patriotismo territorial destes caudillos imperialistas. Se algunha vez utiliza o termo nacionalismo cara eles é co adxectivo de “tribal” que desautoriza a súa identificación coa tradición democrática e emancipadora que encarna o auténtico nacionalismo moderno. E digo isto porque ese feo costume de chamar polo mesmo nome ao imperialismo e ao anti-imperialismo non é moi rigoroso se queremos fixar con claridade os conceptos aos que nos referimos. O caso é que non sempre houbo nacións, polo tanto tampouco houbo até agora asasinos de nacións. Ese é un fenómeno eminentemente recente e compre entender como está conectado coa evolución económica e política do mundo. Arendt sostén unha escándalosa autonomía do político a respecto do que os marxistas vulgares chaman a infraestrutura. Mais hai cousas das crimes políticas masivas que non se explican só polo interese económico en realizalos. De como evolucionou a política desde o seu nacemento até agora para converterse en algo tan perigoso e destrutivo é analizado nun libro inacabado que se difundiu co título precisamente de Que é a política? no que aparecen ideas súas vellas que se arrastran ao longo da súa traxectoria investigadora desde a súa tese de doutoramento sobre Santo Agostiño até unha das súas obras máis populares, “A condición humana”, mais aquí aparecen de xeito contundente e sentenciador.

Fálanos como orixinariamente nace a política como contraposición á violencia no seo da polis, na praza pública, arrincando da tradición homérica que poñía en pé de igualdade de deliberar aos diferentes reis aqueos durante o prolongado sitio de Troia. Dalgún xeito a política quedaba excluída das relacións domésticas e das internacionais (por chamarlle dalgunha maneira á relación cos pobos bárbaros).

O de menos é a veracidade do relato da fundación dun espazo político senón o feito de que os seus membros se sentiran reflectidos por remitirse a el para identificarse como gregos ou logo como romanos (“A antigüidade como unha meta para orientarse”). Téñase en conta que desta guerra tiran a súa orixe uns mais os outros a partires de ambos os dous bandos. Falamos de como os primeiros lembran un espazo común (neste caso o campamento ocupante) no que debatían entre iguais, e tamén o feito que na casa de cada quen nin cos estranxeiros habería posibilidade de dito debate. Os últimos, pola contra, retrotráense ao troiano Eneas que arriba a península itálica e alí expánde o seu espazo político, ampliando a súa lei polo Lazio na dirección de abranguer algunha vez todo o orbe.

Arendt apunta que é cos romanos que nace a política exterior, isto é, a “societas” entendida como acordos entre pobos, desbotando por primeira vez a idea da aniquilación total do inimigo (Cartago aparte, feito que atribúe a que non eran xente de palabra e, xa que logo, non quedaba outra). A violencia entre pobos queda restrinxida como instrumento pasaxeiro de xestación de dereito internacional. É certo aínda non podemos falar de nacións, mais si de pobos. Mais o “populus” non comporta a confusión entre patricios e plebeos (é interesante isto para entender a súa crítica a como fascismo destrúe os pobos a través da diluír e converter as clases sociais en masas); e no plano exterior, os acordo cos outros pobos esixe que os interlocutores sexan formalmente recoñecidos (Arendt é unha defensora das fronteiras e mesmo deriva a Polis da construción de balos no seo dos cales ten vixencia unha lei).

Compre lembrar que o concepto de política que manexa Arendt ten que ver coa asunción da existencia dunha pluralidade de puntos de vista, algo que só se pode producir cando aceptamos a presenza de clases sociais no seo dunha sociedade ou o feito de admitir que haxa pobos diferentes e -sobre todo- insubstituíbeis ciscados ao longo do planeta. Entre as ideas que deixa apuntadas Arendt subliñamos o feito de que eses pobos, eses distintos puntos de vista ou “conviccións” como ela lle chama, non son producidos e, xa que logo, susceptíbeis de ser reproducidos senón que xorden na acción e relacións dos seres humanos nun momento e nun lugar determinado. Isto lémbranos ao sartriano un é o que fai, e tamén bota luz sobre o concepto actualmente de moda dunha nación “construída” e deixa en evidencia este no sentido do absurdo de que se conclúa que unha vez destruída a nación puidese volver a fabricarse de novo tal como era.

O caso é que Arendt chama a atención de como foi discorrendo a historia até chegar a época actual na que xorde un elemento tan novidoso como é o asasinato de pobos. E aquí non se refire só ao exterminio biolóxico dos seus habitantes xa que -como ela lembra- de xeito individual todos acaban morrendo máis cedo ou máis tarde, senón que afirma: “o que aquí se mata non é algo mortal senón algo posibelmente inmortal”. Por seguir coas súas palabras: “Se é aniquilado un pobo ou un estado ou ata un determinado grupo de xente, que -polo feito de ocupar unha posición calquera no mundo que ninguén pode duplicar sen máis- presentan unha visión do mesmo que só eles poden facer realidade, non morre unicamente un pobo ou un estado ou moita xente, senón unha parte do mundo -un aspecto del que téndose mostrado antes agora non poderá mostrarse de novo. Por iso a aniquilación non o é soamente dun mundo senón que afecta tamén ao aniquilador. A política, en sentido estrito, non ten tanto que ver cos homes como co mundo que xorde entre eles; na medida que se converte en destrutiva e ocasiona a ruína deste, destrúese e aniquila a si mesma”.

Durante o II Congreso Galeusca de Historia asistimos a un debate sobre o concepto de xenocidio aplicado ao Franquismo, e sobre todo coa vista posta nos casos das nacións do Estado, discusión despachada por uns compañeiros dos países cataláns afirmando a falla de rigor da aplicación a este caso atendendo á etimoloxía da palabra. Mesmo consideraban de mal gosto e pouco respectuoso coas vítimas que si realmente sufriron este tipo de masacre no sentido correcto do termo. Si en algo paliamos a desgraza de armenios, xitanos ou xudeus puidéramos prescindir no noso vocabulario deste rótulo pois existen nas ciencias sociais outras denominacións como a de etnocidio de Pierre Clastres. Mais o proceso que pretendemos comprender é á conexión que Arendt establece entre o imperialismo expansivo e exterminador de nacións e o trunfo do totalitarismo que estuda na citada obra dedicada a este fenómeno así como a lóxica do propio totalitarismo como substitución da política por burocracia até chegar a “banalidade do mal” ou as mortes administrativas que analiza en “Eichmann en Xerusalén”.

Nesta obra hai quen interpreta que establece unha conexión entre o nazismo e os movementos anti-israelíes dos países árabes. Non concordo. A súa aposta por un Estado Binacional (palestino/xudeu) é coñecida. Mais Arendt preocúpase máis polas mecánicas totalitarias que polo feito de que se poidan imputar a uns ou a outros, de aí que sexa doado chegar a conclusión, a través da lectura deste traballo, que hai un parentesco máis evidente entre o Estado racista e expansionista de Israel co nazismo. Así é que Arendt acabou mal con todo o mundo, mais tiña unha posición privilexiada para entender o carácter novidoso e épocal do xenocidio. Como xudía que tivo que fuxir do holocausto (seguramente pasou por Galiza camiño do seu embarque en Lisboa cara Nova York) tiña autoridade para falar disto, e mesmo de temas como a complicidade de moitos xudeus no seu propio exterminio (os Consellos xudeus, os comandos da morte) que outros se medirían en abordar para non ferir sensibilidades e que ela fai con moito atrevemento na súa preocupación por chegar a entender a “condición humana” que explica que un pobo nunhas determinadas circunstancias faga o que fai. Para ela o holocausto non é obra dun só individuo (Eichmann, Hitler...) senón que é unha tarefa complexa na que participa en diferente grao de colaboración unha grande masa. Isto non quita o seu rexeitamento a que se dilúa esta culpabilidade difusamente, parécelle repugnante que se estenda a xeracións anteriores ou posteriores. A responsabilidade é sempre individual. O caso é que este fenómeno contemporáneo da destrución de nacións que preocupou e ocupou a esta autora transcende nela á súa experiencia particular e ao intento de borrar da face da terra aos xudeus. Antes sinalamos o feito de que a morte biolóxica de individuos non é a meta do aniquilamento dun pobo. Pódese entrever que o obxectivo actual da extinción de nacións reside máis na redución do ámbito político, dos puntos de vista en xogo, e na imposición do que se deu en chamar desde hai tempo o “pensamento único”. O certo é que “Eichmann en Xerusalen” abriu explicitamente multitude de debates (quen debe xulgar os crimes contra humanidade, dereitos humanos e soberanía nacional, comprensión do colaboracionismo baixo o Terror, etc...) e quizais haxa quen pense que outras consideracións apegadas a estes feitos históricos só teñen utilidade limitada e restrinxida para eses asuntos, mais a potencialidade de Arendt para entender o acoso e derrubo que sofre a diversidade nacional está aínda por explotar.

Medio século despois esta obra conserva a súa viveza e intensidade, mais, o interesante é que achega multitude de “alertas” para que non nos pille desprevidos ningún dos trucos empregados polos etnocidas para acabar cunha determinada comunidade. Nas súas páxinas atoparemos tamén desacougantes motivos de reflexión que de seguro serán un exercicio moi útil para entender o tempo que nos tocou vivir. Animo, en calquera caso, a achegarse a estas páxinas escritas desde a paixón de quen considera a verdade política como a arma máis revolucionaria e necesaria que creou o ser humano.