O amigo do muiñeiro


Se non fora porque sabemos que Feijóo é un cínico e mentireiro compulsivo, despois de recorrer unha sentencia sobre o noso idioma que seica lle era favorable e de escoitar os peregrinos argumentos que deu sobre a súa amizade co narcotraficante, Marcial Dorado, podíamos chegar a pensar que ao presidente da Xunta de Galiza lle falta un fervor ou, como se di popularmente, que pase unha primavera máis por el, pois foi o único que non se decatou de que o seu amigo xa fora detido dúas veces polo caso “Nécora” e que levaba vinte anos de delincuencia organizada, non sabía a que actividades se dedicada nin de onde lle viñera a inmensa fortuna que posuía. Pero como sabemos da súa adición a mentira, que non conta a verdade nin ao médico, penso que é el o que nos toma a nós por parvos contando mentiras tan incribles como as que dixo antes de ter que recoñecelas no Parlamento Galego ou a dos contratos con PEMEX e outras moitas que dixo na campaña electoral. É certo que moita xente comunga con elas debido a que controlan os grandes medios de comunicación (a Prensa Canalla, que dicía o amigo Pepe Rei, eses que estudaron a carreira de periodismo pensando en facerse ricos e non para exercela decentemente), como a TVG ou “A Coz de Galicia”, que as repiten mil veces até convertelas en verdades absolutas, difaman ao contrario e terxiversan as razóns dos demais.

Na primeira rolda de prensa só lle faltou dicir que cando veu o Marcial andar con fariña pensou que era muiñeiro, que si foi detido dúas veces antes de 1995 podía ser por cobrar máis maquía da debida, ou que, ao ver que manexaba tanto tabaco, tamén pensou que tería un estanco, aínda que non pagara tributos a "estanqueira", que é como lle chaman aquí en Euskal Herria á bandeira española. Despois, nas seguintes comparecencias, xa se meteu máis en fariña e en cada unha ía recoñecendo algunha cousa que negara na anterior.
Pero, por moito que se empeñe o señor Feijóo, aquí todos sabíamos daquela que o seu amigo era un narcotraficante e contrabandista, que non era muiñeiro nin estanqueiro, aínda que traficaba con fariña e con tabaco. Sabemos que Feijóo só finxe darse conta das cousas cando aparecen nalgún medio de comunicación que non chegan a controlar, como foi o caso dos sobres de Bárcenas e as súas amizades perigosas, pero eu creo que lle era moito mellor recoñecer o problema de primeiras que intentar xustificarse con mentiras e agardar a última hora, cando xa non queda máis remedio que acabar recoñecendo a verdade. De seguir insistindo en que non sabía nada aconséllolle que se faga mirar ese problema, porque non é de recibo iso de confundir Os Pirineos cos Picos de Europa, e de paso mirar o da amnesia que finxe ao non acordarse das festas de Cascais e de Ibiza co seu prezado amigo que só lembrou na sesión parlamentar, a última hora e a “regañadentes”, cando llo recordou a oposición.

Non só sabía a que se dedicaba o seu amigo, co que seguiu tendo contactos despois de estar na cadea, senón que sabía cales eran as súas empresas porque doutro xeito non podería acusar ao bipartito de subvencionalas, xa que é imposible saber cales eran e a cargo de quen estaban despois de ser condenado, salvo que se teña unha amizade e relación moi profunda como tiña el co narcotraficante encadeado, polo que se deduce que Feijóo si tiña un gran coñecemento de cales eran esas empresas e os homes de palla de Dorado que as administraban, pero non o bipartito. O caso é que sempre din o contrario do que fan, porque agora vennos Rajoy e pide “a todos os partidos” que combatan a corrupción e sexan implacables cos corruptos, como se todos tiveramos o mesmo problema de corruptelas que ten el no seu. Se fixera o que pide aos demais empezaría por limpar a súa casa e xa estaría pedindo a dimisión de Feijóo; non lle pagaría a Bárcenas nin en diferido; expulsaría a Baltar, Jaume Matas, Camps, Carlos Fabra, Conde Roa, O Bigotes, Aznar, a Botella e tantos outros golfos e golfistas que ten nas súas listas facendo pares a conta dos demais. Despois de limpar o partido daríase conta de que o mellor para todos, e para rematar con esa lacra, é que disolva o partido, peche a porta de Génova 13 e tire a chave ao mar, porque tampouco se soluciona o problema coa censura, fixando límites aos medios, como pretendía o inquisidor Ignacio González.

,A calquera organización lle pode xurdir algún corrupto nas súas fileiras, pero no seu partido son lexión. Aquí os corruptos parece ser que están no máis alto da cúpula do Estado e do partido do Goberno, polo que debe tomar el as medidas que recomenda aos demais. Non se remata con esa lacra defendendo a un alto cargo público da Xunta que se reuniu cun amigo narcotraficante, que tamén abastecía de combustible para a calefacción aos hospitais do SERGAS, e acusando a quen, sen ter cargo público ningún, se reuniu con un amigo empresario que nunca tivo imputación algunha. Non se remata coa corrupción atacando a quen a denuncia, salvo que se teña rabo de palla, pero nada do que está a pasar é de estrañar nos dirixentes do PP, pois xa o propio Rajoy tiña amigos muiñeiros e utilizou o iate do clan de Os Caneos para iniciar a campaña das Europeas do 2009, cando o seu xefe, Daniel Baúlo Carballo, cumpría unha condena de 17 anos e medio de cárcere tras ser considerado pola policía como "el traficante más importante a nivel nacional". Algún rendemento lle deben de sacar para enfoularse tanto na fariña.
O medo que teño é que lle dean un indulto ao narcotraficante de marras para que non cante que o agora presidente da Xunta era coñecedor das súas actividades e que non diga os motivos polos que o acompañaba a Andorra, porque este reino da corrupción do sogro “campechano” do Duque Empalmado é o único no mundo que pasan estas cousas, e no que a Fiscalía Anti Corrupción fai de avogado defensor da presunta corrupta recorrendo os autos que imputan a un membro desa familia real (que vai de escándalo en escándalo e cada día xurde un novo), na vez de esixir que se investiguen a fondo todos os indicios ponse da parte deles, porque está claro que aquí a xustiza quítase a venda e inclina a súa balanza a un lado ou ao outro dependendo a quen se lle aplique. Se a Fiscalía fora tan exixente como o é coa inxusta e antidemocrática Lei de Partidos, e os xuíces non tiveran a inclinación política cara os dous partidos maioritarios do Estado Español que os elixen, estarían ilegalizados polas prácticas delictivas dos seus dirixentes, pero o presidente do Partido Popular sáese pola tanxente acusando precisamente a quen denuncia que o segundo cargo político da Consellería de Sanidade da Xunta andaba en 1995 no iate co narcotraficante e traficante de tabaco, sabendo que os produtos cos que traficaba son moi nocivos para a saúde pública, como ben lle lembrou Jorquera, pero igual xa pensaba daquela que cantos máis enfermos máis beneficios, dada a súa manía en converter a sanidade nun negocio para os seus amigos e familiares.